Benito Vicetto foi un home de vida intensa, como se o espírito do século XIX se tivera instalado dentro del. Fillo de corsario italiano e dunha veciña ferrolá, a súa vida pasou dunha dura orfandade infantil e un camiño errante como militar primeiro, funcionario de prisións despois e outros oficios. Pero Vicetto construiu unha obra a partir da reivindicación dunha historia de Galicia, construída a partir dunha visión da Idade Media como a idade dourada do pasado. A súa Historia de Galicia, publicada en Ferrol, tivo un gran impacto no seu tempo, aínda que as numerosas licencias fantásticas do texto fixeron que fose moi cuestionada no momento. Aínda así, a idea dunha historia galega dinámica e con personalidade de seu contribuiu ao nacemento dunha nova visión da identidade e do pasado do país. Co gallo do bicentenario do nacemento do autor, o Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega publicou unha biografía de Vicetto a cargo do especialista na literatura e historia do XIX Xurxo Martínez.