Eva Almazán e Xosé Antón Parada comparten o Premio Plácido Castro de Tradución

Premiouse a traslación das obras 'The Year of Magical Thinking', de Joan Didion e o clásico 'Código de Hammurabi'

O xurado da XXª edición do Premio Plácido Castro de Tradución acordou este ano outorgar 'ex aequo' o premio Plácido Castro 2022 á tradutora Eva Almazán pola obra 'O ano do pensamento máxico/The Year of Magical Thinking', de Joan Didion; e a Xosé Antón Parada Fernández, pola obra 'Código de Hammurabi e outras compilacións legais' de procedencia babilónica, ambas publicadas por Rinoceronte Editorial. O Premio Plácido Castro de Tradución está dotado con diploma e unha peza escultórica denominada “Babelio” deseñada expresamente para o concurso por Xaquín Chaves. A dotación económica é de 2.000 euros.



No caso de Eva Almazán, o xurado destaca a excelencia da obra, de aparencia sinxela pero coa dificultade engadida dos diferentes cambios de rexistro. Salienta tamén a elegancia da tradución, por outra banda tan efectiva como a orixinal. Almazán é unha tradutora consolidada que conta no seu haber con numerosos premios e recoñecementos. Ten traducido a autores como Paul Auster, James Joyce, ou Edgar Allan Poe, entre outros. No caso de Xosé Antón Parada Fernández, o xurado destaca a excepcionalidade e dificultade da tradución directa dende unha lingua tan afastada do noso sistema como o acadio, realizada con enorme meticulosidade e numerosas anotacións complementarias. Resalta tamén que se trata dunha obra fundamental na historia da humanidade. Xosé Antón Parada Fernández, profesor de ensino secundario e xefe de departamento no IES Pobra do Caramiñal, é unha das moi contadas persoas capaz de traducir directamente do acadio. Sinalan desde a Fundación Plácido Castro que outorga estes galardóns.