Cando os nenos moldean a memoria

Un proxecto de arqueoloxía comunitaria recupera para a aldea de Salcedo (A Pobra do Brollón) un misterioso relevo levado hai sesenta anos

Un proxecto de arqueoloxía comunitaria recupera para a aldea de Salcedo (A Pobra do Brollón) un misterioso relevo levado hai sesenta anos
Nenos moldean a réplica da Pedra dos Currais. Foto: Proxecto Arqueolóxico Penas do Castelo
Nos anos 50, unha misteriosa pedra cun gravado duns cabaleiros correndo cos brazos abertos ao vento apareceu nunha casa do lugar de Salcedo (A Pobra do Brollón). A azarosa vida do relevo, levado da parroquia doce anos despois e hoxe en paradeiro descoñecido, vive un novo capítulo dentro do proxecto arqueolóxico Penas do castelo. Os nenos e os maiores da parroquia, canda unha restauradora, realizaron unha réplica e devolveron simbolicamente a peza ao seu espazo orixinal nunha das ruelas da aldea.

Esta historia comeza cunha escena moi do país. Un grupo de veciños de Salcedo (A Pobra do Brollón, Lugo) foron convidados a unha voda na aldea do Cebreiro. Ao entraren no local de celebración, o Mesón Xiraldo de Aurillac, ficaron pasmados. Velaí, pendurada dunha parede, estaba a misteriosa pedra que descubrira en 1952 o señor Antonio González "Cuco", durante a reforma da Casa de Currais, a vivenda familiar nesta aldea de Lemos. Un rechamante relevo, sen paralelos históricos en Galicia, no que dous cabaleiros armados con espadas, lanzas e motivos solares estenden os brazos. Aquí xorde unha abraiante historia de viaxes, confusións e restauración simbólica do patrimonio colectivo.

Como chegou a pedra de Currais ao Cebreiro? Para sabelo hai que remontarse ás orixes, cando o señor Antonio González "Cuco" axudaba os canteiros de Saa na reforma da casa familiar. Ao botar abaixo uns muros duns currais, o señor González localizou a pedra ao voltear o material no que estaban traballando. Isto en si non é insólito: é frecuente atopar nas casas tradicionais pedras reaproveitadas, procedentes de vivendas anteriores ou atopadas casualmente noutros puntos da parroquia. E tamén, como é habitual no mundo rural galego, a pedra non foi destruída, senón aproveitada. Situada agora imos nunha posición preferente da fachada da Casa de Currais, a pedra converteuse axiña nunha importante motivo visual da xente de Salcedo. A data de 1952 que figura nun estremo foi gravada polos canteiros para marcar o ano de reconstrución da Casa de Currais.

Porén, só ficou na fachada durante doce anos. Nos anos 60 foi vendida a Elías Valiña, cura do Cebreiro e unha das figuras fundamentais na reactivación do Camiño Francés. Valiña mercoulla por dúas mil pesetas e a pedra foi parar ao mesón que fundara el preto do santuario do Cebreiro. Aínda que hoxe tampouco a pedra se atopa alí.


Postal que se vendía no Cebreiro coa pedra.

A pedra misteriosa
En realidade, todo o que rodea a este relevo está rodeado dun círculo de misterio e incógnitas. O investigador Xabier Moure, que investigou a historia en 2015, considera que a pedra exhibida no Cebreiro xa non era a orixinal, senón unha copia, a xulgar pola profundidade dos sucos. Segundo o propio Moure, a pedra orixinal foi levada fóra de Galicia no seu momento e a gravura que se exhibía no Mesón Xiraldo de Aurilhac era unha réplica. Iso fai practicamente imposible determinar cal podería ser a cronoloxía aproximada do orixinal, e determinar con claridade o proceso de elaboración e os motivos cos que contaría inicialmente.

O que as fotos permiten ver é un conxunto de dous cabaleiros cos brazos estendidos e os seus cabalos, e un terceiro cabalo á esquerda. Ao carón dos cabaleiros, sobre os animais, obsérvanse dúas espadas. E no peito dun deles obsérvase unha sorte de disco solar, xunto cun motivo cadrado e con aspas. A escena complétase con outra espada próxima á man dun cabaleiro e dous motivos que poderían ser lanzas ou frechas.

Os expertos non teñen clara a cronoloxía da peza, que sempre se considerou un, polo momento, unicum do patrimonio cultural galego. Unha postal que se vendía no Cebreiro adxudicáballe unha cronoloxía da Idade do Bronce, se cadra porque as espadas teñen un gran parecido con motivos similares do rexistro arqueolóxico, pero o certo é que sen examinar o orixinal é complexo adxudicarlle unha posible datación. Pero iso non fixo perder, ou mesmo aumentou, o poder de engado visual destes homes que cabalgan cos brazos estendidos.

Unha recuperación
Ao longo deste verán, dentro das iniciativas do proxecto arqueolóxico Penas do Castelo, levouse a cabo unha experiencia que propón un novo xeito de relacionar as comunidades co seu patrimonio desaparecido. O proxecto Penas do Castelo está promovido polo Concello da Pobra do Brollón, Asociación Veciñal e Comunidade de Montes de Salcedo e conta co financiamento da Xunta de Galicia. Mentres que o núcleo central da iniciativa é a intervención no singular asentamento fortificado de finais da Idade do Bronce na parroquia, o proxecto desenvolve actividades adicionais vinculadas ao patrimonio local.


Fotos do obradoiro e inauguración. Proxecto arqueolóxico de Penas do Castelo

Deste xeito, os nenos e nenas da parroquia de Salcedo reproduciron a pedra de Currais para "volver poñela no imaxinario colectivo", segundo os responsables do proxecto arqueolóxico. A iniciativa consistiu en realizar un calco sobre arxila que posteriormente se recubriu de escaiola. Curiosamente, unha das nenas, Daniela, era neta de Antonio González, o descubridor da peza orixinal. A partir dos moldes feitos polos rapaces, a restauradora procedeu a realizar o calco definitivo en cemento dándolle unha fasquía similar á orixinal (á orixinal que debía ser copia). A actual propietaria da Casa de Currais, Carmucha González, ofreceu a posibilidade de recolocar a pedra na fachada, nunha localización próxima á orixinal. Os veciños xuntáronse para asistir ao acto e celebrar o retorno simbólico dunha parte do patrimonio parroquial.


Antonio González, descubridor da peza orixinal, revisa a nova réplica.



Unha iniciativa similar levouse a cabo no castro de Mallou, en Carnota, en 2013, cando unha vella cabeza de porco bravo aparecida no castro e substraída nos anos 80 da aldea foi recreada polo canteiro Marcos Escudero e as nenas e nenos da vila, a partir da memoria dos maiores.

Sesenta anos despois, os cabaleiros de Salcedo volven percorrer, coas súas armas, os terreos da parroquia preguntándonos de onde virán.