Pecha ao público o Museo Sargadelos Carlos Maside dous meses despois da apertura

O administrador de Sargadelos reacciona deste xeito á petición de ampliación do BIC ás instalacións fabrís

O administrador de Sargadelos reacciona deste xeito á petición de ampliación do BIC ás instalacións fabrís
O nome de Sargadelos leva case unha década asociado á polémica no sector cultural. O recente cumprimento de dúas longas reivindicacións como eran a reapertura do museo de arte contemporánea e o inicio da declaración como Ben de Interese Cultural do edificio do museo no castro de Samoedo (Sada) e da colección de arte, lonxe de calmar as augas semella que reavivou todas as polémicas. O actual administrador único e dono da empresa de cerámica, Segismundo García, respondeu publicamente ás críticas e comentarios sobre a súa xestión relativa ao cambio de nome e reapertura do Museo, e ven de anunciarlle ao Concello de Sada a súa intención de volver pechalo ao público en reacción a aprobación no pleno do Concello do pasado 31 de agosto dunha moción instando á Xunta a incluír na catalogación coma BIC todo o conxunto de Cerámicas do Castro, incluíndo as instalacións fabrís, do mesmo xeito que ocorre coas instalacións de Sargadelos situadas en Cervo (Lugo).

O xornal La Voz de Galicia, o mesmo no que se publicaron cartas e artigos cruzados sobre este tema entre Camilo Díaz Arias, fillo de Isaac Díaz Pardo, Mercedes Queixas, deputada do BNG no Parlamento e o dono e administrador da empresa, Segismundo García, recolle hoxe a carta que este último ven de enviar ao consistorio sadense. Nela, García usa un ton agresivo e sarcástico ao dirixirse ao goberno local acusándoos de " ignorancia en asuntos mercantís" no relativo ás implicacións que tal decisión tería para a operativa da empresa da que é dono e administra. Na misiva, recollida polo xornal, Segismundo García insta sarcásticamente ao concello a facerse cargo da empresa para levar a cabo as súa ideas. "Les agradecería que tomasen ustedes el control de las empresas, bien vía compra, o bien vía expropiación, para poder poner en práctica todas esas ideas formidables que con tanto ahínco patrocinan", escribe o empresario. A continuación García fai un anuncio relativo ao futuro inmediato das instalacións que resulta especialmente sensible xa que restrinxe o acceso público ao recuperado museo: "Entre tanto, se paralizan las obras ya empezadas, se anulan las inversiones programadas, se rescinden los convenios con ese Ayuntamiento y se cierra al público el Museo SARGADELOS-Carlos Maside. Abriéndolo solamente los días y horarios que la Xunta disponga y si hay personal para su atención", asegura o administrador. A Lei do Patrimonio Cultural de Galicia regula o dereito da cidadanía a acceder ao patrimonio cultural de Galicia indicando que "as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens de interese cultural especificamente declarados permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente." A lei contempla ademais unha dispensa ao cumprimento desta obriga "total ou parcialmente" cando exista unha causa xustificada. Ata de agora, desde a reapertura en xuño, o Museo Sargadelos Carlos Maside podía visitarse todo os días de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.