A Deputación da Coruña crea o Premio José Gil de Audiovisual

Outorgará tres premios de 6.500 euros para os gañadores en tres categorías

Outorgará tres premios de 6.500 euros para os gañadores en tres categorías
A Deputada de Cultura, Natividade González e o comisario do certame, Manolo González
A área de Cultura da Deputación da Coruña suma un novo certame ao seu catálogo de premios á creación, o José Gil de audiovisuais. Terá unha dotación de 19.500 euros, 6.500 para cada un dos gañadores das tres categorías a concurso: guión de longametraxes de ficción en lingua galega, guión de longametraxes documentais en lingua galega e traxectoria ou iniciativa de especial relevancia no audiovisual galego. As bases xa está publicadas no Boletín Oficial da Provincia e o prazo de presentación está aberto desde hoxe ata o 28 de maio. O galardón leva o nome de José Gil, que como sinalou o comisario do certame, Manolo González, foi pioneiro en Galicia da reportaxe fotográfica, o nacemento do cinema de ficción, documental, industrial, educativo e turístico, "así como tamén da lusofonía audiovisual, os noticiarios, a publicidade, o arquivo fílmico e tantas outras achegas incuestionables do cineasta a prol da modernización de Galicia entre 1910 e 1935". O xurado estará presidido pola Deputada de Cultura, Natividade González, e formado por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito do audiovisual.

O comisario do certame é o investigador Manolo González, que foi creador e director da Escola de Imaxe e Son da Coruña (1990-1998); profesor na facultade de Comunicación da Universidade de Vigo; responsable da área de cine e vídeo na dirección xeral de Cultura de Luís Álvarez Pousa (1984); creador e director da Axencia Audiovisual Galega da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia (2005-2009), e galardoado en varias ocasións nos premios do audiovisual galego. Na actualidade, segue a coordinar o encontro de cineastas Chanfainalab en San Sadurniño (2014-2023), XI premio José Sellier da Academia Galega do Audiovisual. En 2023 recibiu o Premio Losada Diéguez polo seu libro 'Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil'.