A segunda xeira de BDra Gráfica amosa a ambición do festival

O director, Kiko da Silva, adianta as claves do evento pontevedrés de banda deseñada

O autor francés Émile Bravo, que revolucionou o personaxe de Spirou, preséntase como a grande estrela da segunda edición de BDra Gráfica. O festival de banda deseñada de Pontevedra celébrase entre os vindeiros 27 e 30 de xuño cunha importante aposta por se consolidar como unha cita clave no panorama galego da novena arte. Postos na rúa, exposicións e un programa expandido amosan a vontade do proxecto por se facer referencia.

Miguelanxo Prado como autor convidado e autor do cartel, Max, que dá a coñecer no evento a súa última curtametraxe e a súa nova proposta gráfica, Carlos Portela, Keko, Bartolomé Seguí, Aneke, Anémona de Río, Lucía Cid ou Bea Lema fan tamén parte o cartel da nova xeira, que contará ademais coas duplas de Diego Ameixeiras e Tomás Guerrero e mais Fernando Llor e Nil López.

Para alén dos nomes, o evento amplía considerablemente a súa actividade a respecto da primeira xeira. "O ano pasado organizamos unha primeira edición pequena, para que ver que resposta tiña e a coincidir por primeira vez co Día do Cómic, en marzo. Como a cousa funcionou, malia a ter unha difusión e uns espazos limitados, este ano decidimos medrar, aínda que tardamos algo en pór en marcha o proxecto porque o Concello tardou en ter o orzamento aprobado", explica Kiko da Silva, director do proxecto.

Segundo lembra, o festival "naceu de xeito bastante natural. En Pontevedra hai un lote de actividade cultural, a banda deseñada sempre estivo aí pero nunca chegou a ter un festival propio". Malia a diferentes tentativas neste sentido, "sempre eran asociacións e entidades que tentaban pór en marcha a cousa e non acababa de callar. Esta foi unha proposta máis seria, o Concello está a se involucrar a fondo e a integrar a actividade como propia".

Entre as novidades da edición, destaca a aposta por sacar postos de venda á rúa nun espazo céntrico como é a Praza a Ferrería. "Desde o comezo tiña a idea de sacar o festival á rúa e por involucrar ao máximo os libreiros, que son un punto de unión clave entre autores e editores cos lectores". Con esta premisa, o evento contará cunha carpa na que se localizarán os postos de 24 librarías e editoriais do sector e que acollerá presentacións e sesións de sinaturas.

Da Silva ten claro que un dos eixes do festival son as exposicións de pezas orixinais, unha aposta que ao tempo presenta como problemática. "A xestión das exposicións resulta complicada porque esixe que existan espazos públicos axeitados para este tipo de material. Hai uns requirimentos de superficie, iluminación, condicións de conservación e de seguridade que dificultan estas propostas. En Pontevedra non hai moitos que cumpran esas características, o ano pasado contamos cunha sala no Museo e nesta edición levamos á Fundación Manuel Moldes a exposición de corenta orixinais de Miguelanxo Prado". Canda a isto recoñece que as mostras "son proxectos caros que teñen que ter un seguro imporante, pero penso que é algo que atrae xente". A dedicada a Prado compleméntase cunha mostra didáctica na que as autoras e autores convidados a esta xeira explican o seu proceso creativo e que se poderá ver na propia Praza da Ferrería. Un percorrido polos 45 anos da editorial La Cúpula completan este apartado do programa.

O interese por divulgar o proceso creativo detrás da novena arte e procurar a conexión entre autores e público é un dos eixes claros do formato de BDragráfica. "Ver o proceso creativo detrás da banda deseñada e os orixinais das obras é algo que só se pode facer nos festivais", sinala o director. "A miña referencia sempre vai estar en Angoulême", o maior evento dedicado á banda deseñada a nivel europeo, "no xeito no que tratan os autores e autoras e fan por achegalos ao público. Temos que tentar amosar que a BD non é só para un grupo de fans, senón amosar a variedade que existe para todo tipo de lectores. E logo cómpre divulgar a obra dos autores, amosar o seu proceso de traballo, falar con eles e ver a complexidade que hai detrás de cada libro. É fundamental facer fincapé na obra e na autoría, debería estar sempre no foco".

A aposta por atender a autoría ponse de relevo tamén coas xornadas profesionais que o evento xa iniciou o pasado ano e que queren contribuír á formación e á reflexión do propio sector. "Este ano imos centrarnos na cuestión da intelixencia artificial e os dereitos de autor nunha charla con Luís Demano, e logo propomos algo que penso que é pioneiro que é unha formación teórico práctica de fisioterapia para autores e autores, queremos centrarnos na saúde dos creadores". A estas proposta súmase unha clase maxistral do autor belga Émile Bravo.

A actual situación dos eventos de banda deseñada no país, con propostas novas como o Banda á Feira de Vigo ou a consolidación de encontros como o Fun Fun Fun! en Santiago e do Autobán na Coruña con apoio municipal, ademais da nova época que se abre en Viñetas desde Atlántico amosan un período especialmente fecundo neste ámbito. Da Silva, no entanto, advirte que "isto é algo cíclico. Houbo un momento no que había xornadas, que non festivais, en moitos sitios e foron caendo case todas. Agora é boa noticia que as institucións públicas e a cidadanía comecen a se interesar pola banda deseñada, algo está a se facer ben".

Como tarefa pendente "bótase en falta que a Xunta nos teña en conta á hora de dar axudas e dos patrocinios habituais nos eidos culturais", a sinalar a polémica polo posto que representou a BD galega en Barcelona. "Mandaron un posto sen falar co gremio, indicando que ían convidada xente que foi por libre e sen ter ningún obxectivo claro", critica.