O CCG analiza as últimas catro décadas de cultura en Galicia

O informe estatístico revela un incremento nos hábitos culturais fronte a unha mingua no investimento público

A coincidir coa celebración de catro décadas de existencia, o Consello da Cultura Galega presentaba este 3 de xullo a análise Corenta anos de cultura galega en estatísticas. Segundo este estudo, a evolución positiva nos hábitos de consumo cultural aparece como unha das principais transformacións deste período no sector. Este avance levou a que a sociedade galega pasase a dunha posición desfavorable na maior parte dos indicadores consultados a superar a media estatal.

O estudo, realizado polo Observatorio da Cultura Galega, sinala que "en 1983 os fogares galegos partían dunha posición desfavorable con respecto ao conxunto de España: menos acceso á cultura nos fogares (libros, música, televisores, radio, aparatos e soportes de reprodución musical...), hábitos e prácticas culturais menos desenvolvidos e con menor peso porcentual, etc". Na actualidade, segundo lembra o texto "practicamente todos os indicadores analizados sinalan que os fogares de Galicia e os seus habitantes se sitúan por riba da media estatal".

Hábitos
Como exemplo neste sentido, os índices de lectura de libros, que pasaron dun terzo da poboación ao 55%, amosan un comportamento máis positivo do que o conxunto do Estado. De xeito similar, neste período triplicouse o número medio de libros por fogar, os fogares con instrumentos musicais pasaron de ser un de cada catro a un de cada tres "e as persoas que os tocan regularmente pasaron de ser o 5% a case o 9% da poboación". Ademais "os galegos e galegas que pintan ou debuxan por afección triplicaron a súa porcentaxe, ao pasar do 5% ao 15%. En canto á vocación de escribir, pasou de ser unha afección case marxinal que practicaba o 1% das persoas a ser unha actividade que desenvolve case o 8% da poboación con maior ou menor intensidade", explica a análise. En canto ao número de persoas que practican danza ou ballet multiplicouse por tres e as afeccionadas á fotografía son o dobre que a mediados dos oitenta. En canto a asistencia ao teatro, a actual triplica a que existía nos primeiros anos 80.

Emprego e produción
Outro dos ámbitos no que se verificou unha importante modificación nas últimas catro décadas foi na importancia do emprego cultural. Segundo relatan as conclusións deste documento, "as 36.500 persoas que traballan actualmente en actividades culturais en Galicia son máis do dobre das que había a finais do século XX" o que supón un paso do 1 ao 3,3% dos ocupados no período estudado. Canda ao incremento xeral da actividade cultural, unha maior profesionalización do sector aparecen como principais explicacións desta tendencia. A nivel de produción cultural, as cifras revelan que nestes anos a edición multiplicouse por cinco, ata superar os 2.200 títulos, e duplicouse o número de empresas no ámbito musical, ao igual que as representacións de teatro.

Infraestruturas
Desde o ámbito público, a mellora nas infraestruturas de carácter cultural preséntase como o grande avance no período estudado. Así creación de 271 novas bibliotecas fixo que o país pasase de ter o 5,5% destas instalacións en España a un 7,1% e a que a cifra por cada 100.000 habitantes avanzase de 6 a 13, con sete veces máis fondos. A asistencia a estes centros, que atraen a un cuarto da poboación fronte ao 9% dos primeiros anos 80 revela tamén a mudanza neste sentido. En canto a Auditorios e teatros, o estudo revela que se en 1986 había 21 teatros por cada millón de habitantes, hoxe en día hai 36 por millón, un total de 96 dotacións deste tipo, mentres salas de concertos, de exposicións e museos duplicaron o seu número. Así, o número de museos por cada 100.000 habitantes pasou de 1,66 en 1986 a 3,15 en 2020, a confluír coa media estatal.

Menor gasto público
Fronte a estes incrementos xerais, o informe constata que o gasto público en cultura non evolucionou do mesmo xeito. Aínda que se incrementaron as partidas con este destino, "a proporción do gasto en cultura con respecto ao total do gasto público minguou en todas as administracións", asegura o documento. Así, a Administración xeral do Estado pasou de 233 millóns de euros en 1985 a máis de 700 millóns na última anualidade dispoñible, o que supón unha mingua do 0,35% ao 0,21% do orzamento total. A mingua aínda é maior a ter en conta o PIB xa que pasou de supoñer o 0,14% en 1985 ao 0,07% en 2020.

No caso da Administración local, a porcentaxe de investimento pasou do 5,37% en 1985 ata o 4,15%. De xeito similar na autonómica o gasto en cultura no seu conxunto descendeu do 1,58% ao 0,55 % no período estudado. "O gasto da Xunta de Galicia, que era menor que o doutras comunidades autónomas, pasou do 0,68% en 1985 ao 0,66% en 2020, o último ano do que se dispón do dato do gasto liquidado. Isto significa que na práctica o Goberno galego gasta en proporción o mesmo en cultura agora que hai 35 anos", conclúe o informe.