Compilar cadernos, notas e, en xeral, o material de traballo do que xorden as obras literarias nunha sorte de anti-arquivo. Esta é a base do Arquivo Euseino? de documentación autorial unha iniciativa que pon o foco no carácter inacabado dos libros e nas posibilidades destes materiais como base para tecer redes. Varias autoras vivas e unha cooperativa depositaron xa fondos nun proxecto único no noso país.
A finalidade do Arquivo Euseino?, tal e como explica o web desta iniciativa, "é a preservación dos orixinais electrónicos ou en papel de obras literarias, tamén das filosóficas, os seus esbozos, os restos da elaboración das obras recollidos e inscritos en cartas, correos electrónicos, manuscritos, versións, corrección de probas, etc." Segundo explica Carlos Lema, cofundador da Fundación Euseino? canda a Beatriz Fraga e actual responsable desta iniciativa, "cómpre contextualizar o proxecto do arquivo na Fundación", que naceu en 2015 co obxectivo de "fomentar e promover o pensamento filosófico e a reflexión sobre a literatura e outras linguaxes artísticas e mesmo a ciencia". Segundo detalla Lema, o obxectivo fundamental desta institución "é o pensamento, e consideramos que sen unha difusión social, este non se pode dar". Así, na entidade desenvolven unha liña de traballo (Euseino? Social) de divulgación que inclúe conferencias, obradoiros, un club de escritura, presentacións ou actividades de voluntariado. A estas propostas súmase unha liña de publicacións e, finalmente, o arquivo.
Notas de autoras en activo
"O arquivo ten singularidade de se centrar non tanto en orixinais de libros senón na documentación autorial, é dicir, esbozos, cadernos de notas ou todo tipo de correspondencia. Non nos interesa a obra rematada senón os procesos que levan a ela", sinala o coordinador desta proposta. "A materia a que se dedica é a eses escritos ás veces marxinais ou moi afastados do que pode ser o resultado final dunha obra". Esta perspectiva, "o que se chama crítica xenética", sinala, "é moi interesante porque pon a obra en primeiro plano, por diante a autoría", explica Lema. No proxecto "non quixemos facer un arquivo póstumo, precisamente porque o que nos interesa non é a conclusión da obra, a súa versión definitiva ou a análise a posteriori, senón a elaboración e todo o substrato que ten detrás. Na actualidade, "temos varios fondos, a maioría de escritoras en plena produción". Deste xeito, o proxecto acumula material de Chus Pato, con 14 cadernos xa dixitalizados, de Anxos Sumai, de Berta Dávila e de Rebeca Baceiredo. A isto súmase o propio fondo persoal de Lema e o da Cooperativa NUMAX, conformado polos vídeos de actividades culturais que se desenvolven na sede desta entidade en Compostela. A maiores, tamén custodia o Fondo Euseino? Editores, que recolle "toda a documentación editorial, desde contratos, probas de imprenta e ferros ata orixinais electrónicos e traballo de edición" desta firma.
Outros xeitos de se relacionar coa obra
O proxecto "quere difundir os aspectos ocultos das obras literarias. O libro é unha máquina rematada cun funcionamento coherente e moi fechado, e resulta moi difícil de manexar dunha maneira diferente á habitual", explica Lema. "Pola contra, a documentación autorial pódese traballar de maneiras distintas. Non ten nada que ver ler un poema de Chus Pato xa publicado con acceder ás súas distintas versións de traballo ou mesmo atopar as notas iniciais das que xorde un texto concreto. O proceso de lectura é máis custoso pero absolutamente distinto". Segundo o editor "neste proceso demóstrase a cuestión fundamental de que a obra é unha materia, autónoma respecto á persoa que a elabora e cunha vida propia que se relaciona co mundo de formas moi diversas".
O potencial das notas
"Manexar o material en papel resulta moi gratificante porque esperta a curiosidade sobre a obra dun xeito impresionante, non ten nada que ver co acceso a través dun libro rematado. Acceder ás anotacións previas e mesmo a notas de lecturas ou de tipo diarístico ten un interese enorme. Este é un tipo de escritura que a min como cofundador do proxecto sempre me parece fundamental", explica a lembrar que o proxecto Euseino? se define como "libros e anotacións sobre literatura e filosofía" e que a propia publicación periódica que mantén a fundación en pdf se chama tamén Anotacións. "A idea de inacabamento da obra é fundamental. A obra literaria remata porque se publica como libro, pero na realidade nunca finaliza porque se integra nun campo literario onde ten relación con outras obras de autorías diferentes, non é algo clausurado. Nese sentido as anotacións son moi importantes porque amosan ese inacabamento que é esencial na arte e que lle permite á expresión artística unha posibilidade enorme de transmisión".
O antiarquivo
Na orixe do proxecto "está unha pequena obsesión miña por levarlle a contraria a Derrida" confesa Lema. "Este filósofo escribiu Mal de arquivo no que critica a idea de arquivo, entendido a partir da súa etimoloxía grega, como lugar onde se orixina todo. No arquivo está a explicación do sentido do mundo, custodiado por uns señores, os arcontes. O noso é completamente diferente, non é orixe de nada nin custodia un saber, é o final, o lugar onde se rexistra a actividade previa de pensamento de escritura", explica. "Quixemos facer un antiarquivo ou un non-arquivo, que non poña o acento sobre o control senón sobre o compartir". Na propia configuración do arquivo "tentamos non caer nesa sensación de orixe e detentación do poder que criticaba Derrida. Por iso non nos interesa a exhaustividade nin a completitude da pezas. Deixar as cousas inacabadas é un xeito de contrarrestar ese efecto".
A incorporación de fondos
Á hora de incorporar fondos ao proxecto "o criterio é que sexa unha documentación relacionada co obxectivo da fundación, é dicir, documentos que amosen os procesos de pensamento que levan a obras de filosofía ou literatura. Ou, no caso de NUMAX, dos procesos de difusión de obras deste tipo". Na configuración do mesmo, "non hai intención de exhaustividade nin de contar con autoras e autores de determinadas características", e as incorporacións "baséanse sobre todo na relación das persoas coa propia fundación. Parécenos importantísimo que non sexa só un lugar de depósito, senón que a autora que deposita a súa documentación teña unha relación co proxecto". Pese a que na maior parte dos casos os depósitos son de lotes concretos, o Fondo NUMAX estrutúrase mediante un convenio polo que cada seis meses vai incorporando novo material videográfico. "Non é algo estático, e moitos fondos de autoras poderán ampliarse no futuro", advirte Lema.
O arquivo como rede
Alén da custodia, a idea do arquivo como a base dunha rede de relacións está por detrás da iniciativa. "Ao ser un arquivo dinámico e vivo o que nos interesa son as relacións que se establecen coas persoas doadoras e coas voluntarias que o manexan. Queremos que o arquivo sexa un espazo no que as participantes continúen a interferir e a través do cal se relacionen coas actividades da fundación", asegura Lema. Alén diso, "o obxectivo é que se traballe cos fondos e estes se difundan mediante un repositorio web que estamos a elaborar". Polo momento, o proceso de dixitalización está a pór a estudantes de bacharelato de Vigo en contacto con este material. "Os fondos físicos son perecedoiros, mentres o dixital en principio garante a conservación. Temos tamén voluntariado doutros ámbitos, fanse tarefas de catalogación e publicaremos o catálogo na rede", lembra. O proxecto mantense sen recursos públicos, xa que "por mandato estatutario a fundación non solicita subvencións de ningún tipo e funciona totalmente pola xenerosidade de persoas voluntarias e doadoras".
Cadernos
Encol do material con que conta a iniciativa, Lema recoñece que os legados que recibiron "en xeral están bastante ben organizados. Na maioría dos casos son cadernos datados". Á hora de catalogar estes fondos "a maior dificultade está na documentación de orixe dixital, como publicacións nas redes sociais ou correspondencia electrónica. A xente tende a eliminar estas cousas, dáselles menos importancia. Ademais, agora boa parte da escrita faise en soporte dixital e en moitos casos non se conservan versións previas da obra". Dentro dos fondos conservados, o responsable do proxecto sinala que existe unha grande variedade. "Temos desde os orixinais de Rebeca Baceiredo, que emprega unha especie de taquigrafía nas súas anotacións, ata os cadernos de Anxos Sumai dos anos 80, ilustrados e decorados con cores cun agarimo sorprendente. Anxos emprega unha escritura de base caligráfica, cunha regularidade que semella unha tipografía máis do que unha escrita manual. Logo contamos tamén cos cadernos de Berta Dávila, que inclúen algún debuxo do seu fillo". A maiores, "o fondo NUMAX está composto un material completamente diferente ao ser imaxe. Ten o valor de que se pode escoitar e ver os autores falar das súas obras e mais os críticos e os editores que interveñen nas presentacións".
Alén da escrita
Dentro destas pezas acumúlanse todo tipo de contidos, a incluír moitos que non están directamente relacionados cunha obra. "Temos notas sorprendentes, debuxos, cousas escritas sen ningunha pretensión artística ou textos circunstanciais que rodean a vida da artista e que tamén son interesantes de conservar porque son polo xeral os que menos se gardan". Como exemplo deste tipo de materiais, apunta "as notas que o filósofo Maurizio Ferrari tomou nun congreso sobre realismo especulativo na Sorbona que deixou abandonadas ao final do encontro. Eu tamén asistín e ao ver que as deixaba pregunteille se podía quedar con elas para o arquivo. Este tipo de notas aparentemente intranscendentes logo teñen un interese singular", asegura.
O acceso
Aínda sen estar publicado o índice de materiais, o arquivo xa acordou interese no mundo da investigación. "Houbo algunha persoa que o veu consultar, aínda que polo momento a difusión é reducida. As persoas que son membros da fundación teñen tamén acceso", lembra o responsable. O feito de que se tratar dun tipo de material que polo xeral non adoita saír do ámbito privado esixe un especial coidado do seu manexo por mor dos potenciais datos de carácter persoal que poden conter estes documentos. "Polo momento non tivemos problemas de privacidade, e ningunha doazón se fixo con condicionantes neste sentido. Nalgún dos cadernos que temos pode haber cousas como listas da compra ou números de teléfono, e entón imos controlar o uso que se lle dá a ese material. A consulta vaise facer por previa solicitude, non imos publicar todo na rede para que o consulte calquera".
Consciencia
Este proxecto pon sobre a mesa a consciencia sobre a importancia de material deste tipo para coñecermos a creación literaria e de pensamento no noso país. Polo xeral, os arquivos nestes campos ábrense ao público despois da morte de nomes consagrados das letras, cando é indubidable o interese dos mesmos para a investigación. "A idea de arquivo está máis vencellada a persoas que non están xa vivas, semella que se trata sempre das pertenzas de xente que morre e que son doadas. Nós pretendemos, para desacralizar a idea de arquivo, incorporar material precisamente de persoas que están a escribir e coas que temos relación", explica o editor. Nese sentido, recoñece que aínda non está xeralizada unha visión clara sobre a importancia de fondos coma estes. "A maioría das persoas doadoras quedaron bastante sorprendidas polo noso interese en conservar materiais aos que non lles daban excesiva importancia".
Autoras
Como contribuidora ao proxecto con material propio, Anxos Sumai recoñece que na decisión de doar os seus cadernos, nos que mesmo se inclúen rascuños de novelas que non chegou a escribir, "tivo moito que ver coa relación de amizade con Carlos e con Bea pero, sobre todo, a confianza enorme que sempre me inspirou Lema como editor. Sei que respecta a miña obra, e a min como autora, e que vai coidar o que depositei na fundación. Sei do seu amor pola literatura e polo idioma. Tamén sei que a intención é que os documentos estean dispoñibles para a consulta de persoas investigadoras. En resumo: están mellor na fundación que gardados na miña casa", explica. De xeito similar, Rebeca Baceiredo apunta o contacto directo coas persoas responsables da fundación como un elemento clave na cesión. "En parte foi por afecto e por amizade. Logo paréceme interesante este proxecto porque é tamén un xeito de perpetuar os procesos das obras e permitir acceso aos mesmos. Penso que estes materiais poden resultar interesantes para procesos de investigación". Na mesma liña apuntada por Lema, a autora apunta que "hai a tendencia en certos ámbitos a asimilar a creación como produción, a obra como unha mercadoría con determinados parámetros que funcionan nun momento dado. Pero tamén me interesa outra relación coa creación e co pensamento como procesos, e non facer só fincapé na obra que se produce ao final como elemento transcendente senón tamén a pór o foco no proceso de creación, que é máis inmanente. Iso facilítase con arquivos deste tipo, e é algo que tamén influíu na idea de ceder este material".
Futuro
De cara ao futuro, o Arquivo Euseino? non ten intención de incorporar máis fondos de xeito inmediato. "Temos moitísimo traballo que facer cos recursos dos que dispomos, pero non nos queixamos. Agora queremos seguir coa catalogación e a elaboración do repositorio, despois xa veremos se veñen máis fondos", explica Lema. Deste xeito, "non nos interesa tanto a cantidade senón o tipo de relacións que se xeran, e queremos que sexan relacións que fomenten compartir a cultura dun xeito independente e gratuíto".
Galería de fondos do Arquivo Euseino?
Pezas do fondo Anxos Sumai no Arquivo Euseino? Fonte: Arquivo Euseino?

Páxina de caderno de Berta Dávila no Arquivo Euseino? Fonte: Arquivo Euseino?

Páxina de caderno de Chus Pato no Arquivo Euseino? Fonte: Arquivo Euseino?

Páxina de caderno de Rebeca Baceiredo no Arquivo Euseino? Fonte: Arquivo Euseino?