O proxecto Cinema Náufrago rescata a memoria audiovisual do Parque das Illas Atlánticas

A iniciativa pon na rede entrevistas e filmes domésticos con esta área como protagonista

27/3/2024 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: audiovisualhistoria
2 lecturas | Compartido 0 veces

Están xa na rede os primeiros resultados do proxecto Cinema Náufrago, unha iniciativa que quere recuperar as películas domésticas localizadas no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. A iniciativa, que conta co apoio desta entidade, pretende dixitalizar e pór a disposición no público gravacións particulares que se desenvolveron nestes espazos entre os anos 50 e 90 do século XX.
O proxecto compilou polo momento dunha ducia de películas, localizadas na súa maior parte no arquipélago das Cíes, con outra filmada en Ons e unha última no Porto de Vigo. Este material compleméntase con dezaoito "videorecordos" nos que diferentes persoas debullan as súas experiencias no lugar ao longo dos anos. O campismo libre, a polémica polo nudismo nas praias, as tentativas de comer gaivota e moitas outras cuestións aparecen nestas filmacións.

A iniciativa, desenvolvida por Sara Blas e Pablo Gómez, responsables do Museo Online de Cine Autobiográfico de Vigo, destaca que estes filmes "teñen un importante valor cultural para diversos usos creativos, xa sexan de investigación ou artísticos", e apunta que corren risco de desaparecer. O proxecto está aberto a contribucións do público, que obtén unha copia dixitalizada das súas gravacións en troca da súa colaboración.

Universo culturagalega.gal

Contextos

Claves

Lugares