Alberto Ramos gaña por segunda vez o Premio de Narrativa Breve Repsol

Coa obra 'Pirotecnia' recunca en acadar este galardón dous anos despois de telo conseguido con 'Os corpos dos Romanov'

| Santiago. Redacción | Seccións: LiteraturaLingua
Compartir:
Alberto Ramos           Foto: Sabela Iglesias

Alberto Ramos Foto: Sabela Iglesias

Alberto Ramos (Santiago de Compostela, 1986) é un autor que lle colle o punto a determinados certames literarios ata o punto de recuncar en galardóns. Fíxoo co Premio Vicente Risco de Creación Literaria que acadou en dúas ocasións (2012 e 2017) e agora tamén o fai co Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega, que acadou en 2022 coa súa novela 'Os corpos dos Romanov' e do que volve ser gañador nesta XVIII edición. 'Pirotecnia' é o título do traballo sleccionado polo xurado entre as 40 obras orixinais presentadas. Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o galardón está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia. O acto de entrega do Premio terá lugar antes de final de ano na cidade da Coruña.

O Xurado da XVIII edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: o director de Edicións da Galaxia, Marcos Calveiro; o escritor e gañador da XVII edición do Premio Narrativa Breve Repsol, Fran Fernández Davila; a critica literaria é nomeada pola Real Academia Galega como membro do Xurado, Montserrat Pena; o tamén crítico literario, Armando Requeixo Cuba, e o escritor galego residente en Bruselas e nomeado pola Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega (AELG), Daniel Ugarte. Daniel Ugarte, voceiro do Xurado desta edición, trasladou no acto de comunicación do premio, que 'Pirotecnia' está narrada cun estilo impecable, e conta cunha habelencia polifónica, na que os sucesos relatados van entretecéndose contrapuntísticamente. "Pola calidade dos seus diálogos, a caracterización das personaxes e a acaída recreación de atmosferas, esta novela constitúe un excelente retrato da complexa sociedade galega que nos tocou vivir", concluíu Ugarte.

Que che parece esta nova?
109 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito