Dúas xornadas de actividades celebran o Día das Letras de don Paco

Lourenzá e Vigo centran as homenaxes institucionais a Francisco Fernández del Riego

Lourenzá, vila natal de Franciso Fernández del Riego, acollerá na mañá deste 17 de maio a sesión extraordinaria coa que a Real Academia Galega homenaxea a quen instituíu o Día das Letras Galegas. Canda a este acto, principal recoñecemento oficial previsto para a data, o Consello da Cultura Galega celebrará en Vigo, cidade onde Del Riego desenvolveu o groso do seu labor cultural, o XIII Concerto das Letras na tarde do día 16.

O 7 de xaneiro de 1913 nacía en Vilanova de Lourenzá Francisco Fernández del Riego, que co tempo chegaría a presidir a Real Academia Galega e que protagoniza este ano o Día das Letras Galegas, celebración que el mesmo promoveu no seo desta institución. A celebrar a conexión coa súa terra natal, a RAG, o Concello de Lourenzá, a Mesa Coordinadora don Paco, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia centran na vila as actividades de homenaxe deste 17 de maio.

O acto institucional do Goberno Galego, que conta co acompañamento musical de Luar na Lubre, iniciará ás 11 horas o programa, que inclúe a animación da Banda de Música de Lourenzá polas rúas. No marco desta celebración, a Academia desenvolverá a súa sesión extraordinaria en homenaxe don Paco a partir 12:30 horas no centro de usos múltiples de Ponte de Cuñas. O acto contará coas intervencións académicas de Xesús Alonso Montero, Francisco Díaz-Fierros e Margarita Ledo Andión, que abordarán nos seus discursos distintos aspectos sobre a figura e a obra do homenaxeado. A celebración contará coa música do cuarteto Souto Xímaro e do coro Mestre Pacheco de Mondoñedo.

Segundo explica a Academia "Xesús Alonso Montero afondará na súa intervención nun episodio que ilustra o importante papel que Francisco Fernández del Riego exerceu como ponte entre a Galicia da diáspora e o exilio interior, Francisco Díaz-Fierros centrarase no devir da paisaxe na obra do homenaxeado e Margarita Ledo Andión abordará a relación que don Paco, prolífico articulista dende os anos 30 do século pasado, mantivo cos medios de comunicación, consciente da importancia da prensa como esfera pública". Pechará o acto, que ten acceso libre e poderá seguirse por Internet, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

A xornada continuará cun xantar popular, ao que seguirá unha actuación da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez e, a partir das 19:00 horas, un concerto de Treixadura que lle porá o ramo á celebración.




Concerto das letras
Na véspera da dia, as celebracións céntranse a Vigo, escenario do groso da actividade cultural do homenaxeado. Alí, o Teatro Afundación acollerá a partir das 20:30 horas deste 16 de maio o XIII Concerto das Letras Galegas. Nesta iniciativa do Consello da Cultura Galega a Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave, e o Coro de Cámara Rías Baixas interpretarán un programa que xira arredor da figura homenaxeada.

O programa desta velada arrincará cunha interpretación de La leyenda del beso, moi vencellada á cidade por ter sido música de apertura da programación de Radiovigo durante moitos anos. Concerto grosso, composición de Jesús Bal y Gay en homenaxe a Bach e a estrea de Sinfonietta, peza en tres movementos elaborada expresamente para a ocasión por Brais González Pérez a partir de textos de Salvador García Bodaño e Xaime Isla Couto, e que incorpora A miña burriña, peza moi querida por Fernández del Riego. A actividade poderá seguirse en liña na canle de Youtube do CCG.



Lourenzá
A Xunta presentou ademais este 15 de maio o folleto Vivo na vila de Francisco Fernández del Riego que se distribuirá entre a veciñanza de Vilanova. Este proxetro, producido pola empresa Ouvirmos, "quere achegar nun formato orixinal e moi visual a figura do ilustre laurentino á cidadanía". Unha fotonovela ao redor da vida do homenaxeado, apartados especiais sobre a súa obra escrita e activismo literario, así como pasatempos vinculados coas localidades vitais e o seu traballo fan parte desta publicación.

La Voz de Galicia
Da man de La Voz de Galicia, xornal no que colaborou durante anos o homenaxeado, a praza Princesa de Vigo, a carón da Casa Galega da Cultura, acolle a exposición Unha complicidade a prol de Galicia, no que repasa a relación do autor coa publicación. Ademais, o xornal reparte este 17 de maio un volume que escolma diferentes artigos publicados por Del Riego nas súas páxinas. Unha fotobiografía e unha cronoloxía vital, ademais dunha bibliografía escolleita completan esta publicación, coordinada por Xesús Fraga.