Como preservar un patrimonio que non se ve (nin se sente)

Expertos debaten ao redor da investigación e posta en valor das aldeas prehistóricas das que apenas fican trazas visibles

Expertos debaten ao redor da investigación e posta en valor das aldeas prehistóricas das que apenas fican trazas visibles
Xacemento de Os Castros (Terra Cha). Foto: Xurxo Ayán (2012)
"Ata o momento, polos datos que dispoñemos, Galicia ten 20.004 sitios arqueolóxicos catalogados", explica Roberto Pena, xefe do servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. "Deles, 16.800 son xacementos con seguridade, 940 son achados de material arqueolóxico, 821 son topónimos que poden ser indicios de xacementos e 1434 son referencias aínda non confirmadas de novos xacementos". Estas cifras repártense nun 48% para mámoas -os túmulos prehistóricos que supoñen a primeira arquitectura monumental de Galicia- seguidos da arte rupestre e os castros, cun 16% cada un, os xacementos romanos (7%) e medievais (5%). As grandes cifras -que non inclúen o resto dos bens culturais tamén catalogados de diferentes épocas- dan unha idea da escala da xestión do patrimonio cultural galego, ao que se lle suma agora unha certeza: saber que o solo galego está cheo dun número indeterminado pero igualmente enorme de xacementos 'invisibles' aínda non detectados. "Toda a paisaxe está humanizada e é unha paisaxe cultural", conclúe Pena.

Unha das fronteiras na arqueoloxía galega son os xacementos 'invisibles'. Trátase de sitios arqueolóxicos que, a diferencia das monumentais murallas dos castros ou os voluminosos esteos dun dolmen, non son apreciables con facilidade e a simple vista e que cando se escavan non deixan máis rexistro visible que as pegadas en negativo de antigas estruturas de madeira ou escavadas na terra. Para debater sobre a súa investigación, documentación e posta en valor o Consello da Cultura Galega celebrou onte un Encontro monográfico sobre o Patrimonio Cultural coordinado por Rebeca Blanco-Rotea. Este tipo de xacementos vense envoltos con frecuencia na polémica, como sucedeu recentemente cun poboado localizado na cidade deportiva do Celta de Vigo, ou porque o achado deste tipo de estruturas durante a construción de obras públicas, moitas veces a último momento, provoca escavacións de urxencia e destrución dos espazos.

O certo é que ata os anos 70, en Galicia a existencia deste tipo de xacementos invisibles eran case descoñecidos, sometidos a procesos de degradación temporal que explicou o edafólogo e catedrático da USC Antonio Martínez Cortizas. Trátanse de estruturas construídas en gran medida con materiais perecedoiros como a madeira e que apenas deixan trazas negativas no terreo. A principios dos anos 90, coa construción de grandes infraestruturas coma os gasodutos, as autoestradas ou o ferrocarril, os arqueólogos comezaron a descubrir, nos controis das obras, curiosas 'manchas' no terreo. Testificaban a existencia de cabanas, poboados, foxas de almacenamento ou depósitos funerarios. Aqueles xacementos, escavados de urxencia e a contrarreloxo en moitos casos, permitían unha ollada única a épocas, como o Neolítico ou a Idade do Bronce, con poucas testemuñas materiais da vida diaria.

Aprender a mirar

"En toda Europa pasou o mesmo a partir dos 70 e sobre todo nos 80", explica a arqueóloga e profesora da USC Pilar Prieto, responsable de contextualizar estes sitios durante o Encontro, "pero hai algo que marca moito a diferencia entre Europa e Galicia. Co paso do tempo desenvolveuse moito a arqueoloxía da prehistoria e nós quedamos atrás". Con todo, a arqueóloga María Martín Seijo, experta en arqueobotánica, destacou que a situación en Galicia atopábase moito mellor que en León ou en Asturias, onde o número de intervencións sobre este tipo de xacementos é moito menor.

Para Prieto, o feito de que os xacementos sexan tan pouco visibles ten que ver tamén co "xeito de obter coñecemento na nosa sociedade", explicou. "Non sabemos mirar ou non se nos ocorren metodoloxías para observar este tipo de xacementos. En certo xeito ese é o principio da arqueoloxía, aprender a mirar". Para a profesora da USC, cómpre "intensificar o que xa estamos facendo, abordar estudos globais paleoambientais e cronolóxicos, e datacións radiocarbónicas que son fundamentais para comprender a evolución de moitos deles. Pero tamén escavar máis e termos máis recursos".

Se un se achegara a unha das intervencións destas aldeas invisibles atoparía un campo atravesado de gabias circulares e foxas en negativo, sen apenas estruturas pétreas visibles. É como unha especie de aldea en negativo. Arqueólogas como Pilar Prieto, ao observaren estes negativos de vivendas, decátanse da propia evolución das vivendas en Galicia. "Observamos un proceso polo cal mentres as casas se van facendo cada vez máis grandes e monumentais na historia, as tumbas tenden a facerse cada vez máis pequenas e desaparecer", explica Prieto, quen comezou a escavar este tipo de cabanas nos anos 80 na serra do Bocelo, entre Melide e Sobrado dos Monxes, e no que observou o proceso no que as cabanas máis antigas do paleolítico teñen forma de paréntese e son moi pequenas, de apenas 3x2 metros. "A xente facía toda a vida fóra da cabana", explica. Conforme avanzan os séculos, as cabanas vanse facendo máis grandes e circulares ata chegarmos ás longhouses, ás grandes cabanas de forma navicular que nos últimos anos se están a escavar en Galicia. "Nas súas datacións máis antigas atopámolas ao redor do 1800 e 1600 a.C.", dá conta Prieto, quen ten proposto modelos de reconstrución destas estruturas. "Unha das cousas máis intrigantes é que algunhas das longhouses son practicamente idénticas en forma e tamaño en diferentes sitios de Galicia. En Dinamarca estase a propoñer a existencia duns artesáns itinerantes, especialistas en fabricalas", argumenta.

A estensión e a conservación
"Pode que mesmo haxa moitos máis xacementos invisibles, sen localizar, que os que son visibles e xa coñecemos. Habería que ver, por exemplo, cantos castros hai en relación a todas estas áreas poboadas", explica Pilar. Unha característica destes xacementos é que reflicten o asentamento de grupos humanos nun mesmo lugar durante milenios, e que ocupan estensións moi grandes do territorio. "Debido á súa natureza son moi díficiles de definir", explica Prieto. Segundo Roberto Pena, os tramos actualmente construídos da autoestrada Santiago-Lugo requiriron a intervención en 37 sitios arqueolóxicos. "Un deles, o de Palas de Rei, estendéndose cunha extensión enorme", explica o xefe do Servizo de Arqueoloxía da Xunta. "O que sabemos é que en moitas ocasións a infraestrutura só destrúe unha parte pequena deste tipo de xacementos".

Precisamente a dificultade de identificar o terreo é o que provoca que moitas veces estes poboados se descubran no último momento, cando o trazado das autoestradas está xa acordado e volver a modificar o trazado é unha opción con escasas garantías de éxito. César Parcero, arqueólogo e científico titular do INCIPIT do CSIC, destacou que as novas tecnoloxías están permitindo localizar novos sitios arqueolóxicos pero non son unha panacea para salva estes lugares. "A paisaxe galega impón moitas limitacións, como pode ser a fragmentación e a discontinuidade do terreo, ou o mato e a forestación, que fai difícil ver estruturas", explicou o arqueólogo e científico titular do INCIPIT César Parcero, "pero creo que debemos afrontar este problema de forma proactiva e non reactiva, só movéndonos cando se atopa un destes sitios por casualidade ou polas obras públicas".

Os xacementos invisibles prantexan numerosos problemas, tanto na súa conservación como na investigación. "O 95% destes xacementos están construídos con materias vexetais", explica a arqueobotánica e tamén científica titular do INCIPIT María Martín Seijo. "e hai que ter en conta que non só son poboados, senón o impacto desas comunidades sobre o territorio. Por exemplo, agora sábese que moitas estruturas que se pensaba que eran fondos de cabanas, tiñan que ver en realidade coa apertura de campos de cultivo e o arrincamento de tocóns". De todas esas aldeas fican trazas en forma de carbóns ou sedimentos susceptibles de seren tratados. Martín Seijo reclamou a necesidade de ter un depósito para todo este tipo de materiais, que permitira a súa investigación conforme avancen as tecnoloxías de análise deste tipo de materiais e permitan o seu estudo.

Un xacemento coma este, aínda que non fique nada del unha vez rematada a escavación, é como un libro cheo de información, pero é información que só pode ser lida parcialmente. "Cando hai unha obra pública, os técnicos de Patrimonio loitan ata o último momento para evitar a destrución. Ás veces peléxase por centímetros", explica Roberto Pena, "pero ás veces non queda máis remedio que asumir a conservación por documentación". Pilar Prieto amosou algúns exemplos de sitios da Idade do Bronce, cuxa escavación tamén dera estruturas en negativo e difíciles de conservar, transformados e recontados, en Alemaña e Italia. Que estes xacementos non ocupen, na súa maior parte, un lugar no imaxinario tradicional galego, inflúe tamén na presión que se exerce sobre as administracións para protexer e poñer en valor estes espazos ou os resultados das investigacións. Pero Pilar Prieto é cauta coa divulgación. Porque o que non se ve non se sente. Ou o que non se sente non se ve.