Comeza a actividade das catro Residencias Artísticas do Gaiás

O Téxtil Suspendido de María Barros abre un programa que continuará o vindeiro mes de outubro

17/9/2024 | Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:

Presentación dos proxectos seleccionados para as axudas REGA 2024

A deseñadora de moda María Barros abre este mes de setembro a primeira das Residencias Artísticas do Gaiás que se desenvolven na Cidade da Cultura co apoio das Axudas REGA 2024. O seu proxecto Téxtil Suspendido foi seleccionado para este programa canda a CA-CO-FLEX, co que Isabel Fernández propón unha reflexión desde as artes escénicas sobre as dificultades de acceso á vivenda, Exercicios sonoros de cartografía inversa de Pablo Seoane e Macarena Montesinos, e mais Deus te livre de Sergio Marei, que comezarán a súa actividade en outubro.

En Téxtil Suspendido, Barros empregará a técnica do moulage, usada na alta costura, para crear figuras escultóricas colgantes con tecido. Segundo explica a Cidade da Cultura, "a súa investigación céntrase tanto nos materiais téxtiles como nas estruturas e soportes". Como resultado, concluirá entre 3 e 5 pezas que se poderán ver no final da residencia ademais dun libro-obxecto manuscrito que terá tamén versión dixital.

CA-CO-FLEX, pola súa banda, céntrase no uso do cartón como "material e elemento poético" para desenvolver estruturas arquitectónicas nunha proposta na que participan tamén a artesá Julia Marín e as actrices e actores Ziggi Iglesias, Alixa Ladson, Mateo Rodríguez, Lúa Pagán e Hugo González. O proxecto quere amosar "as dificultades para independizarse e vivir con autonomía que sofre a denominada 'xeración millenial'" e ao remate da residencia poderá verse unha mostra do traballo desenvolvido.

Exercicios sonoros de cartografía inversa pretende suscitar "a creación dunha obra musical e un artefacto audiovisual a partir da relectura da colección de cartas náuticas e mapas topográficos da costa galega conservados na Biblioteca e Arquivo de Galicia e dispoñibles na Biblioteca Dixital de Galicia", que van dende o ano 1603 ao século XX. Deste xeito, o proxecto "explora a relación transfronteiriza dos mapas, do territorio e da realidade, ao tempo que investiga novos sistemas de representación e notación musical". Un concerto e unha instalación dará a coñecer o resultado desta residencia.

Finalmente, Deus te livre propón crear unha instalación a combinar téxtil, vídeo, audio e performance "para reflexionar sobre as analoxías culturais transfronteirizas galega e portuguesa, á vez que se establece un paralelismo entre a figura de Fernando Pessoa e o autor da proposta, Sergio Díaz Marey". O proxecto "serve como base de investigación das representacións LGTBI+" a partir "dunha vinculación intrínseca co medio e co contexto rural labrego da montaña lucense, favorecendo un discurso plástico que xorde dunha visión politíca e social de Galicia".

Cada unha das propostas contará cos espazos, recursos e equipos técnicos da Cidade da Cultura, e recibirá unha dotación económica de 8.000 euros. Ademais, as persoas seleccionadas contarán co acompañamento dunha persoa mentora experta vinculada ao campo artístico de cada proxecto.

Que che parece esta nova?
43 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Gaiás, Deus, Artes Escénicas, Moda...