Gustav Henningsen en 2021 asinando a cesión de parte do seu fondo bibliográfico á Universidade Pública de Navarra
O Museo do Pobo Galego ven de expresar, a través das súas redes sociais as súas condolencias ante o falecemento do antropólogo danés Gustav Henningsen (1934-2023), cuxas investigacións en Galicia na segunda metade da década dos anos 60 deixaron abundante material, parte do cal foi cedido a esta institución. Foi en 1964 cando Henningsen se mudou á comarca de Ordes coa súa familia para facer o traballo de campo do seu doutoramento en antropoloxía. Desde alí desenvolveu, ata 1968, un intenso traballo de campo na procura das prácticas de maxia e bruxería que continuaban vivas no lugar. Gustav Henningsen era Magister artium en Folklorística Nórdica pola Universidade de Copenhague (1962) e doutor en Filosofía pola mesma universidade, coa tese doutoral The Witches' Advocate. Director de Investigación do Danish Folklore Archives entre 1965 e 2002, as súas investigacións sobre a bruxería e a Inquisición fixeron del o máximo especialista a nivel mundial nestas materias.
🖤 Hoxe recibimos, con pesar, a nova do falecemento do antropólogo #GustavHenningsen en Dinamarca.
— Museo do Pobo Galego (@MuseodoPobo) October 18, 2023
Henningsen (Slagesle, 1934 – Lyngby, 2023) desenvolveu unha importante parte do seu traballo en Galicia, a finais da década de 1960. pic.twitter.com/ZXQUPlJGmD




