Os Premios de Arquitectura recoñecen a traxectoria de Pedro de Llano

O Colexio de Arquitectos e a Xunta outorgaron estes galardóns

O Colexio de Arquitectos e a Xunta outorgaron estes galardóns
Pedro de Llano recolle o seu galardón de man de Alfonso Rueda. Fonte: Xunta de Galicia.
A Cidade da Cultura acollía este 6 de outubro o acto de entrega dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia. Estes galardóns, que convoca a Xunta en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia, recoñecen a calidade das edificacións rematadas entre 2020 e 2022. Canda a estes proxectos, o xurado dos premios outorgou tamén os recoñecementos á traxectoria profesional, que recibiron Pedro de Llano na categoría de profesional de arquitectura e Carlos Jorreto Veiga na dedicada ao ámbito da arquitectura técnica e aparelladores.

De Llano foi autor da enciclopédica Arquitectura popular en Galicia, ademais de asinar proxectos como a rehabilitación da aldea do Piornedo ou da sede do Consello da Cultura Galega no Pazo de Raxoi, en Compostela.

O Premio de Arquitectura foi para a urbanización Cornes Espazo Residencial en Santiago de Compostela, realizada por Manuel Carbajo Capeáns e Celso Barrios Ceide. O conxunto alberga 125 vivendas, garaxes e rochos e que inclúe espazos comunitarios cubertos como unha sala infantil, un ximnasio, un salón comedor e un aparcamento de bicicletas. En Rehabilitación, o galardoado foi Espazo Amizar, a proposta de recuperación dun edificio administrativo da Xunta de Galicia na Coruña a cargo de Iglesias e Veiga arquitectos e mais de Manuel Vázquez Muíño.

O outro premio especial deste certame, o dedicado á sustentabilidade que "busca destacar a implementación dunha arquitectura responsable e comprometida co ambiente", foi para o proxecto de rehabilitación dunha antiga nave gandeira como aloxamentos na Fonsagrada, que realizaron Alfonso Salgado Suárez e Francisco Xabier Liñares Túñez. Tamén foron recoñecidas nesta mesma categoría unha vivenda unifamiliar de Celanova deseñada por Manuel Jorreto Díaz e mais a horta e o invernadoiro do restaurante Culler de Pau no Grove que creou Prieto Patiño arquitectura.