Luís Taibo
A poliédrica figura de Luís Taibo (Santiago de Compostela, 1877 - México D.F., 1954) compositor, pianista, director, escritor e médico, ademais dunha figura esencial nos diferentes movementos galeguistas de finais do século XIX e primeira metade do XX está estes días a ser obxecto de recuperación graza á presentación dun libro a a un espectáculo musical na capital galega. Ven de ser presentado no Paraninfo da Universidade de Santiago o libro '𝘛𝘢𝘪𝘣𝘰. 𝘝𝘦𝘳𝘴𝘰 𝘭𝘪𝘣𝘳𝘦 𝘥𝘢 𝘮𝘶́𝘴𝘪𝘤𝘢 𝘨𝘢𝘭𝘦𝘨𝘢. 𝘊𝘰𝘮𝑝𝘰𝘴𝘵𝘦𝘭𝘢 / 𝘔𝘦́𝘹𝘪𝘤𝘰 𝘋.𝘍.', asinado por Alberto Cancela e coeditado polo Consorcio de Santiago xunto a ACentral Folque. Taibo viviu dividido entre Galicia e México, país que o acolleu e lle permitiu desenvolverse plenamente, no ámbito musical supón un paso máis cara o nacionalismo galego, dende un estilo moi persoal e sempre enraizado na tradición galega. Este volume conta cun catálogo completo das súas obras, así como cun apartado documental con partituras, epistolario e textos literarios.
Complementariamente, este xoves, 8 de maio, terá lugar no Teatro Principal de Santiago o espectáculo 'TAIBO'. Rosalía Gómez Lasheras, Abe Rábade e Alejandro Vargas, pianistas aclamados polo seu virtuosismo, únense para dar forma a TAIBO. Esta proposta conxuga os seus particulares universos sonoros para celebrar a Luís Taibo, autor dunha obra que se cría perdida na súa maior parte. Na presentación do libro Abe Rábade e Alejandro Vargas, interpretaron a obra 'Carmeliña. Danza galaica I', unha muiñeira para piano composta por Luís Taibo e publicada por unha editorial descoñecida a comezos do 1899. A partitura foi enviada polo propio autor ao arquivo da Real Academia Galega en 1949, onde se conserva actualmente. Alén do musical, TAIBO tamén nos descubrirá o pensar e sentir do mestre compostelán a través do misterio da palabra poética cantada da man dunha voz convidada aínda por revelar.