O 2023 desde o miradoiro (I)

Noel Feáns e Rosa Benavides comentan as tendencias na música e no patrimonio cultural

Noel Feáns e Rosa Benavides comentan as tendencias na música e no patrimonio cultural
Noel Feáns e Rosa Benavidas. Fotos cedidas
2023 foi un ano intenso e cheo de desafíos que comezamos a ver en perspectiva. Como é habitual, solicitamos a diferentes profesionais e activistas dos diferentes sectores culturais do país a súa visión do que deu de si este ano. Comezamos coa música e o patrimonio cultural. No caso do sector musical, Noel Feáns -responsable da plataforma A Regueifa e músico- achégase a un 2023 que supuxo, para el, "o ano da normalización da nosa música". No ámbito do patrimonio cultural, a restauradora Rosa Benavides, comisaria xunto con Rebeca Blanco-Rotea da exposición Olladas #EMPC. Olladas #INSITU, coa que o Consello repasou as iniciativas e proxectos patrimoniais máis relevantes dos últimos anos en Galicia. Para Benavides, 2023 foi o ano do "compromiso da cidadanía".

2023, o ano da normalización da nosa música



Por Noel Feáns

As 10000 persoas que ateigaron o Coliseum da Coruña no concerto de fin de xira das Tanxugueiras hai uns días ben poderían ser o indicador da temperatura do caldo que está a ferver na pota da música galega nos últimos anos, adubiado dende décadas atrás, e que neste 2023 por fin chegou as nosas mesas: a normalización da música galega e o establecemento do galego coma lingua de prestixio.

A travesía dende os tempos de Andrés do Barro e Voces Ceibes ten sido longa de máis, con períodos extremadamente ermos alternados por etapas máis fértis aínda que efémeras, e despois de todos estes anos a sensación é que ese agardado tren vai chegando por fin a termo. Un destino -que a música galega sexa, tamén, a música cotiá dxs galegxs- que se comezou albiscar o pasado ano co fenómeno Tanxugueiras e que cristalizou neste 2023 no estoupido transversal que a nosa música precisaba, espallándose do neotradi ao urbano, ás guitarras e ao resto dos estilos.

Dende o eixo neotradi e seguindo o ronsel de éxito das Tanxus e Baiuca este ano viu abrollar dous grandes nomes que sen dúbida van escintilar na música galega dos vindeiros anos, Fillas de Cassandra e Mondra. Os seus discos de debut, "Acrópole" e "Ardén", producidos por esa pedra angular da nova música galega que é Berto, son a ponta de lanza dun movemento que está aqui para quedar e que neste 2023 non fixo máis que medrar con traballos tan imprescindibles coma os debuts de Carabela (Nó), Catuxa Salom (Nunha aldea) ou Måi (Nigredo) ou os segundos traballos de Caldo (Lugar A Ponte), Caamaño & Ameixeiras (Quitar o aire) e O Rabelo (Silva).

O ano 2023 foi tamén un ano marcado polos novos traballos de bandas xa clásicas: Ruxe Ruxe, alumeando a primavera co seu poderoso "Unha noite no interior dunha faísca"; Ataque Escampe, de volta dun imperdoable silencio de catro anos con ese descomunal tratado de música contemporánea que é "Cabalgata"; Chicharrón, que voltaron tocarnos a alma asinando con "O que nos queda por non dicir" a perfecta continuación desa obra mestra que foi "Erosión"; Terbutalina, desenvolvendo até a perfección o seu persoalísimo son garaxeiro; The Rapants, facendo de "O corasón como un after" a mellor banda sonora dun dos mellores -e divertidos- directos do país; Berlai, cun "Estampas galegas" inzado de versos, ilustracións e melodías das que permanecen no tempo e na memoria; mesmo Radio Océano, pais fundadores de todo isto, coáronse na lista cun EP, "Un furioso silencio", no que demostran que no seu caso os anos si pasan en balde.

E aínda que cada vez se vexan menos guitarras entre as novas xeracións o certo é que seguen a abrollar na escena novas bandas nas que domina a estrutura clásica de guitarra, baixo e batería. É o caso dos muradáns Capital Voskov e os ulláns Copa Turbo, ambos fillos bastardos de Joy Division, que asinaron dous discos de debut que lles agoiran un longo futuro. Tan longo coma o que lle agarda a dúas novísimas bandas indies que comezan a despontar dende Coruña e Compostela, Leria e Ulex, dxs que agardamos ver discos longos este ano que comeza

Pola banda do rap tamén foi o 2023 un ano próspero, cos discos longos de Rebeliom do Inframundo (Amor ou Barbarie), Boyanka Kostova (Os meus peidos cheiran a pétalos perfumados), Amorodo (OMSA), XeVA (Imperio), Kid Mount (Ben Mal) e FØ Records (Os Morrison) coma mostras en longa duración dunha escena que non para de medrar cada ano e que ve cada semana moreas de novos versos e beats nas plataformas dixitais.

A música urbana galega levaba unha traxectoria irregular dende a eclosión dos Verto en 2019 pero neste ano foi collendo forza, destacando os eclécticos debuts en longo de Amoebo (Cada vez mellor), Verter Gz (Perfecta espiral de ideas absurdas) e o segundo traballo dese profeta do urban hyperpop-punk que é o vigués Filloas (O segundo disco xd). En canto á electrónica, este ano deixounos tres traballos longos perfectos para a pista de baile: o marabilloso "Ulla" dos Músculo!, unha perfecta lección de savoir faire ao control das máquinas; o "Nós" dos Galician Army, remesturando con acerto grandes nomes da escena; e o ecléctico "Ven forte, ben forte" de Xackal, unha necesaria batidora de ritmos procedentes de todas latitudes da que andabamos algo orfos na escena.

Capítulo aparte merece a dimensión que ten acadado o existencialismo electropunk de Grande Amore, quen afiou no seu segundo traballo, "II", a proposta única que xa chantara na escena co seu disco de debut en 2021, chegando desta volta a lugares que semelleban vetados para un músico galego.

Moito ten mudado o conto, un panorama coma este na música galega non o tería imaxinado nen o máis optimista hai unha ou dúas décadas, cando o compás da maior partes das bandas galegas miraba cara ao exterior e as forzas centrípetas só acontecían en estilos moi concretos. E aínda así até aqui chegamos, será que Xurxo Souto non erraba cando di que somos un pobo de artistas. Porque se o o ano 2022 será recordado coma o ano do fenómeno Tanxu este 2023 debería ser lembrado coma o do ponto de inflexión na normalización da nosa música.


Noel Feáns: Músico (Fanny + Alexander) e responsable da plataforma ARegueifa, primeiro selo musical íntegramente dixital de música galega creado en 2006 ata 2011 e que volveu funcionar como ARegueifa Plataforma 2.0 en 2022. Ten publicado tamén un libro de fotografías 'Estampas de Compostela' e está a piques de presentar outro.


O compromiso da cidadanía. Unha garantía na salvagarda do Patrimonio Cultural Galego



por Rosa Benavides

Do recoñecemento
O 2023 comezaba frutífero coa estrea da inscrición no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO do proxecto transfronteirizo Ponte... nas Ondas! Ademais de ser a primeira inscrición conxunta de Galicia e Portugal, o recoñecemento a un proxecto que irmanda dúas identidades, resultaba un xesto moi alentador cara á preservación do fráxil Patrimonio Inmaterial común, cuxa fortaleza reside na transmisión do coñecemento de cada xeración ás seguintes, tarefa difícil nun mundo cada vez máis orientado a unha cultura da non-cultura e afastado das tradicións vernáculas. Case rematabamos o ano coa boa nova de que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades abrira a posibilidade de que vinte centros educativos da comunidade autónoma pasen a formar parte da Rede de centros Ponte... nas Ondas!. Un proxecto de educación patrimonial interxeracional, levantado dende abaixo, agroma brotes verdes. Na mesma liña, tamén nos enche de esperanza o outorgamento do Premio Nacional de Artesanía a un cesteiro galego, Álvaro M. Leiro, que se empeña en non deixar morrer unha tradición secular.

Da protección
A protección do patrimonio é tan necesaria como poliédrica. Ponte... nas Ondas! é o mellor camiño, un compromiso cidadán asumido como propio e recoñecido internacionalmente. Mais é necesario apoialo dende outras frontes. No campo da conservación do patrimonio construído, a Xunta de Galicia mantivo en vigor o Plan Catedrais e levou a cabo outras intervencións na súa maioría no ámbito do patrimonio relixioso, mais tamén en xacementos arqueolóxicos e edificios civís.

A familia dos BICs creceu no 2023 na que se incluíron no Rexistro de Bens Interese Cultural de Galicia a Zona arqueolóxica de Adro Vello e o Conxunto Parroquial de San Martiño de Barcia de Mera e incoáronse os procedementos para a declaración de BIC do edificio do Museo Galego de Arte Contemporánea Sargadelos-Carlos Maside, o Pazo de Lourizán e o Corpus Christi de Ponteareas. A inclusión dun ben patrimonial neste rexistro implica a súa máxima protección e tutela. Mais continúa a existir unha descompensación entre os patrimonios construídos e o resto dos patrimonios que son dunha enorme riqueza en Galicia. Neste eido da protección, permanecen no tinteiro as candidaturas a Patrimonio Mundial da UNESCO propostas dende Galicia: a Ribeira Sacra, Illas Cíes. Parque Nacional das Illas Atlánticas e a cidade de Ferrol, espazos merecentes de protección, e boa praxe con ou sen declaración.

Da investigación nos Bens Patrimoniais
Novas perspectivas de investigación, novos enfoques científicos e novas tecnoloxías posibilitaron novos achados e algunhas respostas, das que apenas aportamos unha pequena mostra. Nos últimos anos localizáronse en Galicia case medio centenar de estruturas de planta circular cun parapeto exterior e ás veces circundadas por un foso. Teñen en común que non están integrados no imaxinario colectivo, non se emprazan en cumios, senón en ladeiras, e que as últimas investigacións sitúanas a finais da Idade do Bronce. Das primeiras comparacións feitas cos henges británicos pola súa forma, quizá encaixen cronoloxicamente cos ringworks. Roda dous Mouros en Adai, Círculo de Vilarello en Cereixa e Outeiro Grande en Lalín son algúns dos investigados neste 2023.

A investigación das necrópoles das catedrais de Tui e Compostela permitiron comprender varios aspectos das sociedades medievais. Na primeira, a datación por 14C determinou que os sete esqueletos estudados pertencían á elite sueva e visigoda, a análise osteolóxica aporta unha idade para todos os individuos que supera os corenta anos e as análises de isótopos estables do coláxeno óseo puideron determinar que a súa dieta era rica en carne e peixe salvo nun caso que podería supor o primeiro vexetariano documentado da historia. Nos 33 restos analizados na necrópole compostelá constátase que entre os séculos IX e X a metade da poboación de Compostela tiña a súa orixe na Al-Andalus.

Un equipo interdisciplinar e a ciencia disiparon dúbidas nun monumento sobre o que se discutiu e escribiu recorrentemente a pesar de que o seu descubrimento produciuse hai pouco máis dun século: Santalla de Bóveda. O estudo das súas fases construtivas e a datación dos morteiros de construción e revestimento con dúas técnicas, 14C e OSL, demostra que o primeiro edificio construíuse no século IV d.C. e que a súa pintura mural corresponde a unha transformación interior do edificio desenvolvida no século VII d.C.. Lonxe de ser unha noticia decepcionante, este estudo demostra que as técnicas construtivas romanas eran de tal calidade que perduraron durante séculos e sitúa a pintura de Bóveda como un testemuño de valor incalculable da pintura tardoantiga e altomedieval do noroeste peninsular.

Das celebracións
2023 foi un ano sinalado para o Consello da Cultura Galega que entrou na madurez dos 40 anos. O aniversario veu acompañado do Foro Pensar o mundo dende Galicia que acolleu nove temas diferentes, un deles dedicado especificamente a poñer o foco na perspectiva espacial do patrimonio e na súa forza identitaria. No Día Mundial do Patrimonio, que se celebra o 16 de novembro, inaugurouse unha exposición que percorreu os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural (EMPC) que no 2015 comezaron por iniciativa da sección de Patrimonio e Bens Culturais coa idea de xerar un espazo de debate arredor de diferentes proxectos patrimoniais desenvolvidos en Galicia e no norte de Portugal: Guidoiro Areoso, Cova Eirós, as salinas romanas, Monumenta Andar con Arte ou o Parque Arqueológico do Val do Terva, entre outros moitos. Un modelo que foi evolucionando dende a divulgación patrimonial ao empoderamento da cidadanía, comprometida cun ben público que a representa. EMPCs que xurdiron de iniciativas achegadas dende ámbitos diversos, mesmo de agrupacións cidadás en busca de apoio e consenso na preservación dun patrimonio cultural por veces descoñecido, por veces esquecido, por veces ameazado. Unha exposición que mostra o amplo compromiso que existe en Galicia co Patrimonio Cultural.

Dos desexos
Moitas cousas que celebrar no 2023... e moitas carencias que poñer aínda de relevo. Moito do noso Patrimonio Cultural e Natural desvanécese ante novos modelos de explotación do territorio que esquecen a memoria da paisaxe, destrúese por descoñecemento, por avaricia ou por abandono. Inconsciente ou conscientemente. Queremos que o Patrimonio Cultural e Natural perdure? 1) Para facer un Plan de Conservación Preventiva necesitamos un inventario rigoroso dos bens que conforman o Patrimonio material e inmaterial de Galicia. E necesitamos ambición. 2) Non teremos un Plan de Conservación Preventiva se non temos un Plan Autonómico de Patrimonio Cultural. 3) Urxe que Administracións, Institucións e cidadanía dialoguen e xunten esforzos. 4) Precisamos compromiso no 2024.

Rosa Benavides García é Restauradora de bens culturais. Membro da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega.