Seis galardóns para a longametraxe "O home e o can" en Madrid

O Festival de Cine da capital española premia tamén a traxectoria do vigués exiliado en México Demetrio Bilbatúa

O Festival de Cine da capital española premia tamén a traxectoria do vigués exiliado en México Demetrio Bilbatúa
Fotograma de 'O home e o can'
Demetrio Bilbatúa
Demetrio Bilbatúa
A nova longametraxe do cineasta Ángel de la Cruz, "O home e o can" estreada recentemente no OUFF ven de acadar ata seis premios no Festival de Cine de Madrid, que organiza a Plataforma de Nuevos Realizadores. A película producida por Ézaro Films e Caladiño Filmes, proxectouse no idioma galego orixinal na 31ª edición do festival madrileño e foi galardoada cos premios ás mellores interpretacións masculina e feminina para Manuel Manquiña e Paula Chaves, o Premio da Crítica á mellor película e os galardóns á Mellor Montaxe, Mellor Dirección de Casting e Mellor Guión.

"O home e o can" foi rodada integramente na provincia de Ourense, en localizacións de San Cristovo de Cea, Ourense e San Cibrao das Viñas. A película é unha homenaxe ao neorrealismo -gravouse en branco e negro-, con forma dun drama arredor da soidade dos maiores e a crise demográfica do rural. No filme Manquiña dá vida a Manuel, un sexaxenario con disfunción intelectual de nacemento, que vive nunha aldea, da que nunca saíu. Falecida a súa nai el é o derradeiro habitante do lugar un accidente do seu inseparable can fai que saia alí a buscar axuda para tentar salvalo, entrando no descoñecido territorio da cidade. Alí coa fuxida do seu can, comeza para Manuel outro tipo de viaxe de busca, que comparte con Paula, unha menor de idade dunha familia que está a pasar a vida en fogares de acollida dos que fuxe. Xuntos iniciarán a busca do animal que deseguida se transforma nunha investigación para encontrar a Marta, a filla de Manuel, que lle foi arrebata para dala en adopción a unha familia con máis recursos.



Premio para o director vigués Demetrio Bilbatúa
Nesta edición o Festival de Cine de Madrid tamén outorgou un premio honorífico, o Premio Mirada Internacional, a outro realizador de orixe galega. Demetrio Bilbatúa (Vigo, 1935) foi recoñecido polo seu amplo traballo como documentalista durante décadas, levado a cabo desde México, onde se refuxiou coa súa familia como exiliados cando el tiña 9 anos. s. Logo da formación que recibiu no exilio mexicano encarreirou a súa vida profesional cara ao audiovisual. "Fixen un curso por correspondencia da Academia de Ciencias e Artes Cinematográficas de Hollywood", declaraba fai uns anos o propio Demetrio a Xan Leira para a serie "Historias de Vida", que difundimos en CulturaGalega.gal. Aquel curso deu en que, logo de participar en diferentes proxectos de cine, chegara a dirixir a maior empresa de posprodución de vídeo de toda Latinoamérica. A súa carreira profesional levouno a ser membro honorario da Academia de Artes y Ciencias cinematográficas mexicana