Galaxia conmemora 50 anos de obra poética de Helena Villar

A editorial publica a antoloxía De rosa antiga

Unha escolma da creación poética que desenvolveu Helena Villar entre 1072 e 2022. Esta é a proposta de De rosa antiga, a obra que acaba de lanzar a editorial Galaxia e que recopila a evolución como poeta da autora e amosa as claves principais do seu universo creativo ao longo dos últimos cincuenta anos.

O volume, de 156 páxinas, recolle pezas dos inicios da autora no colectivo Cravo Fondo co seu primeiro poemario Alalás, onde foi pioneira na poesía erótica en galego. Desde así, segundo sinala a editorial, "da voz intimista do inicio, a súa obra evolucionou cara a novas temáticas e ritmos, desde a poesía mínima dos inicios, que culminou nos haikus, ata contidos de carácter social ao redor das perspectivas feminista, ecoloxista e solidaria coa dor de todos os exilios".

Villar, nada en Becerreá en 1940, licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade de Madrid, e ademais do seu labor na poesía cultivou tamén a narrativa e a literatura infantil e xuvenil. Ocupou a presidencia da Fundación Rosalía de Castro, foi secretaria do Pen Club de Galicia e formou parte do Plenario do Consello da Cultura Galega. Foi recoñecida como socia de Honra de Gálix e da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, que a recoñeceu en 2016 co E de escritora (2016), ademais de ser académica correspondente da Real Academia Galega desde 2017.

Entre outros premios de poesía, conta no seu haber co Xosé Mª Chao Ledo (1990), o Eusebio Lorenzo Baleirón (1992), o Xacobeo (1994), ou o Arume de Poesía Infantil (2003).