Recuperan en Corrubedo novas pezas de artillaría do século XVI

Os dous canóns e os tres cargadores de bronce trasladaranse ao Museo do Mar de Vigo para a súa conservación

3/2/2023 | Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:

Un equipo de mergulladores formados por membros da Armada e da Policía Autonómica, co apoio de especialistas da Dirección Xeral de Patrimonio, recuperaron do fondo mariño próximo a Corrubedo dúas pezas de artillaría de bronce. Os canóns, que se datan no século XVI, rescatáronse canda a tres cargadores do mesmo período e son pezas de pequeno calibre, cuns 140 centímetros de lonxitude e sesenta quilos de peso.

As pezas foran localizadas en 2021 no mesmo lugar onde xa se recuperaran con anterioridade otros tres canóns, pero o seu rescate demorara ata este dous de febreiro. O conxunto de pezas suponse que facían parte dun dos barcos que participou da flota e Martín Padilla, coa que Felipe II tentou intervir en Irlanda a finais do século XVI, segundo sinalou o arqueólogo Miguel Sanclaudio ao Diario de Arousa.

As pezas trasladaranse agora á sede da Armada en Ferrol para o seu exame e catalogación, e con posterioridade levaranse ao Museo do Mar, en Vigo, para aplicarlles o tratamento necesario para a súa conservación.

Que che parece esta nova?
43 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Corrubedo, Vigo, Dirección Xeral de Patrimonio, Irlanda...