O legado pendente de Ruth Matilda Anderson (I): Os proxectos

Diferentes iniciativas reivindican o retrato do país que realizou a fotógrafa americana hai agora un século

Diferentes iniciativas reivindican o retrato do país que realizou a fotógrafa americana hai agora un século
Ruth Matilda Anderson nas ruínas de Sto Domingo (Pontevedra) en 1925. Hispanic Society of America
En 2024 fanse cen anos da chegada de Ruth Matilda Anderson a Galicia. Nas súas expedicións, esta fotógrafa e investigadora da Hispanic Society of América deixou un enorme legado fotográfico e un importante estudo sobre a nosa sociedade rural de comezos do século XX. Malia á popularidade que acadou este traballo e aos diferentes proxectos que nos últimos anos se están desenvolver arredor do mesmo, continúa pendente a recuperación integral dun patrimonio que continúa a ser maiormente descoñecido para a poboación galega.

Este mes de outubro presentábase en Santiago de Compostela Ruth e o Leviatán unha serie de roteiros con versión en liña organizados pola cooperativa MaOs co apoio do Concello que quere celebrar o centenario da primeira visita a Galicia de Ruth Matilda Anderson. Este é o máis recente dos proxectos que nos últimos 15 anos están a reivindicar o traballo desta fotógrafa enviada ao noso país en 1924 pola Hispanic Society of America. A sociedade creada polo filántropo Archer Milton Huntington pretendía documentar mediante expedicións como a que emprendeu Anderson, a variedade de vestimentas e xeitos de vida tradicionais de diferentes rexións do Estado. Co seu traballo no noso país, a investigadora xerou un grande arquivo de máis de 5.000 fotografías, un fondo ao que se sumou o libro monográfico Gallegan provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña, no que recolle a súa visión sobre a Galicia daquel momento. Por desgraza, a obra só se pode atopar na súa edición orixinal de 1939 e aínda permanece inédita na nosa lingua.

As expedicións
Naquela súa primeira viaxe, Ruth Matilda veu acompañada do seu pai, Alfred Anderson, quen colaboraría con ela no traballo de investigación e mais no revelado das imaxes con que retratou o noso país. Nunha segunda visita, que transcorreu entre finais de 1925 e maio de 1926 sería outra muller, a tamén fotógrafa Frances Spalding a que acompañaría a Anderson por toda a xeografía galega. Segundo explica Óscar Senra, desde MaOs, "a nós lémbranos a Domingo Fontán a facer o mapa de Galicia no século XIX. Non coñezo un traballo que en tan pouco tempo recollese tanta extensión territorial de Galicia. Aínda que o libro se centraba nas provincias da Coruña e de Pontevedra, a súa obra tamén ten unha representación importante de Lugo e de Ourense. Foi a espazos onde non se ía, cando chegou ao Pindo dicía en broma que debían ser os primeiros visitantes desde o Neolítico", explica. Encol daquelas expedicións, Miguel Anxo Seixas, comisario da exposición Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia, que en 2009 achegou ao grande público este legado, explica que a investigadora "tiña que andar a pé, a cabalo, en burro, en lancha ou subir montañas. E ademais conseguir contactos para poder abrir unha igrexa ou descubrir que podía ser interesante retratar". A isto sumábanse "impedimentos temporais, porque había festas e traballos que se desenvolvían en momentos concretos, e tamén económicos, porque tiña un orzamento moi limitado", explica. Anderson chegou "cunha instrución clara" da Hispanic Society, "que era recoller aquela Galicia que ía desaparecer".

David Quiñones, coordinador da exposición que o colectivo Sete Espadelas realizou sobre traxe tradicional a partir das imaxes de Anderson, destaca que "a min o que me quedou é o tremendo labor que realizaron nas dúas expedicións e o esforzo que supuña se mover na Galicia da época. E aínda o complicado de facer e revelar as fotografías. É o máis exhaustivo que existe desa época, e aínda que non amosa toda Galicia nos anos 20, é unha documentación fundamental". Na mesma liña apunta Senra, que lembra que o Leviatán que dá título ao seu proxecto "era como ela lle chamaba a unha cámara réflex que pesaba seis quilos. Empregamos tamén o nome como metáfora sobre as dificultades que atopou no seu proxecto. O Leviatán como pequeno monstro caótico, porque o que lle pedían, amosar como se concibe aquí a vida a través da fotografía, era un imposible. Ela conseguiuno de xeito parcial grazas a un grande esforzo e preparación".

Os temas
Nas preto de cincocentas fotografías da autora que actualmente coñecemos no noso país, "maiormente amosa unha realidade rural e pobre. Hai imaxes doutra realidade pero non afonda nela, porque a encarga da Hispanic Society era procurar vestixios do pasado e crían que os atoparían no rural galego", lembra Senra. Do mesmo xeito, Seixas advirte que "non atendeu á Galicia moderna. No Vigo ao que chegou había tranvías, rapaces a xogar ao fútbol ou fábricas de conservas, pero iso non o colleu. Ela tiña a encarga de recoller un mundo que se ía perder. Roupa, costumes, artesanía ou cantigas". Deste xeito, Anderson "fotografa moitísimos traxes, tecidos, ferramentas e monumentos. Tamén feitos concretos, como a apertura da Porta Santa no Nadal de 1925" como unha encarga específica de Huntingon, lembra Óscar Senra desde MaOs. Malia ao peso que teñen no seu traballo os temas que eran do interese da Hispanic Society, ao indagar no seu arquivo "chamounos a atención o que facía cando ela se deixaba ir e recollía cousas que lle chamaban a atención, sen que ninguén llas pedise". E pon exemplos como "a imaxe dunha muller a rezar diante da capela de Mondragón na Catedral de Santiago, cun xogo de luz moi bonito. Encántannos tamén as fotografías de nenos a xogar á buxaina, que fai en diferentes lugares do país. Ou as que fai desde a xanela do seu cuarto no Hotel Suízo. Nas fotos máis inesperadas transmite moito da súa ollada. Está claro que non tiña que retratar cincocentas mulleres a portar cousas na cabeza, pero faino moitas veces porque é algo que lle chama".

A ollada
Como peculiaridade do traballo desta investigadora, Senra apunta que "ela entraba ata a cociña. Hai unha fotografía de como unha avoa lle facía filloas de millo ás netas na cociña dunha fonda. Alfred Anderson dicía que moitas veces acababan afumados de se meter nas cociñas. Tamén ten imaxes do interior dunha palloza en Pedrafita. Esa é a diferenza con outras moitas fotógrafas, entraba en todas partes, mesmo nas tabernas, que non era un territorio de mulleres. Conseguía que lle abrisen as adegas, as arcas, que sacasen os traxes antigos ou que lle ensinasen os teares. Isto ten que ver coa empatía que conseguía xerar ao falar coa xente con respecto e dignidade". Canda a isto "relacionábase cos curas de cada lugar, o que lle daba acceso ás casas, pero tamén falaba coa xente pola rúa. E destacaba que as mulleres estaban sempre máis abertas a colaborar e entendían máis rapidamente o que se lles pedía, mentres os homes eran máis desconfiados".

A combinar ese maior contacto cos seus propios intereses, Anderson "interesouse moito polo traballo da muller, que debido a que moitos homes emigraran, era ainda máis importante", apunta o fotógrafo Xosé Reigosa, codirector do documental A viaxe de Ruth. "Tamén lle dedicou tempo ao traballo infantil, que por aquel entón era bastante habitual". Ao seu ver, falamos "do traballo fotográfico máis completo que se fixo sobre Galicia xa que percorreu case a totalidade da xeografía documentando tipos, festas, costumes, vestimenta, arquitectura... Practicamente non deixou nada sen fotografar". A nivel artístico salienta que "Soubo retratar á xente dunha maneira moi natural, tratando de afondar nos personaxes e non a buscar só imaxes pintorescas". Jaime Pardo, o seu compañeiro no proxecto audiovisual, salienta que deste legado que "é un traballo incrible, xa non as de paisaxes, senón os retratos. Eses primeiros planos que fai, ou os retratos de oficios parécenme boísimos". Coincide nesa percepción Miguel Anxo Seixas, a apuntar que "tecnicamente é moi boa, esfórzase por conseguir fotos de calidade. Algunha delas é moi boa nas composicións". Malia á coincidencia na calidade do seu traballo, Anderson dubidaba da súa valía como fotógrafa. "Tivo unha época de crise profesional cando viu a calidade das imaxes do Arxiu Mas, en Cataluña", explica Senra. Pediulles consello por carta e ofertáronlle que Pelai Mas, fillo do responsable do proxecto, viñese darlle clases. Pero ela non quixo, sostiña que tiña que atopar o seu propio camiño".


A transmisión
Se aquela expedición dunha americana nos anos 20 non se borrou da memoria da sociedade galega ou ficou só como unha anécdota foi grazas a unha peculiar cadea de transmisión. Malia que no seu día Anderson contactou con persoeiros da cultura do momento, como Casto Sampedro ou Castelao "os rexistros que había sobre ela eran case anecdóticos", apunta Alba Rodríguez, investigadora da súa figura desde a Universidade de Vigo. "Existía un artigo nunha das publicacións do Instituto de Estudos Padre Sarmiento dos anos 60 onde aparece que fixera un estudo e dáse o título da obra". A propia entidade custodia nos seus fondos un exemplar do Gallegan Provinces que permitiu que non se esquecese esta ollada sobre a nosa historia. "É certo que despois hai algunhas publicacións que a mencionan de xeito tanxencial, sen que en ningún momento chega ser unha referencia central. Fai parte dunha periferia no marxinal, nunca se chegou a coñecer", apunta Rodríguez. Non foi ata 1998 que José Luís Cabo, falecido director do Centro Galego de Artes da Imaxe, promoveu desde esta entidade a exposición e o catálogo Ruth M. Anderson. Fotografías de Galicia 1924 - 1926. Esta obra supuxo unha achega fundamental no proceso de popularización e de reivindicación do labor de Anderson. Ademais, iniciou contactos coa Hispanic Society para conseguir traer ao noso país estes fondos. "Foi grazas a Cabo que se puido coñecer por vez primeira como fotógrafa en Galicia, xa cando ela falecera e despois de décadas sen que se soubese nada", lembra a investigadora.

A popularización
A seguir os seus pasos, a Fundación Caixa Galicia, despois transformada en Afundación, botou a andar en 2009 a mostra Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia, que percorre o país desde aquela. Este proxecto serviu ademais de base para propostas posteriores que, ao longo dos últimos anos, están a explorar o legado desta autora. Ao igual que esa primeira mostra, tamén a exposición e o catálogo de Caixa Galicia se centrou no labor como retratista da autora, sen que o a súa obra etnográfica acadase a mesma importancia. "É certo que neste proxecto si que aparece coas súas propias palabras, tanto coas anotacións que contextualizan as imaxes como tamén con fragmentos de textos que elaborou para o inicio do seu libro. O catálogo "deu un paso máis e presentóunola como unha investigadora e unha estudosa", explica Rodríguez. Fóra do noso país, a tese de doutoramento de Noemi Espinosa La fotografía en los fondos de la Hispanic Society of América, presentada en 2011 na Universidade de Castela-A Mancha, fixo unha primeira aproximación a fondo á figura de Anderson, co foco posto no conxunto de expedicións que esta investigadora realizou en España. Este traballo foi unha referencia de grande importancia para os proxectos que tiveron a figura como protagonista. Do que non cabe dúbida, é que a partir dese momento, a responder ao apelo que as imaxes de Anderson provocan sobre o noso pasado, foron moitas as persoas que se interesaron pola figura da autora e por divulgar o seu legado.

Catálogo da exposición do CGAI
Catálogo da exposición do CGAI

Catálogo da exposición de Afundación
Catálogo da exposición de Afundación


Unha mirada de antano
A exposición da Fundadación Caixa Galicia Unha mirada de antano marcou un punto e aparte e marcou a popularización das imaxes de Anderson como auténticas iconas dunha época da nosa historia. Cun longo percorrido por centros de todo o país e a reedición constante do seu catálogo, a última aínda en 2024, esta selección de imaxes configurou o xeito no que coñecemos a autora e o seu legado. Miguel Anxo Seixas lembra a súa experiencia a comisariar a mostra. "Foi unha encarga", explica. "Houbo aspectos da produción do que se encargou a entidade, todas as xestións de contactar coa Hispanic Society e acordar cantas fotos se podían reproducir, as condicións económicas, o traslado ou os seguros, que son cuestións fundamentais. Logo tiña que ir unha persoa seleccionar as imaxes". E el foi o escolleito. O seu contacto co legado que se custodia na sede da Hispanic Society de Nova York amosoulle o tamaño e a importancia daquel legado. "Téñenas en cartóns e caixóns que vas pasando como se fose un libro, cada imaxe coas súas notas. Eu escollía por unha banda as que me parecían bonitas, ou que estaban ben feitas, e pola outra aquelas que, ao mellor non eran tan boas pero resultaban interesantes porque aparecía algo singular". Para o proxecto expositivo "só podía escoller arredor de cen, entón tentei ver todo o que había e facer unha selección na que se vise toda Galicia. A litoral, a do interior, a montaña e as diferentes tradicións que existen no país. Fixen unha primeira selección de 300 ou 400 e logo fun repasando, a tentar, que se vise as Galicia mariñeira e interior, a rural e a urbana, as vestimentas de mulleres e de homes ou, por exemplo, que aparecen dous tres hórreos diferentes, aínda que non estivese presente toda a variedade". Ademais "relacionábaas para tentar que non se pisasen. É difícil facer unha selección deste tipo. É como nos museos, que che din que teñen un 5% dos seus fondos expostos, e gardan marabillas. Pero é un problema seleccionar algo e ter que quitar do que está exposto".

Recrear as imaxes
A popularidade que acadou o traballo de Anderson a raíz desta mostra espertou o interese por desenvolver proxectos documentais que abordasen a figura da autora e o seu legado. De xeito inevitable, o contraste entre o país que amosan as fotografías daquela época e o actual levou a que houbese propostas para recrear aquelas imaxes e facer comparacións gráficas, unha fórmula pola que optaron dúas producións audiovisuais diferentes.

Cartel de <i>A viaxe de Ruth</i>
A viaxe de Ruth

Momento de recreación dunha fotografía en <i>A viaxe de Ruth</i>
Momento de recreación dunha fotografía en A viaxe de Ruth


A viaxe de Ruth
En 2019, e logo dunha exitosa campaña de microfinanciamento, vía a luz A viaxe de Ruth. Segundo lembra Jaime Pardo, codirector do proxecto canda a Xosé Reigosa, "somos dous fotógrafos e coñecíamos o traballo de Anderson polas exposicións de Caixa Galicia. Falamos con María Vázquez, profesora na escola Ramón Falcón de Lugo, que se encargou do guión, e como Xosé dá mellor en cámara, puxémolo a el como fío condutor". Ademais desta figura actual como presentador da ruta, "queriamos que fose o diario do pai, Alfred Anderson quen servise como guía. Empregamos os extractos da obra que se recollían no catálogo da exposición de Afundación, xa que non tivemos acceso ao volume completo. Pero atopamos por exemplo o encontro co fotógrafo Caamaño, en Muxía ou os momentos nos que están a revelar no hotel de Santiago. Entón tentamos que o documental non ensinase só fotos, senón tamén que se visen as dificultades que atoparon na súa viaxe. Logo incluímos unha historia paralela de Reigosa, e ao final atópanse alegoricamente os dous".
Segundo sinala Xosé Reigosa, "a idea do documental era percorrer algunhas das zonas polas que ela andou tratando de localizar dentro do posible as mesmas fotos que fixo e comparalas coas de case cen anos despois. Ao tempo quixemos localizar persoas que dalgún xeito nos deran referencias do seu paso. Ademais recreamos algunhas escenas retratadas por ela, para o que contamos coa Liga Santaballesa", que conserva moito material da época no museo que xestiona nunha antiga escola indiana, "e co grupo de teatro de Sarria". Ademais destas recreacións, segundo lembra Pardo "empregamos a técnica do Paralax, para lle dar movemento ás fotografías".


Imaxe de presentación de <i>Galicia de 20 a 20</i>
Imaxe de presentación de Galicia de 20 a 20


Ruth Matilda, Alfred Anderson e as presentadoras de <i>Galicia de 20 a 20</i> nunha montaxe
Ruth Matilda, Alfred Anderson e as presentadoras de Galicia de 20 a 20 nunha montaxe


De 20 a 20
Nunha liña semellante, en xaneiro de 2023 chegaba ás pantallas da TVG Galicia de 20 a 20, unha produción de Voz Audiovisual dirixida por Alejandro Gándara e Olaia Tubío. "Chamáronnos coa idea básica de percorrer as fotografías de Ruth Matilda cen anos despois, comparando un pouco a situación do país entón e agora. Logo pensamos en artellar o proxecto en etapas que percorresen como nun espello as súas viaxes e veu a idea de recrear as imaxes", explica Gándara. Nesta ocasión son a directora e actriz Sonia Méndez e a fotógrafa Leticia T. Blanco o dúo que segue os movementos da americana. No momento de iniciar o proxecto "coñecíamos o material da exposición de Afundación, non sabíamos moito máis" da historia nin do legado. No entanto, co desenvolvemento da produción, os dous directores acabaron por se mergullar no material de Anderson custodiado en Nova York. "O grande valor deste proxecto foi o termos acceso a moito material inédito e termos desenvolvido moi boa relación coa Hispanic Society. Déronnos acceso a un arquivo dixital de material inédito que tentamos meter no programa". En total, estima que nos dez capítulos da serie recollen "máis de duascentas imaxes" da autora. "Acabamos o proxecto esgotados. Son quiñentos minutos de televisión que realizamos en sete meses, sen contar todo o traballo de investigación previo para procurar todos os rastros que fican hoxe dese mundo para poder falar del". Á hora de identificar os lugares onde Anderson tomara as súas imaxes, "foron moi importantes os grupos de Facebook sobre fotografía antiga de Galicia. Hai moitos de diferentes concellos e sempre aparece algunha persoa interesada no tema que sabe cousas. E logo houbo que ir preguntando, facendo buscas e revisando comentarios nos que alguén identificaba un lugar ou unha persoa. E despois aínda tentar contactar coa xente". Segundo lamenta o director, "A serie pasou moi desapercibida no seu momento na TVG, pero penso que lle pode interesar a calquera afeccionado á fotografía antiga e á historia".

Imaxe da exposición de Sete Espadelas no Museo de Pontevedra
Imaxe da exposición de Sete Espadelas no Museo de Pontevedra

Imaxe da exposición de Sete Espadelas no Museo de Pontevedra
Imaxe da exposición de Sete Espadelas no Museo de Pontevedra


Os traxes
Mentres se preparaba esta produción, en agosto de 2022, o Museo de Pontevedra abría as portas da exposición Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia. A Asociación Sete Espadelas, dedicada á recuperación do traxe popular galego, organizou esta proposta, que seguiu en boa medida a encarga orixinal que recibiu Ruth Mathilda Anderson. De xeito similar aos documentais sinalados, tamén esta montaxe apostou por recrear as imaxes orixinais, desta volta con manequíns. Segundo lembra David Quiñones desde a asociación, "tentamos reproducir non só os traxes senón todo o contexto que acompañaba os personaxes, a incluír utensilios e elementos ambientais". A proposta foi todo un éxito de visitas, e a súa visibilidade levou a que pouco tempo despois contactasen co colectivo as adegas Martín Codax, "que fixo unha campaña de homenaxe ás mulleres e empregou fotografías de Anderson para as etiquetas". Canda a isto, púxose en marcha coa súa colaboración, e baixo o título Fragmentos de onte, "unha continuación da mostra, que se puido ver en Vigo, Santiago e Lugo, con contidos adaptados a cada unha das localidades, e que foi aínda maior que a que se puido ver en Pontevedra". Deste xeito, Compostela acolleu 78 manequíns. "Foi a máis grande, e aínda podería ser maior. Hoxe temos 100 traxes reproducidos a partir destas fotos, pero nunca os puidemos sacar todos xuntos", lembra Quiñones. Para este labor, a colaboración da Hispanic Society permitiulle a Sete Espadela acceso a material inédito da autora. "Non é que conseguísemos moitas imaxes descoñecidas, pero si que tivemos acceso a diferentes vistas e perspectivas dunha mesma fotografía. Cada vez que Anderson retrataba un personaxe ao mellor sacaba varias vistas, e iso axudounos moito a reproducir os traxes, xa que ata entón dalgún so viramos unha imaxe", explica Quiñones.

Alén dos proxectos máis puramente fotográficos, outras partes menos coñecidas do traballo de Ruth Matilda están a ser exploradas por novas propostas arredor da súa figura. O seu importante labor etnográfico, as traducións que realizou, a reivindicación da muller que permea o seu traballo ou as súas reflexións sobre a realidade galega saltan á palestra nas aproximacións á súa figura, Abordaremos estas cuestións na segunda parte desta reportaxe.