Alén dos múltiples proxectos que reivindican o traballo fotográfico de Ruth Matilda Anderson, están a aparecer no país voces que fan fincapé nos aspectos menos coñecidos desta investigadora. A súa propia biografía, o traballo etnográfico e de tradución ou o papel como custodia de fondos fotográficos do país collen relevancia nun legado que aínda está por descubrir.
"Fálase moito dela pero é moi difícil atopar algo en profundidade", explica Óscar Senra desde MaOs, cooperativa que presentaba este mes de outubro o proxecto Ruth e o Leviatán. Unha serie de roteiros por Compostela a presentar o traballo e a figura de Anderson, canda a un web que permite coñecer os contidos desta actividade e diferentes fotos da autora (varias delas totalmente inéditas) compoñen a proposta con que a entidade quere achegar esta figura e a súa obra ao público actual. "A perspectiva coa que, desde a exposición do CGAI, se abordou a figura de Ruth Matilda Anderson no noso país foi fundamentalmente atender o seu traballo fotográfico. Ao ver que se cumprían cen anos da súa chegada a Galicia pensamos en facer algo diferente ao que se fixera ata o de agora".
Un lugar, unha figura, un contexto
A ollada que MaOs propón sobre a autora desenvólvese en clave local. "Santiago de Compostela foi o sitio onde máis tempo pasou no noso país", explica Senra. A investigadora recalou na capital galega cinco veces, dúas na súa primeira expedición, acompañada do seu pai, e tres durante a segunda. "Foi unha cidade que lles encantou, que pasearon moito e da que recolleron moitas anécdotas e datos. Había moita información tamén nas notas que acompañan ás fotografías que tomaba". Deste xeito, se "a exposición de Afundación presenta as imaxes organizadas por temáticas, nós quixemos enfocala por localidades, que era tamén a misión orixinal da expedición da Hispanic Society, aínda que logo non se cumpriu. Entón tentamos facer unha pequena monografía sobre Compostela ao tempo que abordamos quen era Ruth".
Así, canda ao esforzo por recrear o que podería ser unha monografía sobre Compostela a partir do traballo de Anderson, MaOs apostou tamén por achegar contexto á época e afondar na figura da propia investigadora. Ao explorar o libro Gallegan Provinces na súa edición orixinal "vimos unha persoa descoñecida para o público e cremos que había aí unha oportunidade de divulgar unha imaxe máis completa dela. Outra pata do proxecto era contextualizala, non só amosar imaxes sen contexto. A través das fotografías ves unha Galicia real pero parcial, e quixemos amosar tamén que outras mulleres fotógrafas había, que investigacións etnográficas se facían naquel momento, que atopou realmente, que amosou e que deixou de amosar e por que o fixo", sinala Senra. Para alén da tese de Noemi Espinosa sobre a súa figura, a cooperativa completou información "coas propias notas nas fotografías de Anderson, co rascuño do libro que non rematou e das notas e cartas do seu pai".
A dignidade e o respecto
Das fotografías de Anderson, Senra destaca que "transpiran dúas cousas, que son o respecto e a dignidade da súa ollada sobre o país. Ela naceu en 1893 nunha granxa de Nebraska e viviu nese estado ata 1918. Era un rural moi duro, unha vida severa, e aquí viu reflectidas cousas que coñecía e ás non se sentía tan allea. É certo que a miraban cono a unha extraterreste, pero empatizaba coa xente e sabía como lles falar. Sabía español e bastante galego, aínda que ás veces non entendese nada". Coincide en salientar esas características no traballo da fotógrafa Miguel Anxo Seixas, comisario de Unha mirada de antano. "Foi unha muller que se sacrificou moito, puxo toda a súa sensibilidade en ser respectuosa coa lingua e coa cultura. Cando había xente dentro dunha igrexa agardaba a que saísen para facer a fotografía. O seu é un proxecto épico, ético e estético", asegura. Pola súa banda, o fotógrafo Xosé Reigosa, codirector do documental A viaxe de Ruth lembra que a investigadora "mesmo estudou galego, para poder entenderse ben coas xentes que trataba. Na miña opinión é unha fotografa que debería ser máis coñecida, talvez o feito de traballar sempre á sombra da Hispanic Society non lle deu a fama que tiveron fotógrafos contemporáneos seus".
Alén da fotografía
Alba Rodríguez, investigadora da Universidade de Vigo na área de Tradución e Interpretación, entrou en contacto co traballo de Anderson a traballar na edición e a tradución do catálogo de Unha mirada de antano. Foi tamén a raíz de recibir unha copia do libro Gallegan provinces, que se decatou "da riqueza do seu labor. Vin que era unha muller que redactara un ensaio sobre Galicia que só podería comparar co Sempre en Galiza de Castelao e que pasara totalmente desapercibido. Entón quixen pensar por que se daba esa ausencia", un labor ao que dedicou a súa investigación.
A completar a visión sobre a investigadora, sinala que "era unha muller extraordinaria, metódica e entregada pero tiña que ser tamén alguén moi difícil. Tiña unha esixencia de traballo abafante e mesmo podía chegar a ser irrespectuosa. Tamén era unha cristiá devota ata un punto que realmente resultaba condicionante, e ata excesiva para un conservador como era o seu pai. Malia a empatía que amosou con mulleres, nenas e nenos, foi tamén unha orgullosa votante do Partido Republicano estadounidense ata a súa morte". Desde a súa perspectiva, "resulta moi interesante que cando recuperamos e traemos para a nosa realidade o que conseguiron mulleres que estiveron ocultas e esquecidas durante moito tempo o fagamos cunha perspectiva realista, sen caer na idolatría como pasa con figuras fundacionais da nosa cultura".
A tradutora
O traballo de Rodríguez arredor da autora centrouse en particular no ámbito da tradución, sobre o que elaborou o artigo Ruth Matilda Anderson: el olvido de una pionera de la traducción y de la paratraducción de la literatura gallega. "Chamoume a atención ese traballo. Vin que nas citas do libro, como reforzo pero non no texto principal, traducía fragmentos, poemas e historias populares, lendas que lle contaban ou narracións desde a época medieval á contemporánea". Fragmentos de Martín Códax, Macías O Namorado ou Airas Nunes, refráns, cantigas ou versos de Eduardo Pondal están presentes no Gallegan Provinces, aos que se suman versións en inglés de sete poemas de Rosalía. No seu momento "non lle din toda a importancia que unha tradutora lle debía ter dado" a este labor. "Un día que me atopei lendo unha tradución de Rosalía pensei que era algo tremendo que unha muller como ela viñese e a traducise do galego ao inglés de xeito directo, sen intermediarios, polo que puiden ver". E é que, segundo esta investigadora, determinados erros permiten verificar que estariamos ante traducións que se realizaron sen un idioma interposto. Se nun primeiro momento Rodríguez pensou que as de Anderson podían ter sido as primeiras versións da poeta de Padrón na lingua de Shakespeare, "logo descubrín que non, pero continúa a ser a maior tradutora nunha soa obra de textos de Rosalía ao inglés ata 1964". Aínda que a obra de Anderson saíu publicada en 1939, a súa escrita foi anterior.
A ensaísta e as mulleres
Ademais da tradución, Alba Rodríguez reivindica en particular a ollada como ensaísta da americana. Na súa obra "presenta unha Galicia distinta da que vemos habitualmente, tanto no imaxinario máis academicista como nas aproximacións que facemos a esa época. Cando ollamos os anos 20 desde agora imos ás Irmandades da Fala, ás vangardas, á Xeración Nós, que foron unha explosión de cultura e de cambio". Pola contra, a perspectiva de Anderson "o que nos achega é o complemento a todo ese movemento, que é propio dunhas clases intelectuais onde ademais están ausentes as mulleres. Ela preséntanos unha Galicia rural, que era á que pertencía o 90% da poboación, en feminino e en infantil. Fálanos das mulleres e presta a súa voz para que trasladen o seu parecer no libro, e que son as maiores informantes que ten, canda ás nenas e aos nenos. Esta é unha Galicia que só se nos contou pola nosa tradición familiar, pero que non aparece nos libros de textos, e achega unha visión moi enriquecedora".
A incidir nesa dualidade sobre o xeito no que se representa a época, Rodríguez salienta que "algo especialmente rechamante é que no corpo central do libro non hai referencia aos intelectuais varóns galegos. Otero, Murguía ou Vicetto só están nas referencias bibliográficas. Nin sequera Castelao, a quen coñeceu e con quen tivo diferenzas, nin Curros, posiblemente por mor do seu ateísmo, están. O fío máis intelectual sobre Galicia na obra está presente a través de Rosalía e de Pardo Bazán, que son mencionadas con nomes e apelidos. O único home da intelectualidade que aparece, aínda que só co alcuño 'The President' e non co nome, é Casto Sampedro, que daquela encabezaba a Sociedade Arqueolóxica e a quen lle tiña un respecto reverencial. E esta é unha aposta deliberada".
Fotógrafa e algo mais
Ademais do propio legado fotográfico da autora, a Hispanic Society custodia tamén unha colección de fotografías de Anderson mercou a estudios fotográficos galegos da época. Material do coñecido Caamaño, da Costa da Morte, viaxou a Nova York e incorporuse aos arquivos da institución. "É outro elemento pendente de recuperar", sinala Óscar Senra. "Mercou máis de mil de fotografías a diferentes fotógrafos, como Ksado ou mesmo ao Arxiu Mas de Barcelona". A seguir a liña de traballo da institución, estas eran imaxes centradas nas tradicións e na nosa sociedade rural
A pegada de Anderson
Encol do xeito no que o traballo de Anderson ecoa na sociedade galega actual, MaOs pon como exemplo que "a nivel compostelán, no noso paseo, comparamos a cidade que pasearon os Anderson coa de agora. A xente pensa que a zona vella é inmutable, pero houbo cambios moi grandes, e nas súas fotogafías vemos moitas cousas que xa non existen" Deste xeito, a través das imaxes da autora "é moi especial nos transportar a esa época e falar de oficios, costumes, vida cultural, ou novidades como a aparición do fútbol naquel momento" en retratos de cativos a practicar este deporte. "Ver as fotografías no sitio en que se sacaron axuda moito a se transportar ao pasado. Nas imaxes da Porta Santa vense carpinteiros a pór iluminación eléctrica arredor das estatuas, algo que hoxe sería imposible. Entón descóbrense outros xeitos de celebrar e de vivir. Vese tamén o clasismo, que entón era moito máis exacerbado. Ás veces sen querer estas imaxes amosan unha sociedade e unha cidade que mudaron moito".
Miguel Anxo Seixas, pola súa banda, tiña claro o potencial destas imaxes e sabía desde o comezo que a mostra Unha mirada de antano "ía ter moito impacto. A fotografía sempre é moi agradecida, ten algo atraente que fai que á xente lle guste. As exposicións de fotografía sempre se enchen, mentres que as de cadros ou as que amosan documentos é máis difícil. E neste caso ademais estás a falar da Galicia dos nosos avós. Ves como era antes Carnota ou Noia, ou as mulleres a carrexar as cousas na cabeza. Houbo quen se atopou a si mesma ou recoñeceu parentes das fotografías da exposición", lembra. Xosé Reigosa, pola súa banda, salienta que este legado "resulta moi importante porque nos amosa una sociedade que xa non existe. Ela viña buscando unha Galicia que o seu xefe, Huntington consideraba auténtica e que estaba a piques de desaparecer". Na actualidade "á xente máis nova dálle a coñecer os usos e costumes dunha época que doutra maneira non terían ocasión de coñecer".
Patrimonio pendente
Malia a multiplicación de proxectos arredor do traballo de Anderson, Jaime Pardo, codirector de A viaxe de Ruth, considera que este "é un dos legados máis completos que existen a nivel fotográfico" para o noso país. "Aínda que se están a sacar cousas, pouco me parece para o que se debería de facer. Ten unha importancia brutal como retrato da primeira metade do século XX", asevera. Do mesmo xeito, Óscar Senra, desde MaOs salienta que "está case todo por facer sobre ela. Aínda que hai estudos e artigos moi bos, a nivel galego e estatal, penso que hai tantas fotografías inéditas que a nivel institucional se debería tomar conta da situación deste patrimonio, que deberíamos salvagardar. Este traballo é un tesouro que cremos que debería estar en mans públicas e ser un patrimonio de todos os galegos e galegas". Tamén Miguel Anxo Seixas reivindica que "con este centenario había que facer algo á altura". Ao seu ver "Galicia non pode seguir a ter tesouros coma este espallados polo mundo. Non digo que ese arquivo teña que vir. Existe a posibilidade de facer facsímiles ou copias das fotografías, e iso habería que o ter nun museo canda a outros milleiros de fotografías. Gracias á Hispanic Society salváronse, pero sería bo que retornasen".
Reivindicación
Desde Sete Espadelas, David Quiñones, comisario da mostra sobre indumentaria tradicional a partir das imaxes de Anderson, salienta que estamos ante "o mellor traballo etnográfico que hai feito no século XX. Non só de vestiario senón tamén de costumes, feiras, festas ou vida cotiá. Non hai nada tan ben feito nin tan a fondo que abranga toda Galicia con fotografía e texto". Ao seu ver este legado "quedou no esquecemento e foi menosprezado por estar feito por unha muller americana que ademais era moi nova. Se este labor o tivese feito calquera home en Galicia xa se lle tería dedicado un Día das Letras e tería moita máis repercusión". Alba Rodríguez lembra que "en Galicia coñecemos unha 500 fotografías de Ruth Matilda, apenas un 10% de todas as que fixo. Fica todo un tesouro por sacar á luz, por traer e compartir para sabermos de nós". De xeito máis, concreto, segundo informa MaOs logo de consultas coa Hispanic Society, hai constancia nos arquivos de 1.395 imaxes da provincia de Pontevedra, 1.009 de Lugo e 800 de Ourense, a corresponder o resto á Coruña. Sobre o contido que se pode atopar neste material inédito cabe ter en conta que, como lembraba David Quiñones, moitas das imaxes son diferentes vistas sobre un mesmo suxeito ou retrato. "É incrible que teñamos da outra banda do Atlántico un patrimonio como este do noso pasado que non se está a atender nin tan sequera con ocasión do centenario da visita" de Anderson, lamenta Rodríguez. "É algo que se debería abordar desde as institucións públicas. E logo paréceme tremendo que un libro da magnitude de Gallegan Provinces non estea dispoñible en galego para que poidamos coñecer esa visión complementaria da realidade que coñecemos dos libros de texto".
As dificultades da Hispanic Society
Unha das grandes pexas de cara á recuperación deste patrimonio para a nosa sociedade é a propia dificultade de acceso aos fondos da Hispanic Society. Todas as fontes consultadas coinciden en que o simple contacto coa entidade supón un reto difícil de salvar. A precariedade e falta de persoal supón un problema importante para o acceso ao material e mesmo pode facer perigar a súa conservación de cara ao futuro. Segundo lembra Senra, desde MaOs, "foi difícil porque a sociedade está nun momento de crise e só hai unha persoa responsable da área de fotografía e gravado, Patrick Lenaghan. Tardamos tres meses en conseguir que nos respondese un correo, e foi grazas a unha traballadora da entidade de orixe galego que lle chamou a atención sobre o proxecto". Unha vez feito o contacto, "Lenaghan interesouse e conseguimos asinar un convenio de colaboración con eles. Enviounos fotografías en boa calidade para as reproducir e tamén imaxes inéditas, unha vintena que só se puideran ver no libro Gallegan Provinces e oito que nunca saíran en ningures, entre elas algunhas excelentes como a dos nenos a xogar á buxaina, a do fielato" no que pagaban impostos quen ia vender mercadorías en Compostela, "ou a antiga praza de touros, transformada en campos de futbol improvisados".
Do mesmo xeito, David Quiñones lembra que desde Sete Espadelas "custounos moito que a Hispanic Society recibise a nosa proposta, conseguímolo grazas a un contacto galego que traballa alí. Cando coñeceron a proposta resultoulles moi interesante e axiña asinamos o acordo de colaboración e desenvolvemos unha relación moi boa. Con outros atrancos burocráticos, tardamos como cinco anos en completar o proxecto". Segundo el, a institución americana "desconfiaba bastante nun primeiro momento. Queren que as fotografías se empreguen en proxectos ben feitos e elegantes. Cando fixemos as primeiras reproducións dos traxes e viron como quedaban, gustoulles moito a proposta e conseguimos que mandase moitas máis imaxes".
Futuro
De cara ao futuro, agárdanse novas propostas arredor do legado de Anderson no noso país nos vindeiros anos. Deste xeito, a intención de Alba Rodríguez é continuar a traballar sobre a autora americana. "Gustaríame publicar un libro a raíz destas investigacións. Para min é recuperar unha parte nosa que estaba moi desatendida". Do mesmo xeito, segundo anuncia Senra, "desde MaOs imos tentar facer máis cousas, traballos en profundidade sobre outras localidades na medida en que poidamos nós e a Hispanic Society". Tamén Sete Espadelas manifesta o seu interese en continuar o traballo a partir deste legado. "A idea inicial era facer algo este ano polo centenario pero non houbo maneira de conseguir o apoio necesario. A ver se cara 2026 damos armado algunha cousa. O traballo da fotógrafa "esperta moito interese na rúa, pero a nivel institucional é difícil traballar. A Hispanic Society é moi estrita e ten un ritmo moi lento, con omita burocracia. Abanca ten o proxecto desde hai máis de dez anos de traducir o libro de Anderson, pero aínda está pendente". Dun xeito ou doutro, a figura Ruth Matilda Anderson vai seguir presente na nosa cultura no futuro.
Galería: Imaxes de Ruth e o Leviatán
Alén das imaxes marcadas como inéditas, que nunca saíron do arquivo da Hispanic Society, as demais foron publicadas, con recortes, unicamente no libro Gallegan Provinces.
Nenos a xogar á buxaina na Praza de Mazarelos. 1924. Inédita. Fotografía de Ruth Matilda Anderson. © The Hispanic Society of America.
Muller e carro na Praza do Toural. Santiago de Compostela. 1924. Fotografía de Ruth Matilda Anderson. © The Hispanic Society of America
Muller axeonllada fronte á capela de Mondragón. Catedral de Santiago. 1924. Fotografía de Ruth Matilda Anderson. © The Hispanic Society of America
Caseta do cobrador de impostos aos produtos que entraban na cidade de Santiago. Carballeira de San Lourenzo. 1924-1926. Inédita. Fotografía de Ruth Matilda Anderson. © The Hispanic Society of America
Fútbol na antiga praza de touros de Santiago, actual Campus Sur. 1924. Inédita. Fotografía de Ruth Matilda Anderson. © The Hispanic Society of America
Leiteiras no Cantón do Toural. Santiago de Compostela. 1924. Fotografía de Ruth Matilda Anderson. © The Hispanic Society of America
Preparación da iluminación eléctrica para a Porta Santa. Santiago. 31 de decembro de 1925. Inédita. Fotografía de Ruth Matilda Anderson. © The Hispanic Society of America.
Mercado de gando na carballeira de Santa Susana. 1924. Fotografía de Ruth Matilda Anderson. © The Hispanic Society of America