Lugo presenta os seus actos para o Día de Rosalía

Un festival de música feminina, reparto de láminas e creación mural ao longo do ano celebrarán a data

Un festival de música feminina, reparto de láminas e creación mural ao longo do ano celebrarán a data
Lámina de Sandra Lodi polo Día de Rosalía
O Día de Rosalía de Castro, o vindeiro 23 de febreiro a coincidir coa data de nacemento da escritora, será celebrado por todo o país cun numerosos actos. Na provincia de Lugo a Deputación provincial impulsa unha ampla programación cultural na que conflúen a música, as artes plásticas e a palabra. O venres, o festival "As literatas para Rosalía de Castro", ofrecerá actuacións de MJ Pérez, Antía Muíño e Belém Tajes. Ademais haberá un reparto de láminas conmemorativas nos museos da Rede Museística Provincial de Lugo, e a conmemoración da poeta continúa ao longo do ano coa realización dunha decena de murais homenaxe nunha decena de espazos públicos da provincia, segundo se ven de presentar por parte da área de Cultura do ente provincial.

Durante toda a xornada os catro museos da Rede Museística Provincial -o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e o Fortaleza de San Paio de Narla- agasallarán ás visitas un caravel e unha lámina conmemorativa cun deseño da ilustradora Sandra Lodi, acompañado dos versos do popular poema “Alborada” (Cantares Galegos, 1863). A creación e a produción musical galega e feminina protagonizan o cartel da xornada musical "As literatas para Rosalía de Castro", un nome que toma como referencia o artigo "Las literatas", publicado en Almanaque de Galicia no 1866 no que Rosalía de Castro denuncia os prexuízos sociais que dificultan que as mulleres se dediquen a tarefa literaria. Tamén o venres 23 de febreiro ás 19:00 horas, o Museo Provincial de Lugo acollerá o "Encontro de saberes arredor de Rosalía de Castro", no que a profesora honoraria da UDC e sociolingüista Pilar García Negro e a profesora de Lingua e Literatura Galega da mesma universidade e especialista en literatura e xénero Mª do Carme Fernández Pérez Sanjulián, especialistas en literatura e xénero, debaterán sobre a figura de Rosalía de Castro a partir da proposta temática "Intrahistorias de A las orillas del Sar, El primer loco e o patrimonio documental e artístico do Pazo de Tor", que relaciona o patrimonio e a historia do Pazo de Tor con temáticas presentes na obra de Rosalía de Castro como a enfermidade mental ou a defensa ecolóxica da carballeira de Conxo fronte a un poder foráneo.