Os camiños agochados da creación

A exposición do Museo de Pontevedra sobre Berta Cáccamo pon sobre a mesa a importancia dos arquivos de artista no noso sistema creativo

A exposición do Museo de Pontevedra sobre Berta Cáccamo pon sobre a mesa a importancia dos arquivos de artista no noso sistema creativo
Diferentes materiais do arquivo de Berta Cáccamo.
Ata o vindeiro nove de xuño o Museo de Pontevedra acolle a exposición Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo. A mostra explora de xeito pioneiro no noso país a relación entre as pezas desta creadora e os apuntamentos, ideas, ensaios e pensamentos que levan a elas. O proxecto chama a reconsiderar a importancia dos arquivos de artista e o seu potencial para contextualizar e entender as obras, e pon sobre a mesa a necesidade de incorporar estes materiais ao sistema artístico do país. Tal e como lembra Juan de Nieves, comisario do proxecto, "non é estraño que estas entidades conten con material histórico de fotógrafos ou de persoeiros da primeira metade do século XX, pero agora abrimos unha fenda a prol dos arquivos do presente".

Por tras dos trazos que unha artista decide facer para crear unha pintura, das formas coas que un creador transforma a materia nunha escultura ou dos movementos que artellan unha performance, existe todo un proceso de reflexión e de investigación creativa que, polo xeral, non chega ao público. A miúdo eses traballos previos fican rexistrados nos arquivos privados dos artistas, a compor un material que, ata o momento, non está considerado por museos nin, en moitas ocasións, polas propias persoas que o crean. A importancia do arquivo de Berta Cáccamo e a exposición que comisaria Juan de Nieves ao seu redor pon o foco no papel deses rexistros na creación contemporánea.

O arquivo que leva á obra
O Legado de Berta Cáccamo, un equipo de traballo conformado polo propio Juan de Nieves, Beatríz García Ramos e mais Xosé María Álvarez Cáccamo, foron os responsables de xestionar as pezas e materiais que a artista deixara logo do seu falecemento en 2018. Alén disto, realizou varias exposicións dos seus traballos e promoveu a inclusión da súa obra en diferentes coleccións. Dentro das negociacións co Museo de Pontevedra para lle ceder estes fondos, a institución propuxo "unha exposición que se vinculase con esa cesión do material", sinala De Nieves. Deste xeito naceu o proxecto Correspondencias de arquivo. O comisario advirte que "o que se pode ver agora na mostra é unha parte moi pequena dun corpus moi extenso" advirte. O conxunto conservado pola artista "inclúe correspondencia, cadernos, axendas, libros de artista, bosquexos, fotografías, diapositivas, transparencias, documentos sobre xestión de exposicións nas que participou, publicacións, textos… material de toda a súa vida persoal e da súa traxectoria desde mediados dos anos oitenta. É moito material, que organizamos nunha trintena de caixas e que está almacenado nun local de Vilaboa".

A obra e o arquivo
A mostra propón un repaso pola traxectoria da artista falecida en 2018 mediante unha selección de corenta pinturas e máis de trinta "papeis" con debuxos desenvolvidos ao longo de trinta e tres anos de traxectoria en diferentes cidades. Dentro do material exposto inclúense pezas en mans de coleccións públicas e privadas como as do Museo Reina Sofía, La Caixa, Afundación, Centro Galego de Arte Contemporánea ou a do Banco de España. No entanto, a grande singularidade do proxecto é a exhibición, a acompañar estas obras, de quince vitrinas con materiais de arquivo relativo ás mesmas. Canda a isto, a mostra acolle unha trintena de cadernos, múltiples fotografías e vinte e seis obxectos intervidos pola artista, que dialogan cos traballos expostos e contribúen a comprender os seus métodos creativos e o seu universo estético. "Incluír este tipo de material enriquece o traballo artístico, ilumínao, contribúe á idea de que as obras non xorden un xeito estritamente creativo senón que teñen detrás un proceso de traballo", destaca o comisario. O obxectivo final do proxecto, recoñece é "tentar entender a obra artística non exclusivamente a través do traballo que coñecemos en público, senón tamén dos procesos das artistas e dos artistas que están detrás desa obra".

As correspondencias
A exposición opta por presentarse dun xeito non cronolóxico. "Cando tes a obra completa dunha artista, co comezo e o remate da súa traxectoria, podes constituír máis ou menos o relato que queiras e relacionar etapas diferentes", explica De Nieves. Así, na montaxe altérnanse pezas de distintos períodos coas vitrinas. "Trátase de obras bastante singulares que presentan correspondencias" cos fondos do arquivo, detalla o comisario. "Xogamos coa idea de proximidade entre vitrinas e pinturas para dar ás audiencias a idea de que as obras teñen uns procesos e que estes poden percibirse claramente neses materiais". Así "pódense comprobar as correspondentes entre pinturas e toda unha serie de bosquexos, cadernos ou fotografías relacionadas". A combinación non é habitual no ámbito artístico do noso país. "Resulta mais habitual atopar algún material de arquivo en exposicións colectivas ou temáticas, pero non é algo común establecer esta correspondencia tan directa entre a obra dunha artista e os seus rexistros de arquivo", explica De Nieves. Deste xeito, "resulta relativamente inédito poder comprobar tan claramente as relacións do que se coñece como obras maiores con todo este material que ela traballaba previamente". Na maior parte dos casos expostos "hai unha vinculación clara, e nos casos nos que as conexións non son tan directas pódense establecer relacións".

A creación dun arquivo
O proceso polo que se chega a desenvolver un arquivo deste tipo non resulta común. A atención coa que Berta Cáccamo elaborou este material preparatorio e o coidado con que o conservou foi determinante para a riqueza con que conta o seu legado. "O que resulta máis significativo do arquivo é a cantidade de material que atesourou. Non todos os artistas conservan ou lle dan tanta relevancia a un conxunto coma este. Ela conservouno conscientemente. Nalgún texto mesmo fala da importancia dos procesos creativos", o que amosa a consideración que tiña sobre a importancia destes bens. "É relativamente habitual que existan arquivos de artistas, todos teñen un. Pero no seu caso traballaba continuamente en reflexións sobre o seu traballo ou púñaas por escrito nos seus cadernos", lembra o comisario, a sinalar o excepcional da mostra. "Non é normal que se presente deste xeito e por iso tentamos aproveitar a oportunidade para o amosar".

Obxectos manipulados
Dentro do arquivo da creadora resultan particulares as pezas elaboradas a partir de "obxectos atopados e levemente manipulados" que, segundo advirte a presentación da mostra "non constitúen obras de arte en si mesmas". O comisario do proxecto sinala que "foi unha decisión das persoas que traballamos neste legado incorporar estes obxectos como parte do mesmo. Eu considéroos como depósitos da ollada. Son unha pequena parte do total, pezas que realizou ao longo de toda a súa vida e que teñen moitísimo que ver coa súa obra". Deste xeito, recoñece que "non é habitual que un arquivo inclúa este tipo de configuracións obxectuais, pero consideramos que teñen importancia e que deben estar a disposición de quen as queira consultar. Do mesmo xeito que un documento pode dar claves para entender o traballo de Berta, tamén estes obxectos poden ser indicativos do mesmo".

Información e reflexións
Canda a estas singulares pezas, o comisario destaca do legado "as axendas e cadernos de varios tipos. Aí hai desde libros de artista, que son como obras en si mesmas, a outro tipo de axendas ou libros de notas nos que se atopa unha mestura de apuntamentos, bosquexos, reflexións estéticas ou tarefas do día a día". Segundo explica, "do mesmo xeito que calquera persoa, Berta anotaba as ocupacións diarias, ou como se sentía nun momento dado, e ao carón ao mellor o que tiña que facer nese día. No seu caso falamos dun contido moi rico, no que se mesturan este tipo de anotacións con debuxos e deseños, e mesmo cuestións persoais". Tamén se poden atopar no conxunto "datos relevantes da súa actividade artística, como listaxes de obras para unha exposición determinada, notas sobre a preparación de mostras, ou cuestións técnicas como os materiais que mercaba para facer as súas obras".

Do persoal ao xeral
Esa combinación de contidos artísticos e información persoal que se conserva en moitos dos papeis que conforman o arquivo supón un reto á hora de xestionar este material. "Isto converte obviamente algúns destes cadernos en material reservado que non se pode poñer a disposición de todo o mundo, debe ficar para investigadores que queiran investigar determinados aspectos. É algo que pode pasar en calquera arquivo de artista e cómpre tratalo coa discreción oportuna". A reflexionar encol do potencial deste tipo de materiais, De Nieves sostén que "ás audiencias penso que lles dá claves para entender que, mesmo que a obra artística válese por si mesma e ten contido autónomo, con estes materiais pódense establecer as súas correspondencias, tentar entender de onde veñen, en que contexto histórico e cultural se fixeron. Debemos pensar que Berta ao longo da súa vida traballou en diferentes estudos, distintas cidades ou países, e iso marca moito a singularidade do seu traballo".

O traballo pendente
A singularidade deste fondo fica clara, xa que "o Museo non atesoura tantos arquivos de artistas do presente, aínda que ten unha grande experiencia con material deste tipo de persoeiros do pasado. En xeral ten unha práctica de arquivo que penso que é a máis importante nas institucións do país. Por iso decidimos que fose este centro quen tivese este material e traballase con el, xa que conta coas ferramentas para xestionar este material". Os membros do Legado destacan que aínda fica moito por facer a partir deste fondo. "Realizamos unha primeira disección de todos estes materiais, e o que pretendemos é que o Museo continúe esta tarefa, empregando unha metodoloxía de catalogación profesional acorde aos parámetros dos museos e dos arquivos. E logo queremos que fagan difusión e poñan a disposición do público este material para que tanto investigadores como outro tipo de públicos o poidan estudar".

Máis arquivos para a arte galega
Con esta proposta pioneira De Nieves pretende contribuír a unha mudanza no sistema artístico galego. "Gustaríame que sensibilice sobre este tipo de material. Na inauguración afirmei publicamente que agardaba que esta doazón poida abrir unha nova vía na incorporación de arquivos a institucións. Agardamos que o Museo de Pontevedra e outras institucións collan este incentivo para que este tipo de materiais estean mais amparados nas institucións e se poidan empregar para traballar e investigar con eles". Alén das institucións, o comisario amplía esta reclamación de consideración polo material de arquivo ás creadoras e creadores do país. "Estaría ben que esta exposición fose tamén un impulso para que moitas e moitos artistas tomen consciencia da importancia que teñen os seus legados, que é moita. Constitúen un patrimonio que debe estar depositado nunha institución".

Galería: Pezas do arquivo de Berta Cáccamo
Fonte das imaxes: Museo de Pontevedra
Obxectos. Varios materiais. Arquivo Legado Berta Cáccamo
Obxectos. Varios materiais. Arquivo Legado Berta Cáccamo

Caderno 6. París e Roma. 1992-1994. Arquivo Legado Berta Cáccamo
Caderno 6. París e Roma. 1992-1994. Arquivo Legado Berta Cáccamo

Caderno 18. Arquivo Legado Berta Cáccamo
Caderno 18. Arquivo Legado Berta Cáccamo


Caderno 20. 1994-1995. Arquivo Legado Berta Cáccamo
Caderno 20. 1994-1995. Arquivo Legado Berta Cáccamo


Caderno 31. Arquivo Legado Berta Cáccamo
Caderno 31. Arquivo Legado Berta Cáccamo


Caderno 28. 1988. Arquivo Legado Berta Cáccamo
Caderno 28. 1988. Arquivo Legado Berta Cáccamo


Obxecto. Pedra. Arquivo Legado Berta Cáccamo
Obxecto. Pedra. Arquivo Legado Berta Cáccamo


Diapositivas. Arquivo Legado Berta Cáccamo
Diapositivas. Arquivo Legado Berta Cáccamo