Nerea Barros triunfa no XIX Curtocircuíto coa súa estrea na dirección

Co filme 'Memoría' gaña a sección galega de filmes e de realización

| Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual
Compartir:
Fotograma de 'Memoria', de Nerea Barros

Fotograma de 'Memoria', de Nerea Barros

A actriz santiaguesa gañadora dun Premio Goya, produtora e tamén realizadora Nerea Barros ven de obter un duplo éxito na propia casa con 'Memoria' a curtametraxe documental coa que se estrea no traballo de dirección. O festival Curtocircuíto, no palmarés da 19ª edición que ven de rematar tras 9 días de proxeccións, recoñece o seu traballo co Premio Galiza ó mellor filme galego do certame e ademais co Premio CREA á Mellor dirección galega. O xurado da sección Planeta GZ, de curtametraxes galegas, tamén tivo unha mención especial para a peza 'Elefante', de Alberte Pagán. No relativo a audiovisuais galegos compre mencionar tamén o Premio #OutraCompostela, patrocinado por Santiago Turismo e Santiago de Compostela Film Commission, que foi para 'Ollada noutra Compostela', de Nerea Losada, Eira Losada, Sabela Vilas e Diana Iglesias.

Ademais destes galardóns, esta XIXª edición de Curtocircuíto tamén deixa un palmarés para o resto das súas seccións, cada unha co seu xurado. Na sección Radar, concédeselle o premio ó mellor filme da sección a 'Love & Revenge', de Anhar Salem. 'Laika', de Deborah Stratman obtivo o Premio Explora ó mellor filme desa sección. O xurado de Penínsulas composto por Clara Roquet, Helena Salgueiro e Miren Iza, concluíu que o Premio Penínsulas á mellor película da sección, patrocinado por RC Service é para 'Diez minutos hasta la medianoche', de Mario Sanz. O xurado concédelle tamén unha mención especial a 'Femer', de Ana Pfaff e Jaume Coscollar. O público do festival compostelán , nas súas votacións, decantou o seu premio, patrocinado por Gadis, para a peza 'Hideous', de Yann González da sección Radar, mentres que o Xurado Novo, composto por Berto S. Lozano, Maru Astray, Saya Mohamed, Héctor Iglesias e Nico Iglesias, concedeulle o seu galardón á mellor curtametraxe a 'Subtotals', de Mohammadreza Farzad tamén da sección Radar. O xurado novo fixo tamén mención especial a 'Camera Test', de Siegfried A. Fruhauf da sección Explora.

En 'Memoria' (2022), Nerea Barros (Santiago de Compostela, 1981) preséntase como directora e guionista cunha historia de 15 minutos sobre a desaparición e desertización do Mar de Aral, en Asia central. A través dos recordos dese mar interior desaparecido, aínda vivos nun antigo pescador e que llos transmite á súa neta, o filme presenta esta catástrofe medioambiental como un inicio claro do que traerá consigo o cambio climático que xa está en marcha a nivel global. Tamén incide na transmisión interxeneracional da historia local e a través da oralidade.

Que che parece esta nova?
114 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Nerea Barros, Sabela, Alberte Pagán, Documental...