Corcubión acolleu o I Congreso de Cultura Popular e Mariñeira da Asociación de Escritores en Lingua Galega

Escribir no mar

Unha vez máis, foi o chapapote. A Asociación de Escritores en Lingua Galega tiña claro que non podía deixar de lado a Costa da Morte nos seus actos do ano. Deste xeito, o congreso anual que organiza este colectivo, de cada volta centrado nun tema diferente, adoptou nesta edición a forma do I Congreso de Cultura Popular e Mariñeira e celebrouse en Corcubión entre o 10 e o 12 de outubro, centrado, como non, no mar.

Unha das primeiras actividades do congreso foi a inauguración da mostra “O patrimonio marítimo de Galicia”. A Federación Galega pola Cultura Marítima achegou ao encontro unha exposición na que os textos de Dionisio Pereira e as fotografías de Pepe Gondar amosaban un resumo dos aspectos que compoñen a cultura marítima e que durante anos foron moi pouco valorados. Desde a arquitectura popular ou militar da beiramar, ás embarcacións tradicionais ou a tradición oral. Con esta mostra reivindicouse a necesidade de realizar un inventario do patrimonio vencellado ao mar e denunciouse a perda paulatina desta cultura. Unha mestura de fotografías de hoxe e do pasado amosaba a tremenda deterioración que sufriu o patrimonio material de toda a nosa franxa costeira.

A antropoloxía
A xornada do sábado comezou cunha mesa redonda na que Marcial Gondar e Ramón Mariño Ferro, dous dos antropólogos máis destacados do país, analizaron desde diferentes perspectivas a importancia do mar na cultura galega. Deste xeito, Gondar desmontou un dos grandes mitos sobre a cultura popular da Galicia costeira: a existencia do matriarcado. Segundo el, na sociedade tradicional desta zona dáse unha submisión da muller ante o home sostida sobre os mitos e sobre unha dobre moralidade social que lle esixe máis á muller có home. Esta esixencia elimínase unicamente nas cuestións que atinxen ao traballo e a manter a palabra, o que en realidade lle resta valor social a estes aspectos da vida feminina. Pola súa banda, Ramón Mariño Ferro centrouse na importancia simbólica do mar para a cultura tradicional e fixo un repaso dos diferentes valores que toma. Deste xeito apuntou que este elemento é visto a miúdo coma un ente maléfico relacionado coa morte, no que hai naufraxios e desgracias, e retrotraeuse á Biblia e aos mitos gregos para explicar esta visión. Tamén incidiu, a través de diferentes exemplos, na importancia simbólica do mar como elemento de purificación e aínda erótico e creador de vida, algo que xa vén da mitoloxía grega e romana co nacemento de Venus de entre as ondas. Neste sentido lembrou a connotación positiva que ten a navegación como símbolo de vida.

O poeta
A Asociación de Escritores non quixo esquecer que este ano continúa a ser o Ano Avilés, e é por isto que unha das mesas redondas do congreso levou o título de “Avilés de Taramancos, a lingua do mar” e que foi presentada por Carlos López Bernárdez, vicepresidente da AELG. Neste foro abordáronse varios aspectos da voz poética de Avilés en relación co mundo marítimo. Deste xeito Xosé María Álvarez Cáccamo, falou do poeta coma un navegante contemplativo que ve a terra coma un símbolo de permanencia, e para quen o mar é a tensión da fuxida e a aventura. Pola súa banda, Miguel Anxo Fernán-Vello falou sobre Avilés coma un cosmos palpitante que realiza un autorretrato a través da súa poesía. A respecto do mar considera que o seu amor por este elemento é distante. Pola súa vez Ana Romaní apuntou que a obra de Avilés é un único poema constantemente reescrito e destacou as ideas do corpo coma veleiro e da memoria coma camiño que están presentes en toda a obra no noiés.

Catro olladas
O encontro pechou domingo cunha mesa redonda sobre “O mar na cultura galega” na que se fixo un achegamento multidisciplinar a este elemento. Deste xeito, Francisco Calo Lourido analizou de xeito histórico a importancia do mar na Historia de Galicia. Do mesmo xeito Francisco Fernández Rei revisou polo miúdo as referencias marítimas na poesía do país desde os cancioneiros medievais ata as máis recentes xeracións poéticas. O asociacionismo mariñeiro foi o tema no que se centrou Dionisio Pereira, que desterrou o mito de que exista un escaso movemento asociativo entre os mariñeiros e lembrou a importante presencia anarquista que existía no mundo do mar antes da Guerra Civil. Finalmente, Xosé Francisco Fernández Naval centrou a súa intervención nun aspecto tan curioso como é o dos crebeiros, xentes da costa que se dedican a recoller as crebas ou restos que bota o mar. Na súa intervención, Fernández Naval realizou un achegamento a esta figura e lembrou como moitas das imaxes de santos que se veneran na Costa da Morte son en realidade crebas e como en certo xeito foron sacralizadas por viren do mar. Naval tamén abordou o emprego artístico que se lle dá en ocasións ao lixo que chega á costa, e lembrou a figura de Man, coma o grande crebeiro que fixo dos restos a súa obra.

Concluíndo
Carlos López Bernárdez, un dos coordinadores do evento, valorou moi positivamente os resultados do encontro. “A participación de escritores foi moi positiva, tratáronse unha grande variedade de temas e houbo unha perspectiva múltiple da visión do mar”, sinala. Aos sesenta inscritos en todas as actividades sumáronse veciños da zona en actos coma o contacontos da noite do venres ou o recital poético do sábado. Ademais das mesas redondas os participantes realizaron unha visita ao Museo Marítimo de Corcubión e deron un paseo pola ría nunha lancha xeiteira. López Bernárdez asegura que a continuidade do evento queda aberta, pero non cunha periodicidade prefixada. “A AELG fai congresos de diferentes temas cada ano, e é posible que dentro de catro anos ou un período similar decida retomar este tema”. Agardemos que a vista dos escritores volte ao mar por mellores motivos ca nesta ocasión.