Teo e Santiago acollerán o novo proxecto de Nauta Teatro

A compañía aborda a identidade de xénero desde a escena con apoio de fondos europeos

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:
Imaxe dun espectáculo de Nauta Teatro. Fonte: Nauta Teatro.

Imaxe dun espectáculo de Nauta Teatro. Fonte: Nauta Teatro.

O Auditorio Constante Liste da Ramallosa, en Teo, acollerá a partir deste 18 de decembro as sesións de traballo do novo proxecto de Nauta Teatro. Ata o vindeiro día 22 as persoas interesadas poderán participar nun obradoiro sobre os xeitos de traballar a identidade de xénero desde a expresión escénica.

O proxecto, que conta coa colaboración do artista drag Nico Elsker, pon o foco "principalmente na máscara teatral dende diferentes perspectivas: a máscara expresiva, a media máscara e a máscara corporal, elemento performativo moi presente para o Drag Queen ou Drag King".

A iniciativa desenvólvese da man dun proxecto de investigación escénica financiado polo Fondo de Festivais Europeos para Artistas Emerxentes (EFFEA) ao amparo do Festival Galicreques e co apoio do Concello de Teo.

O grupo participante nestas sesión formativas conta con "artistas locais, artistas amadores vencellados ao teatro comunitario e a persoas implicadas na visibilización do colectivo LGTBIQ+", segundo explica Nauta. Este colectivo "acabará por constituír o elenco dunha mostra escénica non profesional aberta ao público que servirá como fiestra para observar os procesos de creación e a realidade da diversidade de xénero dende o prisma das artes escénicas". Diferentes espazos de Santiago de Compostela amosarán o resultado deste proceso de traballo a partir do 18 de xaneiro.

A participación nesta actividade está aberta, e as persoas interesadas poden se inscribir a través do correo de Nauta Teatro.

Que che parece esta nova?
79 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Teatro, Xénero, Identidade, Obradoiro...