Falece o mergullador e director da Semana de Cine Submarino José Luis González

Foi o impulsor deste evento de referencia que leva celebrándose desde 1985

José Luís González Foto: DUVI
José Luís González Foto: DUVI
A noticia do falecemento este sábado do mergullador e fotógrafo submarino José Luis González, tivo amplo eco nas páxinas de sucesos e locais do sur de Galicia. O que moitos non sabían era que este desgraciado feito tiña tamén un impacto na comunidade universitaria e cultural, xa que o finado era o director da Semana de Cine Submarino da Universidade de Vigo, unha das citas cos traballos audiovisuais relacionados cos fondos mariños máis consolidadas e de referencia internacional que vai poa súa 31 edición. Segundo comunica o DUVI, González faleceu nun tráxico accidente durante unha inmersión en augas de Moaña. Asturiano de nacemento, González era un experimentado fotógrafo subacuático, obtendo en 2002 o título de campión mundial. Como un dos principais impulsores da divulgación submarina, en 1985 puxo en marcha en 1985 a Semana do Cine Submarino de Vigo, organizada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria e o dende Club Subacuático Ría de Vigo. Durante as súas 31 edicións traballou por converter este festival nun foro de divulgación e debate co fin de preservar a vida mariña e nunha cita obrigada para os amantes do mar e do cine.

Segundo difunde o Diario da Universidade de Vigo, a primeira edición da Semana de cine submarino remóntase a 1985. Neste longo percorrido, José Luis González sempre tivo as rendas deste certame que puxo o foco nos océanos máis profundos, na biodiversidade das rías galegas ou as augas continentais. Na presentación da 30º edición, en 2021, González facía balance do seu esforzo por manter vivo este evento, que naceu para "apoiar aos documentalistas galegos", xa que este tipo de producións non conseguían chegar a emitirse polas televisións. Laiábase de que "as circunstancias cambiaron, os recortes das subvencións fixeron que as axudas non chegaran nin para pagar o combustible dos barcos" e na actualidade este tipo de producións desapareceron. Con todo, continuou loitando e traballando coa Universidade de Vigo para que o cine submarino e a biodiversidade mariña seguisen tendo neste ciclo o seu escaparate e para achegar ao espectador a posibilidade de gozar de pezas audiovisuais que non chegan ás televisións de balde e, en moitos casos, tampouco ás de pago.