A Deputación de Pontevedra lanza a campaña Cae de caixón

A entidade chama a recuperar documentación privada sobre a Guerra Civil e o franquismo

20/12/2022 | Santiago. Redacción | Seccións: Historia
Compartir:

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra presentou este 16 de decembro a campaña Cae de caixón. Esta proposta chama a familias e entidades a achegar fotografías, documentos, cartas ou diarios relacionados co golpe militar de 1936, o período previo ou o franquismo aos fondos do Arquivo Provincial.

Segundo apuntou a deputada de Memoria Histórica María Ortega, moitas familias e entidades teñen "alfaias de interese público que deben saír do caixón: a foto do avó que estivo preso cando era novo, ou da avoa na época en que foi rapada". Segundo sinalou, para a familia "son só fotografías dunha persoa querida, pero para o resto da sociedade son parte da historia dun tempo que non podemos esquecer".

O material cedido será dixitalizado, e os orixinais quedarán en mans das persoas propietarias, que tamén poderán decidir o grado de privacidade que queren manter sobre os fondos e o tipo de consulta que se poderá facer dos mesmos. As persoas e entidades interesadas poden contactar co Arquivo Provincial, no correo memoriahistorica@depo.gal ou poñéndose en contacto persoalmente con este departamento ou coa área de fondos audiovisuais da deputación.

Que che parece esta nova?
49 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Deputación de Pontevedra, Pontevedra, Franquismo, Guerra Civil...