Galicia mantén o seu peso estatal na cultura en vivo

O Anuario da SGAE amosa un panorama de estabilidade en positivo para as artes escénicas e musicais

O Anuario SGAE das Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais 2024 ven de presentar as cifras estatais e por comunidades autónomas correspondentes ao ano 2023 nestes sectores culturais. No que respecta aos valores que este estudo asigna a Galicia a conclusión en xeral é dunha estabilidade en moderado crecemento, o que concorda coa maioría das comunidades, polo cal o peso galego a nivel estatal apenas varía respecto a anteriores anos. Os valores, aínda están a recuperarse respecto aos anos pre-pandémicos, con diferentes velocidades segundo cada comunidade autónoma, quedando Galicia sempre polo medio das táboas.

Como exemplo desa estabilidade en positivo, as cifras de representacións de artes escénicas amosan un moi lixeiro ascenso entre o 2022 e o 2023, pasando de 1.545 representacións a 1.580, mantendo o peso da comunidade no total do Estado. Onde si hai un incremento que poida destacarse algo máis é no número de espectadores das artes escénicas entre os dous pasados anos aumentando dos 195.529 de 2022 aos 289.520 de 2023, aumento que recae sobre todo na asistencia a teatro malia que a asistencia a danza e ao xénero lírico tamén suben pero en valores moi modestos, aínda así o total está lonxe aínda dos datos pre-pandemicos, cando en 2019 contábase con 492.908 espectadores. No resto dos xéneros como música clásica ou sinfónica os valores da nosa comunidade son coherentes cos do resto do Estado, sen destacar en positivo nin negativo.

Aínda que sexa unha tendencia que veña xa de atrás o Anuario segue a destacar a Galicia como unha das tres comunidades líderes en concertos de bandas e rondallas. Entre a Comunidade Valenciana, con 825 concertos; Andalucía, con 407 concertos; e Galicia, con 298 concertos, suman máis da metade do total de concertos realizados en España en 2023 por bandas e rondallas. Galicia encabeza nesa lista a recadación por este xénero con 144.618 euros, o 19,7% do total nacional.

No relativo ao crecente sector da música popular en vivo. Dos 4166 concerto de música popular que sinala a SGAE en Galicia en 2023, máis do 82% foron de música do xénero "Pop, rock en xeral", seguido moi atrás de "Jazz, blues e soul" cun 3,4% e dos xéneros de música folk e de cantautores con 2,1% cada un. As cifras responden evidentemente aos concertos consignados pola propia SGAE nos circuítos que pode controlar. Neste sentido o incremento de público segue a liña ascendente de todo o Estado, tamén en Galicia, pasando dos 778.964 de 2022 aos 867.802 de 2023. A recadación, en concordancia con esta distribución dos xéneros deixa á nosa comunidade como a segunda das tres CCAA que maior porcentaxe aglutinan de pop rock en xeneral xunto con Estremadura, (90,2% sobre o total), Galicia, (89,1%) e y Comunidade Valenciana, (un 87,2%).