Manuel Lourenzo e Marta Pazos danlle sabor escénico aos Premios da Cultura Galega

Os galardóns da Xunta recoñeceron tamén a Joaquín Martínez Silva, Ficción Producións ou o Celta de Vigo

Os galardóns da Xunta recoñeceron tamén a Joaquín Martínez Silva, Ficción Producións ou o Celta de Vigo
Na tarde do venres 11 de outubro, a Xunta de Galicia daba a coñecer o fallo dos Premios da Cultura Galega de 2024. Nesta xeira, as táboas conseguiron un especial protagonismo, ao levar o dramaturgo, actor e director Manuel Lourenzo o premio na categoría de letras. Canda a el, a directora, actriz e escenógrafa Marta Pazos fíxose co galardón que recoñece o labor no ámbito das artes escénicas.

O fallo do galardón salienta de Lourenzo que a súa vida "está ligada ao teatro galego como escritor, creador, profesor, actor e director. No ano 2022 publicouse a súa obra completa en catro volumes que inclúen numerosas pezas que ata entón eran inéditas. Autor de case 300 pezas, a súa obra anova os aspectos do teatro clásico para tratar diversos puntos da historia galega desde a Idade Media ata a actualidade, cunha forte presenza das figuras femininas". De Pazos, pola súa banda, destaca o ser "unha das creadoras máis efervescentes da vangarda escénica. Como directora artística de Voadora desde 2007 desenvolveu unha linguaxe propia baseada na plástica, a música, a hibridación de disciplinas e a investigación escénica constante".

No ámbito da música, o recoñecemento foi para Joaquín Martínez, a quen considera "un dos principais xestores culturais galegos no ámbito do sector musical privado, fundador e director da empresa Esmerarte Industrias Creativas, entidade referente do sector creativo en España con tres sedes: Vigo, Madrid e Cidade de México".

O premio de artes plásticas recoñece o traballo de Pepe Barro, deseñador, ilustrador e escritor. O fallo lembra o seu traballo no estudio de deseño Grupo Revisión, co que participou na creación da "identidade gráfica da Universidade da Coruña, a páxina web da Real Academia Galega, o deseño da revista Tempos Novos, as publicacións de Turgalicia, a imaxe do proxecto Poetas Di(n)versos ou o deseño da camiseta da selección galega de fútbol". En solitario, destaca tamén o seus traballo "nos proxectos museolóxicos da Casa de Rosalía, da casa-museo de Manuel Antonio, e do Museo Ramón Cabanillas, a cabeceira de Nós Diario, o logotipo de Culturgal, o deseño da exposición Con-fío en Galicia (2016) ou a imaxe da exposición Galicia 100 (2017)".

A produtora Ficción Producións obtivo o galardón no ámbito audiovisual, en base ao seu labor a desenvolver "contidos audiovisuais de ficción e de animación para o mercado nacional e internacional" e a recoñecer tamén a súa "aposta polas novas tecnoloxías, desenvolvendo proxectos audiovisuais de última xeración, integrando imaxe real e 3D"

O Real Club Celta de Vigo obtivo nesta xeira dos premios o recoñecemento á Proxección Exterior da cultura galega. O xurado destaca traballo audiovisual que realizou este club futbolístico para dar a coñecer o himno do seu centenario, composto por C. Tangana, a sinalar o ser "unha superprodución feita en Galicia que conseguiu traspasar fronteiras, cunha gran repercusión e proxección exterior e con millóns de interaccións e reproducións en diferentes plataformas como youtube o Spotify".

A xornalista Julia Díaz Sixto, pola súa banda, viu recoñecida a súa traxectoria na comarca de Ferrolterra, onde desenvolveu un intenso labor de difusión da nosa cultura, con entrevistas a persoeiros destacados como Ramón Piñeiro, Domingo García Sabell, Ramón Otero Pedrayo, Ricardo Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro ou Eduardo Blanco Amor, Xesús Alonso Montero, Celso Emilio Ferreiro, José Filgueira Valverde, Xosé Manuel Beiras ou Carlos Casares. Ademais foi socia fundadora e compoñente do equipo directivo do Club de Prensa de Ferrol, que dinamizou durante anos a vida cultural da cidade.

Finalmente, a categoría de Patrimonio Cultural recoñeceu o traballo do antropólogo Xosé Manuel González Reboredo, que desenvolveu un importante labor no seo do Museo do Pobo Galego. Ademais, é autor de máis dun cento de artigos e relatorios e case cincuenta libros sobre a temática etnográfica e antropolóxica.

O comité de selección destes premios estivo presidido polo Conselleiro de Cultura José López Campos e contou co director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a directora xeral de Igualdade, María Quintana; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; Henrique Monteagudo, académico numerario, en representación da Real Academia Galega; Xosé Manuel Núñez Seixas, vicepresidente do Consello da Cultura Galega; Máximino Zumalave, académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes; así como profesionais de recoñecido prestixio, como Kirenia Martínez Acosta, xestora cultural, bailarina e coreógrafa; Lucía Carballeda Suárez, historiadora da arte e galerista; e Anxo Angueira Viturro, presidente da Fundación Rosalía de Castro.