
Falecido en 1925, a obra poética de Labarta destaca, segundo os editores da antoloxía polo seu humorismo, que emprega para "criticar e denunciar condutas ou actos inapropiados, inxustizas, desprezos... Facía súa a máxima de ensinar divertindo", explica o limiar do volume.
Nas pezas da nova antoloxía, "botando man dunha pluralidade de voces poéticas, Enrique Labarta legounos un conxunto de textos que son espello dunha temática variada que parte da liña intimista e navega polas procelosas augas do humor satírico e a denuncia de corte social", sinala a editora.
Recentemente o Concello de Zas desenvolveu outras iniciativas de divulgación arredor do autor como a creación dun web específico ou, en colaboración co Consello da Cultura Galega, a posta en marcha dun roteiro arredor da súa figura.