Cineuropa baila baixo a choiva

O festival celebra o xénero musical e dá os seu premios de honra a Lois Patiño, Ana Belén, Charo López e João Pedro Rodrigues

Celebrando a efeméride do musical "Cantando baixo a choiva", que se estreou fai 70 anos en 1952, o festival Cineuropa de Santiago de Compostela terá como eixo temático principal o ciclo 'Cancións para despois dunha guerra', unha ampla homenaxe ao cinema musical. A imaxe deste ano de Cineuropa está inspirada neste filme, con choiva de Santiago, un farol da Alameda e o paraugas morado e o vestido amarelo de Coralia, unha das dúas irmás Fandiño coñecidas como "As Marías". Hoxe mesmo o director do evento, José Luís Losa, presentou o programa da que será a 36ª edición deste evento, que terá comezo o vindeiro 4 de novembro e que suporá a proxección de ata 126 películas nas que estarán representados 30 países. No caso do ciclo sobre cine musical serán 23 os títulos que ofrecerá, películas que abranguen desde o musical clásico de Hollywood ata o revival que o xénero coñeceu a finais da década dos sesenta. O festival dará os seus Premios Cineuropa de honra ao cineasta galego Lois Patiño, ás actrices Ana Belén e Charo López e ao realizador lisboeta João Pedro Rodrigues. Como primicias, proxectaranse no Cineuropa a película española "Mantícora" de Carlos Vermut, e a arxentino- alemá "Trenque Lauquen" de Laura Citarella.

O festival organizado polo Concello de Santiago, que se prolongará entre o 4 e o 20 de novembro, asenta a o seu recente carácter competitivo incluíndo cinco seccións oficiais, con once películas a concurso e un xurado internacional que deixará para a memoria o segundo palmarés da historia do evento. Ademais haberá ata sete seccións paralelas. Polas cinco sedes de exhibición (Teatro Principal, Salón Teatro, Cinema Numax, Multicines Compostela e Auditorio de Galicia) pasarán as proxeccións dos últimos traballos de recoñecidos cineastas como Rodrigo Sorogoyen, Rebecca Zlotowski, Paul Schrader, Mia Hansen Løve, Denis Côté, Hirokazu Koreeda así como as propostas de realizadores emerxentes como Charlotte Le Bon, Mikel Gurrea, Alice Diop, Paul Saintillan ou Valentina Murel. A través delas réndeselle homenaxe a talentos como o director Jean-Luc Godard e a actriz China Zorrilla. Mais o festival mantén invariables seccións como a Europea, Latidoamericano, Docs Cineuropa ou o esperado Maratón, seccións que desde as primeiras edicións fan ficar expectantes aos incondicionais do festival por poder ver na capital galega unha coidada selección de filmes das mostras máis importantes de todo o mundo.
Programa do 36º Cineuropa (pdf).
Ligazóns