A Xunta declarará Ben de Interese Cultural o convento do Bon Xesús de Trandeiras

Abre un prazo de 24 meses para completar o expediente sobre este monumento da Limia

Abre un prazo de 24 meses para completar o expediente sobre este monumento da Limia
Claustro do convento do Bon Xesús. Fonte: Turismo de Galicia
O Diario Oficial de Galicia deste 19 de febreiro recolle a incoación do expediente para declarar Ben de Interese Cultural o Convento do Bon Xesús da Limia, situado en Trandeiras, Xinzo de Limia. Os restos deste cenobio franciscano, construído no século XVI, contan desde este momento coa protección propia desta declaración, que abre agora un período de alegacións e conta con 24 meses para se facer definitiva.

Segundo apunta o expediente publicado no DOG, o convento "responde ao esquema clásico monástico e á súa composición típica de igrexa e claustro", e conta "cunha serie de construcións auxiliares de finalidade agropecuaria e cunha singular infraestrutura hidráulica", que inclúen depósitos, canles, un lavatorium e mesmo unha pía de curtido.

O conxunto supón "un dos edificios históricos máis significativo da comarca da Limia, con sobranceiros valores arquitectónicos e artísticos, postos de manifesto na monumentalidade das estruturas que permanecen e na decoración singular dalgún dos seus elementos".

Ademais, considérase "unha obra de transición entre o gótico tardío e o primeiro renacemento galego, de cuxa etapa non hai unha gran representación en Galicia. A monumentalidade e a calidade construtiva en cantería das estruturas contrasta coa delicada decoración de elementos, como a portada da igrexa e o pórtico do claustro".

A declaración dá conta tamén da importancia dos cinco retablos que se conservan na igrexa, que é a parte mellor conservada do conxunto, canda ao patrimonio inmaterial vencellado do convento na forma de lendas sobre a súa orixe.