O funicular de transporte de materiais de Valga será Ben de Interese Cultural

O DOG recolle a incoación do expediente para protexer este conxunto de patrimonio industrial

27/2/2020 | Santiago. Redacción | Seccións: patrimonio
24 lecturas | Compartido 0 veces

Transporte funicular aéreo da Cerámica de Campaña. Fotografía de Laura de Charo en Obaixoulla.gal

O funicular de transporte aéreo de materiais Novo y Sierra en Valga xa conta con protección como Ben de Interese Cultural. O Diario Oficial de Galicia deste 27 de febreiro publica a incoación do expediente para lle outorgar a esta peza de patrimonio industrial a máxima protección prevista na Lei. A declaración afectará ás sete torres e á zona do embarcadoiro que se empregaban para levar o material cerámico da empresa Novo y Sierra ata o río Ulla suspendido en vagonetas. A resolución deste expediente conta cun prazo de 24 meses para se completar.
Na declaración saliéntase que este conxunto é "o único exemplo desta tipoloxía (a do transporte aéreo de materiais) que pode ser conservado, dunha tipoloxía industrial moi presente e relevante en Galicia, a da produción cerámica, e tomando en consideración a súa orixe en 1927, fan que sexa un exemplo único na Comunidade Autónoma, do cal existiron outros exemplos que non se conservan".

As torres "de celosía metálica segundo o sistema alemán Bleichert, permitían a circulación pechada de ida e volta combinando a suspensión e o percorrido por carrís de vagonetas capaces de transportar máis de 300 quilogramos", segundo informa a Consellaría de Cultura, e contan cunha altura de entre catro e sete metros. Pola súa banda o peirao "mantén o sistema estrutural de soporte de material cerámico, de forma poligonal cara ao río Ulla cun piar central que sostería a última das rodas do sistema de xiro" do funicular.

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego

Escenarios
1 lugar identificados
Claves temáticas
Lugares