
Así falamos, así sentimos, última proposta da superheroína Nabiza Girl, a serie policial E logo, quen foi? e mais o falso documental A moza que abortou e o contou, que se fixo co galardón do festival ao Mellor Proxecto en 2023, compoñen a presenza do noso país nesta sección. A estes súmanse proxectos de Estados Unidos, Irán, Reino Unido, Chile, Portugal, Alemaña, Puerto Rico, Australia, Francia e Austria.
O crítico televisivo Bob Pop, a actriz e creadora de contido Albanta San Román e o director Jorge Boquete compoñen o xurado desta edición e entregarán os premios a Mellor Serie, dotado con 800 euros, e á Mellor Dirección, que conta con 200. A estes súmase o galardón do Xurado Novo, composto pola xornalista Celia Eiras, a directora Lara Caeiro e a cineasta Antía Rodeiro, que outorgarán un galardón de 400 euros.
O festival acollerá ademais a estrea de Delirio Sketchs, proposta da directora viguesa Bea Saiáns, que se fixo co galardón ao mellor proxecto no CIP de 2024. Os capítulos deste proxecto "abordan desde o surrealismo e o delirio máis intelectualizado diferentes problemáticas que afectan a nosa sociedade" cun aire camp e trash no que se mesturan coreografías, cancións e reportaxes. Outra primicia do evento é a preestrea da serie musical Mariliendre, do lucense Javier Ferreiro.
Canda ás proxeccións, o programa contará tamén co dúo humorístico formado por Facu Díaz e Miguel Maldonado que conducirán a sección Rajando con.... Bob Pop encargarase tamén do CFA - Código Fonte Audiovisual no que repasará unha selección de fragmentos audiovisuais que marcaron a súa cultura e o seu xeito de entender o mundo. Ángela Henche e Albanta San Román, creadoras do podcast Keep it cutre realizarán un espectáculo ao vivo, mentres a cómica Ana Polo reflexionará sobre a crise da vivenda na montaxe Aquí no hay quien viva. O evento contará tamén cunha emisión ao vivo do podcast O Faiado e coa presenza do estadounidense e creador de contido en galego Andy Chichester.
A zona pro do evento abordará o fenómeno true crime da man dos proxectos galegos Sofá, manta y crimen e mais La crónica oscura. Tamén desenvolverá un panel sobre a estratexia de comunicación co club de fútbol Celta de Vigo. Ademais, desenvolverase un encontro sobre diversidade no campo audiovisual e outro sobre a autoexplotación dos creadores e creadoras de contido.