O enorme horizonte (tamén temporal) das illas Cíes

Unha intervención arqueolóxica na illa de Monteagudo revela a intensa actividade da illa desde a prehistoria

Unha intervención arqueolóxica na illa de Monteagudo revela a intensa actividade da illa desde a prehistoria
Estruturas murarias atopadas na illa de Monteagudo. Foto: GEAAT
"Do Calcolítico ao século XV temos de todo", dixo un dos arqueólogos que participou nas sondaxes levadas a cabo na illa de Monteagudo, a maior do arquipélago das Cíes. "É un pouco esaxerado", di Alba Rodríguez Novoa, directora da intervención arqueolóxica e investigadora do GEAAT da Universidade de Vigo, "pero resume ben o que nos atopamos". Unha dilatada secuencia temporal de materiais arqueolóxicos que revelan a dilatada e intensa ocupación da illa nun dilatado período que pasa como mínimo pola Idade do Bronce, a idade do Ferro, as diversas fases da época romana, a Antigüidade tardía e a Idade Media. E todo nunha pequena escavación que aínda deixa moitas preguntas no aire.

Tratábase dun control arqueolóxico no poboado das Cíes, moi preto do actual centro de interpretación do Parque Nacional, para introducir unhas canalizacións nun terreo público situado á beira do mar. Nesta parcela encostada coñecíase que había un cuncheiro con materiais arqueolóxicos, pero a primeira intervención, dirixida por Francisco J. Chao, revelou unha enorme cantidade de cerámicas e o que parecía un muro. Nese momento, a obra ficou detida na espera dunha intervención de máis calado e con maior financiamento.


A zona intervida. Foto: GEAAT

A intervención, levada a cabo na primeira semana de outubro, foi levada no que Rodríguez Novoa definiu como "arqueoloxía de resistencia". A climatoloxía a principios do outono viña inzada de temporais que fixeron moi difícil a intervención. O equipo practicou diferentes sondaxes en distintos puntos da parcela, na que se recoñecían antigos socalcos que achairaban o terreo. "E si, había de todo. Temos materiais do bronce, do Ferro, pero tamén outros asociados ao cambio de era, ánforas Halltern 70 –un tipo de cerámica vinculada á primeira romanización-, pero tamén un conxunto de materiais da Antigüidade tardía". As Cíes parecen funcionar en sincronicidade co litoral continental veciño. En Vigo tamén se destacou a presenza, concentrada polo momento nun reducido número de xacementos galegos, dos materiais procedentes do comercio tardoantigo, como a cerámica sigillata africana ou ánforas do Mediterráneo oriental. "Tamén temos un conxunto de cerámicas medievais, aínda en fase de estudo para poder axustar a súa cronoloxía", sinala Alba Rodríguez. Canda os materiais, as sondaxes revelaron a existencia de estruturas murarias, "pero debido ao escaso tamaño das catas, non podemos aínda saber moito sobre eses edificios", sinala a arqueóloga.

As sondaxes chegaron nalgúns casos a unha potencia dos dous metros de profundidade, ata chegar mesmo á duna orixinal. "E alí tamén había materiais arqueolóxicos dentro da duna, pero decidimos parar aí", explica Rodríguez Novoa. "Todo iso amosa unha ocupación moi estendida no tempo".


Fondo de cerámica. Foto: GEAAT

Os achados prodúcense no lugar no que estivo situado o poboamento histórico da illa de Monteagudo, o mosteiro e as instalacións militares. "Está claro que é unha zona que se presta para habitar nela e onde era fácil o desembarco. Pensamos que se construíron terrazas e socalcos para acondicionala. As condicións climáticas desta zona son tamén as axeitadas", sinala a arqueóloga, que destaca a necesidade de desenvolver unha intervención maior para ter unha idea clara do tipo de estruturas e función do xacemento que se atopa na zona.

Aínda que non é o único. Aos pés do faro atópase outro xacemento que espertou o interese dos eruditos locais durante décadas: o castro das Hortas. "As condicións de vida son alí moi distintas ás que se atopan na aldea", explica Rodríguez. A relación entre as dúas zonas habitadas da illa é aínda unha incógnita. Polo momento, as investigacións realizadas polo GEAAT, con financiamento da Xunta, nos tres conxuntos insulares do parque nacional (Sálvora, Ons e Cíes) están a dar conta do enorme interese histórico dunhas illas que van moito máis alá do seu patrimonio natural.