O 2023 desde o miradoiro (e 2)

Pela del Álamo e Mercedes Queixas valoran o 2023 no ámbito audiovisual e literario

Pela del Álamo e Mercedes Queixas valoran o 2023 no ámbito audiovisual e literario
Pela del Álamo e Mercedes Queixas.
O 2023 foi un ano de importantes novidades no ámbito do audiovisual e literario. Pela del Álamo, programador audiovisual e director do festival Curtocircuíto, unha das apostas máis consolidadas no ámbito audiovisual galego, considera que o sector está "no seu mellor momento". Da literatura encárgase a escritora e investigadora con dilatada experiencia nas nosas letras Mercedes Queixas, actualmente deputada no Parlamento galego.

No mellor momento


Por Pela del Álamo

O cinema galego está no seu mellor momento. Dende hai máis de dez anos. Non é unha exaxeración, é o froito de moito traballo e de moita convicción.

O cinema artístico; aquel que emerxe da vontade de explorar, de xogar e de expandir os límites da linguaxe visual; aquel que ate no hai tanto era abertamente minorizado, estigmatizado e relegado ás marxes do sector audiovisual, hoxe é o cinema que leva o nome de Galicia polo mundo enteiro. Por fin, parte das institucións, algunhas empresas produtoras e unha boa parte dos medios de comunicación comprenderon que o recoñecemento chega cando a industria aposta polo risco e a singularidade… ou cando as produtoras máis ousadas teñen a oportunidade de darlle aos seus proxectos unha estrutura menos precarizada.

As fórmulas do cinema convencional dilúense cada vez con máis celeridade e, pola contra, cada vez son máis os filmes galegos –e en galego– que pasarán a formar parte da historia cultural de Galicia e do Estado español.

O cinema galego en 2023 comezou e rematou do mellor xeito posible. O primeiro fito foi a estrea de Samsara, do vigués Lois Patiño, na sección Encounters da Berlinale, un dos tres festivais máis importantes do mundo. Esta sección, que fora creada polo xa ex director da mostra, o impecable Carlo Chatrian, acolle o cinema máis innovador e é un dos referentes mundiais do cinema autoral. Patiño acadou alí o Premio Especial do Xurado. Pode que este premio non tivera a repercusión doutros pero, sen dúbida, é unha marca que quedará nos rexistros do noso país e que, de seguro, irá adquirindo a relevancia que merece co paso dos anos. E que este logro pertenza a un filme ideado para ser escoitado cos ollos pechados fala do lugar de excelencia artística que transita o seu autor e, por conseguinte, o cinema galego.

E cando parecía que o fito de peche do ano chegaría coa participación de O corno (Jaione Camborda, 2023) na Sección Oficial do Festival de Donosti como a primeira peli en galego alí proxectada, a cineasta compostelá de orixe euskaldún converteuse na primeira española en conseguir a Cuncha de Ouro. Un filme feito por mulleres, sobre mulleres, sobre a súa dor e sobre a súa sororidade que conseguiu xuntar aos públicos máis diversos para encher as salas de exhibición con ese cinema que se deixa atravesar pola vida para encher a pantalla de beleza.

E, no medio destes dous fitos, en 2023 ocorreron moitas máis cousas, cousas fermosas chamadas Marta Valverde, Álvaro Chior, Lara e Noa Castro, Ariadna Cordal, Acacia Ojea, Uxía Gayoso, Fer Areal, Arancha Brandón, Antía Carreira, Ángel Filgueira… Estes e outros tantos nomes son o presente e o futuro do cinema e das artes visuais en Galicia. Unha xeración autónoma chea de inquedanza e curiosidade, de autenticidade e autoconciencia, que traballa co desexo e a necesidade enorme de afondar na construción dunha identidade persoal comprometida coa colectividade e co tempo ao que pertence.

E atentas, Alberto Gracia, o cineasta máis independente e sen complexos de toda Galicia (que non é nin o máis coñecido nin o máis aplaudido), estrea a súa terceira longametraxe, La Parra (producido por Filmika Galaika), na Sección Oficial do Festival Internacional de Cinema de Rotterdam, outro Clase A. Así toma relevo o cinema galego no 2024.

Pela del Álamo é comisario e programador de artes visuais e fílmicas. É o director artístico de Curtocircuíto- Festival Internacional de cine

2023, máis que palabras



Por Mercedes Queixas


Puidera ter sido 2023 o ano que puxese fin a unha débeda pendente desde 2007 como é a elaboración por parte do goberno galego do Plan do libro e da lectura, mais non o foi.

Puidera ter sido 2023 o ano que asentase as pontes para proxectar no mundo a literatura pensada, sentida e transmitida en galego desde o impulso dunha política de expansión cultural sustentada na tradución, mais non o foi.

Puidera ter sido 2023 o ano que dese a luz, por fin, o tan demandado Instituto Rosalía de Castro para a internacionalización da literatura e cultura galegas, mais non o foi.

Puidera ter sido 2023 o ano en que se levantase a prohibición de aprender en galego en varias materias do currículo escolar para facilitar o contacto, a aprendizaxe e o uso da nosa lingua na educación, desde os primeiros anos de formación, para contribuír a ese complexo proceso de formación de novos públicos para a escrita e a lectura. Mais tampouco o foi.

Puidera ter sido 2023, co gallo da celebración do centenario, o ano da restitución da memoria institucional e documental do Seminario de Estudos Galegos, creada polo inmenso capital humano que axudou a nacer a investigación científica en galego e desde Galiza, e espoliado a partir de 1936. Mais tampouco o foi.

Con todo, a literatura galega, grazas ao amor propio que a sostén na rede de pulsos da escrita, volveu ser máis un ano dona de si para dar que falar moito máis que palabras.

É certo que o ano se despediu en novembro co seu gume frieiro máis triste, petando nos nosos corazóns con interrogantes sen fin que non achaban resposta á precipitada e devastadora perda do escritor Miguel López, Hematocrítico, o sempre enxeñoso fabricante de sorrisos inimaxinados para todos os públicos.

O silencio amargo da perda inesperada amplificou o balbordo colectivo do setembro anterior que nos inzara de emoción cando a literatura en galego volvía medrar en recoñecementos nunha nova demostración de sermos pobo creador sen límites nin fronteiras. Nada máis lonxe daquela cultura “acomplexada e ensimismada” definida por algún Conselleiro de Cultura.

Paula Carballeira e Yolanda Castaño poñíanlle en 2023 o ramo (con puntos suspensivos provisionais) á longa listaxe de Premios Nacionais de Literatura concedidos polo Ministerio de Cultura que, autores e autoras, teñen gañado para o recoñecemento persoal do seu oficio da escrita, mais tamén para o que representan as súas obras no conxunto do patrimonio cultural común.

As alumnas e Materia, para alén de seren dous títulos premiados, para alén de seren núcleos substantivos e suxeito único, son semente herdada dunha longa tradición literaria bimilenaria no que as autoras hoxe xa son referentes.

Aqueles ascendentes históricos, dramatúrxicos e poéticos que confluían na nosa pegada literaria culta da Idade Media seguen a recoller hoxe os froitos maduros nunha lingua e nun proceso creativo propio do século XXI.

As alumnas de Paula Carballeira e a Materia de Yolanda Castaño conforman universos de palabras para falarmos de nós, das mulleres, en primeira persoa, sen ventrilocuos intermediarios. Máis que palabras, en clave dramatúrxica e poética, para falarmos de mulleres comprometidas, tantas veces anónimas, comezando polo compromiso consigo propias e co seu tempo, para repensar a evolución do noso pensamento desde unha perspectiva crítica.

Máis que palabras. Para ter voz propia. Para dar voz. De noso.

Mercedes Queixas é profesora de Lingua e Literatura Galegas e deputada polo Bloque Nacionalista Galego no Parlamento autonómico