A Xunta custodiará o Fondo bibliográfico e documental da familia Carré

Preservarase no Arquivo do Reino de Galicia

Preservarase no Arquivo do Reino de Galicia
Uxío Carré Aldao cos seus fillos / Foto: Arquivo Carré
Unha das familias centrais do galeguismo e da cultura galegas entre o século XIX e o XX foi a familia Carré. Agora, o seu patrimonio pasou a formar parte das coleccións públicas de Galicia. A Xunta recibiu, por parte dos descendentes da familia Carré Aldao e Carré Alvarellos, a doazón do importante legado documental familiar. Boa parte del xa estaba gardado no Arquivo do Reino de Galicia, na Coruña, onde agora se concentrará tamén todo o legado. E non é calquera cousa: contén documentación que vai de 1762 a 1978 e conta con 116 caixas, 21 mapas e planos, 19 impresos, 11 láminas, 1.158 fotografías, 127 postais e numerosos manuscritos de obras, así como libros e publicacións periódicas. Segundo a Xunta de Galicia, "entre todos os arquivos atópase o testemuño directo, vivido e continuo do nacemento dos movementos galeguistas da segunda metade do século XIX e a primeira metade do século XX. Tamén reflicten a participación destas personalidades na fundación e desenvolvemento de institucións e movementos culturais e publicacións literarias". O arquivo tamén inclúe documentación sobre figuras como Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán. O legado está formado sobre todo polo legado de Uxío Carré Aldao, o libreiro e impresor clave do Rexurdimento, xunto cos dos seus fillos Lois e Eugenio Carré Alvarellos, ademais doutras achegas como as de Leandro Carré Alvarellos.