Os premios da crítica recoñecen a Berta Dávila, Carlos Callón e Tanxugueiras

Teresa Táboas, o Teatro Ensalle e Pepe Coira están tamén entre os galardoados

Teresa Táboas, o Teatro Ensalle e Pepe Coira están tamén entre os galardoados
Palmarés dos galardóns. Fonte: Fundación Premios da Crítica
A Fundación Premios da Crítica daba a coñecer na tarde deste sábado 28 de outubro o fallo do seus galardóns anuais, que entregou por cuadraxésima sexta vez nun acto na sede de Afundación en Vigo. As 56 persoas dos oito xurados deste edición escolleron as propostas vencedoras entre aquelas "presentadas libremente por editoras, produtoras e outras entidades culturais", segundo destaca a organización.

O certame correu baixo o lema "Galicia é un país propio, non é unha xeografía habitada" de Francisco Fernández del Riego, nunha gala que presentou o xornalista Xosé María Palmeiro. O acto incluíu un recoñecemento especial a Bieito Ledo Cabido, presidente fundador da asociación Premios da Crítica de Galicia. A escritora María Xosé Porteiro realizou a laudatio na que destacou o activismo cultural deste autor, que foi quen tivo a idea orixinal dos galardóns.

O xurado dos galardóns na categoría de Creación Literaria acordou recoñecer a novela Os seres queridos de Berta Dávila como vencedora desta xeira, a salientar que o libro "sobresae pola xenerosidade e honestidade e a conmoción que flúen a través da súas páxinas de xeito brillante" na que consideran "unha obra valente que abre paso a novas narrativas amosando que a valentía debe ser un dos corazóns centrais da literatura".

O Premio de Investigación, á súa vez, foi para Carlos Callón por O libro negro da lingua galega, unha obra da que o xurado desta categoría salientou a súa capacidade "para unir e compilar unha cantidade inxente de documentación, combinando o ton divulgativo coa rigorosidade da investigación" sobre a represión que sufriron os falantes da nosa lingua.

No campo das Iniciativas Culturais e Científicas o recoñecemento foi para a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío polo "labor de divulgación relacionado coa astronomía, así como o traballo de galeguización da onomástica astronómica e o fito de lograr o nomeamento da estrela Rosalía de Castro". Do mesmo xeito salientouse o seu traballo a prol da visibilización de científicas galegas e a loita do colectivo contra a contaminación lumínica.

"O seu compromiso coa identidade, a cultura e a lingua galegas, a súa defensa do feminismo, a súa influencia inusual na xente máis nova facendo que se identifique co noso, o reforzo positivo da idea de galeguidade e a súa proxección tanto musical como mediática, tanto fóra como dentro das nosas fronteiras" foron os méritos con que o xurado do apartado de Música valorou as Tanxugueiras, ás que lles outorgou o galardón desta edición.

No campo das artes plásticas foi a arquitecta Teresa Táboas a que recibiu o galardón polo "seu labor no campo dunha arquitectura humanista asentada na cultura e o territorio que pon de manifesto a relevancia desta disciplina e as artes plásticas en xeral para a calidade de vida dos cidadáns nunha valiosa confluencia da estética e a arte coa funcionalidade e o benestar".

O Teatro Enselle impúxose na categoría de Artes Escénicas "en recoñecemento aos seus vinte anos como espazo escénico independente na cidade de Vigo e pola dimensión colectiva do proxecto" que "recolle o testemuño das históricas salas galegas Teatro Galán e Sala Nasa".

En Cine e Artes Audiovisuais, o premio foi para Pepe Coira, a recoñecer "a súa prolífica actividade, incansable e comprometida coa creación audiovisual en Galicia. Cunha permanente incidencia na industria e cunha gran capacidade de adaptación a un medio en constante transformación, cunha longa traxectoria en diferentes áreas como creación, divulgación, investigación, educación e produción".

Finalmente o apartado de Cultura Gastronómica recoñeceu a iniciativa Estrelas no Camiño, un evento benéfico que reúne na aldea de Gonte, en Negreira, chefs de prestixio internacional. Esta xeira dos Premios da Crítica de Galicia estivo patrocinada polo Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e a Deputación provincial de Pontevedra, sendo entidades colaboradoras Afundación, Sargadelos, Terras Gaudas, Joaquín Rebolledo e Coren.