Un encontro en Marín lembra a figura de José Meijón

As VIII Xornadas Xan Montenegro reivindican o traballo deste creador de petróglifos contemporáneos

Este 14 de novembro comezan as VIII Xornadas Xan Montenegro de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, en Marín. Nesta edición, co lema, José Meijón, maza e cicel, a iniciativa do Colectivo Monte Pituco (Pornedo) reivindica o traballo do que fora creador de neopetroglifos ao longo da segunda metade do século XX.

Meijón realizou, ao longo de case cincuenta anos, gravados en numerosos espazos da vila, tanto no casco urbano como no litoral e no monte. Muíños, valados, fontes, e mesmo as proximidades de estacións rupestres prehistóricas, acolleron as obras deste creador.

O programa bota a andar cunha conferencia do profesor e investigador Germán Labrador, autor de varios artigos sobre esta figura, e da presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, Queta Molas.

Segundo Labrador, o traballo de Meijón "obedeceu non só ás escuras forzas da loucura, senón tamén a unha irrefreable vontade de facer arte, recoñecida polos seus coetáneos en clave de beleza, pero invisible hoxe aos ollos das institucións en xeral, e das artísticas en particular, por máis de ser estritamente contemporánea e afín respecto de proxectos de intervención paisaxística que etiquetamos como land-art". Estas creacións, segundo Molas, insírense tamén no marco da violencia estrutural da época posterior á Guerra Civil.

As xornadas inclúen tamén dúas visitas a espazos onde se conservan obras deste autor, a incluír a antiga casa de Meijón. O programa finaliza o 16 de novembro cunha homenaxe a Xan Montenegro, activista cultural e político que fora presidente da Asociación de Veciñas e Veciños de San Xián, falecido en 2011.