O proxecto Gama, promovido pola empresa portuguesa Greenfiber (Altri) está a espertar unha gran polémica e unha forte contestación desde diferentes sectores sociais e no territorio da comarca da Ulloa, onde se pretende implantar. O CCG alertou hoxe de que a "decisión de implantar unha fábrica de fibras téxtiles non responde nin a un plan territorial nin a un plan industrial que fosen avaliados ambientalmente", e que o enfoque de moitos dos datos presentados nos informes dos promotores ou da propia administración empregan datos parciais que non permiten comprender na súa dimensión o impacto da industria. Segundo a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, o CCG, como organismo consultivo, tomou a decisión de realizar o informe por iniciativa da propia institución ante a falta de petición de informes por parte da Xunta de Galicia. O enxeñeiro agroforestal Eduardo Corbelle sinala que "a expansión das masas forestais de especies do xénero Eucalyptus é unha das consecuencias probables", atendendo a que o cálculo débese facer conforme á fase II, na que se estima un consumo de 2,28 millóns de metros cúbicos con casca, polo que se conclúe que "non sería posible abastecer a nova fábrica sen incrementar a área ocupada por plantacións de eucalipto en Galicia (entre 80.000 e 190.000 hectáreas adicionais, ás 409.000 actuais), ou ben sen importar un volume considerable de madeira". Dous escenarios, conclúe o informe, que son "opostos aos intereses da política forestal en Galicia". Para María F. Sanjurjo, profesora de Edafoloxía da Universidade de Santiago, a planta de Altri emprazaríase "directamente nun dos hábitats xeoedáficos e ecolóxicos máis singulares e interesantes de Galicia", en concreto, sobre unha área proposta para a ampliación da Rede Natura que leva paralizada desde o ano 2011. O informe conclúe que "a instalación desta fábrica, que ocuparía sobre o 7 % da superficie do afloramento serpentinítico, implicaría a destrución completa ou a alteración irreversible destes solos e a súa biota asociada, un verdadeiro laboratorio natural de biodiversidade". Ademais, esta investigadora tamén apunta "non existe en Galicia un territorio que reúna tantas especies de flora ameazada e protexida polo Catálogo galego de especies ameazadas (CGEA)". O informe tamén sinala as consecuencias negativas sobre o patrimonio cultural da área, coma o Camiño de Santiago ou o castelo de Pambre, e o seu impacto no sector turístico da zona.