Vedra acolle a Mostra de Arquitectura Rural

O encontro, que transcorre do 9 ao 11 de maio, pretende achegar esta disciplina á xente e pór en valor as aldeas

O encontro, que transcorre do 9 ao 11 de maio, pretende achegar esta disciplina á xente e pór en valor as aldeas
O estudio de arquitectura Eló e o Concello de Vedra organizan a primeira Mostra de Arquitectura Rural M.A.R.C.O., que se desenvolve neste concello entre o 9 e o 11 de marzo. Un completo programa de actividades que van desde obradoiros sobre técnicas de construción a actuacións musicais e actividades didáctica con esta disciplina como eixe.

A proposta nace coa intención de "romper coa barreira que distancia a Arquitectura dos seus beneficiari@s, e trasladar a importancia desta no desenvolvemento social, recuperando a confianza na disciplina como axente configurador de cidades e pobos, contornas e paisaxes, espazos habitables; e, en definitiva, da calidade de vida das persoas". Segundo sinala a presentación do evento, este "encadra como un 'marco' o conxunto das '9 artes' sobre as que a arquitectura exerce de nexo común".

Dentro programa encádranse visitas a vivendas da zona con características particulares canda a conferencias e obradoiros sobre diferentes propostas sobre sustentabilidade, integración na paisaxe ou técnicas construtivas, entre outras cuestións.

Diferentes mostras a recoller trinta proxectos de nova arquitectura galega, obras escultóricas de Edelmiro Fernández, esculturas lumínicas a cargo de Arturo Álvarez ou pinturas de Beatriz Seijo e Delio Sánchez fan parte do completo programa de exposicións do evento, que inclúe tamén contidos deste tipo sobre o Románico da Estrada e a recollida de cantigas na comarca da Ulla. Tamén se poderá ver a fotografía de palcos da música da man de Luís Díaz e a das Casas Doentes de Manuel Sendón, entre outras propostas.

Unha mesa redonda dará a coñecer a experiencia do festival Castelo Conta da man dos veciños que o protagonizan e con Xosé A. Touriñán como moderador. Obradoiros, xogos para o público máis cativo e actuacións musicais fan tamén parte dun completo programa que, segundo salienta a organización, "trata de exaltar as características propias da paisaxe, da arquitectura local e das dinámicas socio-culturais das aldeas; buscando a revalorización e a conservación do patrimonio construído e etnográfico, un desenvolvemento sostible e orgánico e, por suposto, a participación veciñal".