Emilio Cao, galardón honorífico nos Premios Martín Códax da Música 2024

Músicas ao Vivo destaca o seu papel pioneiro e renovador na música galega como "figura clave na apertura ao ámbito internacional"

O arpista Emilio Cao (Santiago de Compostela, 1953) recibirá o vindeiro 15 de maio en Pontevedra o galardón honorífico dos 11º Premios Martín Códax da Música. Recoñecido por recuperar a arpa celta para a música galega, instrumento esquecido desde o medievo, ao que se enfrontou de maneira autodidacta, Emilio Cao é unha das figuras da música do noso país que concitan un recoñecemento unánime desde que comezou a súa carreira musical nos primeiros anos setenta. Músicas ao Vivo (MAV), entidade promotora dos Premios Martín Códax da Música, quere render homenaxe a un artista pioneiro sen o que entenden que sería difícil entender o devir da música galega nas últimas décadas.

Desde MAV non aforran valoracións ao referirse ao premiado como renovador, viaxeiro e figura clave na apertura da música galega no ámbito internacional, sobre todo no que ten ver co vencello da música galega co folk de alma celta. Sinalan mAV a influenza do Camiño de Santiago para o músico que tirou del como corredor para saír a coñecer a música europea aínda nos anos da ditadura e polo que trouxo con el os sons da música celta converténdose nun referente da escena galega con só vinte e catro anos. O disco, 'Fonte do Araño' (Novola, 1977) supuxo a apertura da música galega ás músicas do mundo reunindo a intérpretes como Xoán Piñón e Bernardo Martínez, de DOA, ou Antón Seoane e Xosé Ferreirós, de Milladoiro, coa produción de Nonito Pereira. A música tradicional, a improvisación e o pop-rock confluían naquel disco pioneiro no que contaba coa colaboración dunha "vaca sagrada" do folk internacional en Bretaña e Europa como era Alan Stivell, cantautor, arpista e responsable en boa parte da popularización da música celta nos anos setenta e oitenta do século pasado. Un disco. O primeiro disco de Cao trouxo claramente aires novos para un panorama musical que en Galicia abalaba entre a canción protesta e a música tradicional. O seu impacto mantívose vixente e como exemplo o seu 'Fonte do Araño' foi un dos temas lelexidos polo grupo Eladio y los Seres Queridos como sinxelo do seu disco de versión 'Cantares' (2016), para o que contaron coa colaboración do propio Cao.



No perfil da súa traxectoria, tal e como lembran desde a asociación Músicas ao Vivo, seguirían a ese primeiro traballo de enorme impacto os discos 'A Lenda da Pedra' (Guimbarda, 1979), 'No manto da auga' (Guimbarda, 1981), 'Amiga Alba e Delgada' (Edigal 1986, Boa-Do Fol, 1998, reedición), 'Cartas Mariñas' (Lyricon 1992, Boa-Do Fol, 1998, reedición) e 'Sinbad en Galicia' (1996, Boa-Do Fol). Emilio Cao peregrina por diferentes linguaxes e estilos desde os seus inicios, cando colaboraba como baixista e guitarrista co grupo de psicodelia e rock progresivo N.H.U. (galardón honorífico dos Premios Martín Códax da Música 2014) ao tempo que acompañaba a Benedicto e Bibiano en Voces Ceibes. Desde principios dos oitenta, Cao compón bandas sonoras para teatro -é o caso de "Agasallo de Sombras" de Roberto Vidal Bolaño en 1984, audiovisual e danza, e realiza un gran número de concertos en España e Europa (Francia, Países Baixos, Reino Unido, Alemaña, etc). Punto e aparte merece a súa intensísima relación con Portugal, sendo un dos artistas galegos que máis concertos deu no país veciño onde estableceu colaboracións artísticas con figuras como Fausto ou Carlos Paredes. En 1998 participa no disco 'Cantame mis Canciones (Tributo a Jackson Browne)' xunto a Kiko Veneno, Luis Eduardo Aute, Jabier Muguruza e Maria del Mar Bonet, entre outros. No ano 2008 viu recoñecida a súa traxectoria co Premio Opinión a unha Andaina Senlleira na primeira edición desta modalidade dos galardóns da música folk Premio Opinión