Identifican unha porta monumental nas Penas do Castelo

Trátase dun dos castros máis antigos de Galicia

Trátase dun dos castros máis antigos de Galicia
A entrada monumental. Foto: Proxecto Arqueolóxico Penas do Castelo
O xacemento de Penas do Castelo (Salcedo, A Pobra do Brollón) deu a sorpresa en decembro do ano pasado cando as datacións de C14 ofreceron unha data moi temperá para a construción da súa impoñente muralla: o século IX a.C. Isto sitúa a este enigmático recinto fortificado, do que os arqueólogos xa tiñan grandes sospeitas da súa singularidade, como un dos castros máis antigos de Galicia, nun periodo escasamente coñecido entre a Idade do Bronce e a do Ferro. A campaña deste ano, recén rematado, confirmaba as expectativas xeneradas. Dúas sondaxes orientáronse á localización da entrada orixinal do castro, e tiveron éxito. Nunha zona na que a muralla parecía achairarse, apareceu unha gran entrada monumental de tres metros e medio de ancho. Pero a outra sondaxe detectou unha muralla exterior de pedra, dun metro de anchor, no que apareceu unha segunda porta. Segundo a arqueóloga Elena Taboada, de Árbore Arqueoloxía, "non existe ningún paralelo en Galicia. En ningún caso os poucos exemplos de castros tan antigos teñen este nivel de monumentalización e petrificación".


As dúas portas localizadas. Foto: Proxecto arqueolóxico Penas do Castelo

Adicionalmente, os arqueólogos practicaron unha terceira sondaxe no interior do recinto no que xa se interesaran na campaña anterior, e había un motivo moi claro. Quen visite o castro sorprenderase da incrible pendente de todo o recinto, que fai aparentemente imposible habitalo agás nunha zona inferior, na que se apreciaba un pequeno valado e unha superficie máis achairada. Alí apareceran escouras de mineral e algúns fragmentos de palla-barro, o material empregado para a construción de cabanas habitual nos poboados da Idade do Bronce ou nas primeiras fases dos castros. A intervención nesa área permitiu localizar unha estrutura definida por unhas pedras planas e máis escouras, aínda que o tamaño da sondaxe non permitiu aclarar a funcionalidade dese espazo. Pero esa palla barro permitirá obter novas datacións que poderán contrastar estes materiais do interior do recinto coa construción da gran muralla. Curiosamente, tanto na campaña do ano pasado como na do actual non apareceron, como é habitual nos castros, fragmentos de cerámica. A campaña arqueolóxica foi financiada pola Xunta de Galicia coa colaboración do Concello da Pobra do Brollón, a Asociación Veciñal e Comunidade de Montes de Salcedo.