Sete voces literarias para un mundo en cambio

O CCG presenta o proxecto "Galicia: unha literatura por descubrir" para difundir as letras galegas no exterior

O CCG presenta o proxecto
Fotogramas de 'Galicia, unha literatura por descubrir'
Durante este verán, culturagalega.gal foi publicando unha serie de reportaxes sobre como a literatura galega contemporánea abordaba grandes debates da literatura contemporánea. Era o punto de partida do proxecto "Galicia: unha cultura por descubrir". Hoxe, a coincidir co inicio da Feira do Libro de Frankfurt, Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, a profesora Dolores Vilavedra, coordinadora do proxecto e Manuel Gago, director de culturagalega.gal, presentaron a iniciativa. Concibido como unha nova liña de acción exterior do Consello da Cultura Galega que se suma ás xa existentes, o proxecto concíbese como pezas audiovisuais que abordan grandes debates contemporáneos sobre a cultura desde a perspectiva dos creadores e creadoras galegos. O proxecto parte co produto 'Unha literatura por descubrir', no que sete coñecidos escritores do país abordan a súa escrita a partir de tres grandes temas moi vixentes no panorama editorial internacional: a escrita da natureza, coñecida en inglés como 'nature writing', como a literatura infantil e xuvenil afronta as transformacións da sociedade na idea de familia, sexualidade ou conflitos sociais, e a memoria do século XX e os pasados traumáticos.

Realizados por Pablo Goluboff, os vídeos entran directamente en materia a través da voz dos autores e a súa visión sobre cada un destes temas, convidando aos usuarios a explorar a nosa literatura a partir deste punto. No web do CCG, e a través de culture.gal, os vídeos atopan un contexto máis amplo coas reportaxes traducidas ao inglés. Os textos introducen os usuarios no marco máis preciso da literatura galega. A través dos críticos e especialistas ofrécense visións xerais que permiten comprender un sector e un espazo cultural aínda moi descoñecido en Europa. No proxecto participan Olga Novo, Manuel Rivas, Fina Casalderrey, Ledicia Costas, Suso de Toro, Xosé Manoel Núñez Seixas e Xesús Fraga.

Xa podes ver os vídeos:

Da man da natureza'




Unha sociedade en evolución


Construír memoria