A Academia de Ciencias premia as investigacións máis destacadas do ano

A modificación de moléculas e a desinformación sobre a saúde entre as temáticas premiadas

8/2/2023 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: cienciacomunicación
13 lecturas | Compartido 0 veces
Ata 66 propostas foron presentadas aos premios Ernesto Viéitez Cortizo da Real Academia Galega de Ciencias deste ano. Os premios, estruturados en categorías, premiaron investigacións destacadas e publicadas. Deste xeito, o equipo de Diego Peña, do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago, xunto con investigadores doutras universidades, foron premiados na modalidade de investigadores senior. O seu traballo, portada da revista Science, amosaba o método para por primeira vez modificar moléculas individuais de forma selectiva, "supoñendo un control sen precedentes a escala molecular. Permitirá crear máquinas moleculares artificais inimaxinables ata agora, capaces de realizar tarefas como a distribución intelixente de fármacos". Na categoría de investigadores mozos, o premio foi para un traballo sobre a detección de desinformación relacionada coa saúde, liderado por Marcos Fernández, do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC. A Real Academia de Ciecias concedeu tamén unha mención honorífica na modalidade de traballo de investigación a un proxecto para a creación de arrecifes artificiais a partir de residuos da depuración de bivalvos liderado por Luis Carral, da escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (Universidade da Coruña) e outra mención honorífica na modalidade de promoción de mozos investigadores a un traballo sobre o rexeitamento da poboación ao uso de auga reciclada, a cargo dun grupo de autores coordinados por Sergio Vila, do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC.

Universo culturagalega.gal