Lois Ladra presentou as súas liñas de traballo como director do Museo do Pobo Galego

A descentralización preséntase como grande reto na nova etapa da entidade

| Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:
Lois Ladra (dereita) canda ao seu antecesor Manuel Vilar. Fonte: Museo do Pobo

Lois Ladra (dereita) canda ao seu antecesor Manuel Vilar. Fonte: Museo do Pobo

A sede do Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela acolleu este 15 de outubro a presentación pública do seu novo director. O antropólogo e arqueólogo Luís Ladra deu a coñecer as principais liñas de traballo que quere desenvolver durante o seu mandato, que inclúen eixes como descentralizar a actividade da institución ou completar a recuperación do conxunto de San Domingos de Bonaval que acolle as instalacións do centro.

Entre os retos que expuxo Ladra, que foi escolleito por concurso público e asumiu o cargo este 2 de outubro, está conseguir unha ampliación significativa dos recursos económicos e humanos con que conta o Museo, algo que considera imprescindible para que o mesmo cumpra a función para a que foi creado.

Na súa presentación, Ladra destacou a necesidade de abordar a "descentralización do Museo, para tentar chegar a todos os recunchos do país", así como desenvolver "o fortalecemento das relacións culturais e patrimoniais con Portugal e coa lusofonía". Todo isto "sen perder de vista os firmes e sólidos valores fundacionais do Museo do Pobo Galego, as varias décadas de experiencia acumulada no estudo, na defensa e na activación cultural do patrimonio etnolóxico do noso pobo". Ao tempo, apuntou a necesidade de actualizar o discurso museolóxico e as instalacións museográficas do centro.

Canda a isto, o seu mandato inclúe tamén propostas de continuidade, como manter o crecemento que a entidade experimentou nos últimos anos e concluír a montaxe das novas salas de historia, que se agarda estean preparadas para o cincuenta aniversario da institución, en 2027. A se referir a este aniversario, Ladra destacou que o obxectivo será "celebrarmos con orgullo este medio século de vida, creando as condicións necesarias para que o Museo do Pobo Galego, tomando prestadas as fermosas palabras de Cunqueiro, poida seguir existindo mil anos máis como faro, luz e guieiro da nosa cultura e da nosa identidade como sociedade milenaria, plural, rica, dinámica, inclusiva e diversa".

Que che parece esta nova?
102 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, San Domingos de Bonaval, Identidade...