As persoas con discapacidades contan cunha escasa oferta de títulos literarios na nosa lingua

Lectura para todos

Hai xente que non le igual que a maioría. Cegos, xordos ou persoas con discapacidades psíquicas precisan de soportes especiais para acceder á literatura e a obras de divulgación. Complicados procesos de edición e de distribución dificultan a miúdo o acceso á cultura escrita destes colectivos. O descoñecemento social sobre as posibilidades existentes neste sentido é moi grande mais, aínda que pouca, tamén existe literatura galega para a xente que le diferente.

Cando pensamos en literatura adaptada para persoas con discapacidade, o primeiro que nos vén a cabeza son os libros para cegos. Tanto en formato braille coma en gravacións sonoras, son moitas as obras que se adaptan para este colectivo no Estado Español, na súa maioría através da Organización Nacional de Ciegos Españois (ONCE). Desde o Servizo Bibliográfico desta entidade Antonio Ruíz del Codo explícanos que "a lexislación vixente permite facer transcricións en braille e gravacións en sonoro sen ter que pagar dereitos de autor sempre e cando sexan unicamente para o uso por parte de persoas cegas". Para evitar o emprego destas gravacións por outros usuarios, a ONCE fainas nun sistema especial que só pode ser reproducido con aparellos adaptados. "Desde a ONCE normalmente transcribimos as obras traducidas ao castelán", continúa Ruíz del Codo, "mais tamén temos obras en galego, catalán e en euskera, aínda que este último ofrécenos máis dificultades para a súa adaptación".

Cifras de letras
Deste xeito, dos 11.878 títulos que posúe esta organización na súa biblioteca central, teñen vinte e tres títulos en braille feitos por autores do noso país, entre contos, novelas, poesía, relatos e teatro, aínda que non todos están no noso idioma. En total, as obras en galego na biblioteca central da ONCE suman trinta e nove, e inclúen, alén das de autores galegos, aquelas obras foráneas vertidas ao braille desde o noso idioma. A estes datos hai que sumar as obras en soporte sonoro, das que existen dezaseis da nosa literatura neste mesmo centro. As cifras increméntanse ao falarmos da biblioteca da delegación galega desta organización, onde teñen cincuenta e dúas obras da nosa literatura (de novo en galego e en castelán) e noventa e oito en galego, a disposición dos 2.946 socios da organización que hai no país. Ruíz del Codo sinala que para seleccionar as obras que inclúen nas súas bibliotecas "escollemos ou ben obras de autores con renome ou aquelas de publicación máis recente". Aínda que comparada coa literatura en catalán (máis de seiscentas obras na biblioteca central) temos moi pouca representación na ONCE, estamos algo mellor que a escrita en vasco, que só conta con vintecatro títulos neste mesmo centro. Producir a versión en braille dun libro é un proceso custoso, xa que estas obras teñen que estar escritas nun papel especialmente groso para soportar axeitadamente as puncións que forman as letras. Isto motiva que "unha obra de catrocentas páxinas para videntes pode ocupar sete ou oito volumes en braille", recoñece Ruíz del Codo. No entanto, desde a ONCE venden ao público as obras que editan por pouco máis de dous euros.


Biblioteca para todos
A biblioteca do barrio coruñés de Monte Alto está a desenvolver un proxecto de servizos especiais para pór ao alcance de persoas con discapacidades tanto físicas coma psíquicas "documentos que contemplen os seus intereses e materiais editados especialmente para eles", sinala Alicia Barral, responsábel do proxecto. A intención é que no prazo dun ano todas a bibliotecas municipais da cidade herculina conten con servizos semellantes, aínda que desde Monte Alto apuntan que a situación non é sinxela. "Existen unhas normas para editar materiais de lectura fácil (destinados diminuídos psíquicos), mais a verdade é que no mercado non hai nada", recoñece Alicia. "Atopamos algunha cousa editada por asociacións de discapacitados de xeito artesanal", apunta, "mais todo isto non está editado e depende da boa vontade das asociacións", sinala. Os textos destinados a persoas con discapacidades psíquicas deben seguir unhas pautas recoñecidas pola IFLA (Internacional Federation of Library Associations and Institutions), que fundamentalmente consisten nunha simplificación léxica e expresiva que facilita a comprensión, así coma en empregar un maior tamaño de letra. A situación en Galicia para este tipo de publicacións "é peor que no resto do Estado, como sempre onde máis se fai por este tema é en Cataluña". O camiño a percorrer desde a biblioteca é de calquera xeito longo, segundo recoñece a responsábel do proxecto, "temos no noso fondo só un libro en braille doado pola Xunta sobre o camiño de Santiago, un pequeno fondo sobre discapacidade que non está adaptado para este colectivo e unha serie de publicacións periódicas sobre o mesmo tema".

Aproveitar o convencional
Aínda que a edición específica para persoas con discapacidades en Galicia é un campo practicamente inexistente, existen iniciativas editoriais que, aínda que non están destinadas especificamente a este colectivo, si son accesíbeis a el. É o caso das obras cuxos textos completos pódense escoitar nun CD adxunto. Neste sentido destacan as edicións feitas polo Consello da Cultura Galega a través do Arquivo Sonoro de Galicia, que publicou títulos coma "Poetas e narradores nas súas voces", "Novas voces da poesía galega", "Contos de Castelao" ou "Homenaxe a Avilés de Taramancos" entre outros nos que destacados persoeiros da cultura do país poñen a súa voz a diferentes textos. Este mesmo arquivo publicou tamén en gravacións sonoras de Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro ou Eduardo Blanco Amor entre outros. Tamén desde o sector privado xorden iniciativas nas que se mestura o texto coa palabra lida. En Edicións Xerais son bos exemplos o poemario "O pobo da noite" de Manuel Rivas, que conta cunha versión en CD, ou "Narradio", unha publicación que recolle en audio e en texto cincuenta e seis relatos feitos por outros tantos autores para o programa "Diario Cultural" da Radio Galega. Tamén Espiral Maior probou esta modalidade de edición co libro "Edénicas" de Yolanda Castaño, publicado no ano 2000.

Kalandraka
Aínda que na maior parte dos casos a edición de obras nas que o texto se acompaña de voz non pasa de proxectos concretos, existe na actualidade unha colección dedicada especificamente a este formato. Trátase de "Sondeconto", serie da editorial Kalandraka dirixida aos máis novos e que conta xa cos títulos "A memoria das árbores", "Soños de Xulieta" e "Gatipedro", aos que se engadirán o vindeiro ano dúas novas obras. Desde esta mesma editora, alén diso, están a ultimar un proxecto pioneiro que desenvolven coa asociación BATA de atención a persoas con autismo. "Son libros que nós xa publicamos mais que irán adaptados cuns pictogramas preparados para nenos autistas", sinalan desde a editorial. "A asociación levaba bastante tempo buscando unha editora, e o proceso de edición é complicado". Publicaranse arredor de mil cincocentos exemplares que se poderán distribuír fóra de Galicia, xa que esta é unha linguaxe universalmente aceptada para os que padecen desta enfermidade. Serán nun comezo tres títulos que se poderán adquirir a comezos do 2004.

Novas tecnoloxías
Outra das últimas novas que nos chegan neste sentido foi a mediados deste mesmo mes, cando coñecíamos o "Cotovía", un programa pensado especificamente para transformar en voz os textos escritos en galego. O proxecto, desenvolvido pola Universidade de Vigo, a de Compostela e o Centro Ramón Piñeiro quere pór a disposición das persoas cegas unha nova ferramenta para acceder a información escrita no noso idioma, e permite, alén da transformación de textos en formato electrónico, a "lectura", coa axuda de lectores ópticos, de textos escritos en papel. Como se pode apreciar, as novas tecnoloxías abren máis posibilidades para mellorar a accesibilidade de persoas con minusvalías. A xeneralización de produtos multimedia con diferentes opcións de reprodución, coma os DVDs con subtítulos ou os produtos interactivos que inclúen unha versión de audio, está a facilitar o acceso de persoas con discapacidade auditiva ou visual á cultura. De calquera xeito, sexa a través destas novas vías ou mediante os xeitos tradicionais de adaptación, en Galicia queda aínda un longo camiño por percorrer se queremos que a nosa cultura sexa accesíbel a todos.