O Museo de Pontevedra dedícalle unha exposición monográfica a Silverio Rivas

O centro acolle as esculturas de Eloxio do silencio desde o 24 de novembro ata o 5 de febreiro

Na tarde deste 24 de novembro abre as súas portas no Museo de Pontevedra Silverio Rivas. Eloxio do silencio, exposición antolóxica que repasa a carreira dun dos nomes fundamentais da escultura galega contemporánea. O proxecto, comisariado por Beatriz de San Ildefonso Rodríguez, conservadora do centro, amosa sesenta pezas deste escultor cunha selección que inclúe obras desde os seus inicios na abstracción ata a actualidade.

Segundo explica a presentación do proxecto, que se poderá ver en cinco salas do Museo ata o vindeiro 5 de febreiro, as obras preséntanse agrupadas por tipoloxías ou materiais "como o están no taller do artista, e convídannos a descubrir a orixe do seu proceso creativo".

Na súa etapa inicial o autor "despréndese da figuración para centrarse na procura das formas puras" a utilizar a técnica da ensamblaxe. Logo dun período (1979-1986) "dedicado á articulación de madeiras nobres e bronces", Rivas emprendeu un xiro cara á pedra "para realizar unhas esculturas nas que dirixe a súa mirada á arte exipcia", que foi unha influencia constante no seu traballo.

Nesta última etapa "alterna o traballo da pedra co metal ou a madeira, agora transformada en estruturas xeométricas nas que abre fisuras, crea ocos ou xera espazos ilusorios de luz, servíndose da cor" ao que suma "as obras creadas a partir de obxectos cotiáns achados ao azar", segundo sinala a presentación da mostra.

As pezas combinan obras da colección do propio artista con cesións de coleccións particulares e pezas cedidas polo CGAC, o Consorcio Zona Franca de Vigo, Afundación, Abanca e Museo Municipal de Vigo Quiñones de León.

A coincidir con esta mostra, o 19 de xaneiro desenvolverase unha xornada de reflexión e debate sobre a escultura galega contemporánea. Na mesma Miguel Anxo Rodríguez González fará un repaso pola escultura galega contemporánea e unha mesa redonda coas artistas Amaya González Reyes e Basilisa Fiestras e o escultor e profesor universitario Javier Tudela debaterán sobre a situación desta arte na actualidade.